26 de feb. de 2014

Iniciamos a temporada de regatas de dornas en Ribeira.


Regata de inverno 2014.

Xa era tempo de empezar a mover as dornas e nada mellor que botalas á auga e facer algunha regata. 
O Lajareu  programou a habitual Regata de Inverno con catro probas durante os meses de marzo e abril, concretamente as datas son o 1 de marzo, o 15, o 29 e o 12 de abril. Dependemos sempre das condicións meteorolóxicas así que esperemos que se poidan manter neses días.
Nestas datas adoitan ser regatas cortas porque cae pronto o sol, papamos algún chuvasco e anda o frío ao redor pero esa é a gracia que ten; xuntarnos as tardiñas dos sábados, falar da brea e do saín, e que uns coseron un rizo e outros non.

Aquí vos deixo o Anuncio de regata que facemos habitualmente. Bo vento.





5 de nov. de 2013

O Encontro do Freixo



Hola mariñeiría!
Acabo de ver unha entrada magnífica do noso amigo catalán Joan Sol, no seu blogue http://elmareselcami.blogspot.com.es/  con reflexións e unha estupenda reportaxe de fotos do Encontro do Freixo, no que tivemos o placer de navegar xuntos. Por iso vos invito a botar unha ollada a este post, http://elmareselcami.blogspot.com.es/2013/10/encontro-do-freixo-2013.html, que ainda que esté en catalán enténdese de marabilla se un ten boa intención e gañas, e a disfrutar das excelentes pfotografías: das que aparecen na entrada e das que se ven mediante o acceso a flirk  que aparece ao final do artigo.
http://www.flickr.com/photos/navegantsolitari/sets/72157636723769384/


15 de set. de 2013

A REGATA STA. UXÍA TRASLADASE AO DÍA 21 AS CATRO DA TARDE

O Lajareu tiña prevista para o pasado día 7 a regata que habitualmente facemos a primeiros de setembro. Ese día levantouse con vento do norte de mais de 20 nós na abra de Ribeira e as predicións indicaban que se ía manter toda a xornada, igual que nos días anteriores.

Por este motivo e tendo como exemplo todas as incidencias que houbo na regata do Carme, xa pola mañá decidiuse non facela. Logo o tempo tivo altibaixos e non foi o que estaba previsto, recalmou ao mediodía e voltou a subir ata os 28 nós de máxima. 


A decisión do comité de regata de suspendela sempre trae comentarios pola tardiña pero hai que respetala porque teñen que pensar en todas as dornas e non só nas cinco primeiras.

As dornas deixan o Lajareu por babor na regata de Sta. Uxía 2012 para poñer proa ao Camouco, ao fondo


Cunha foto desta regata no ano pasado invitámosvos a vir o próximo sábado día 21 para disputar a edición do 2013.



23 de ago. de 2013

A DORNA CARIÑOSA GAÑOU A REGATA DO CARME DE RIBEIRA

O Lajareu mantén o trofeo da Dorna de Prata no Concello de Ribeira.


A tarde do sábado presentouse máis venteada do que indicaban as predicións e motivou que as dornas coseran rizos, a meirande parte un e algunha dous.

Aquí tedes todas as fotos da regata.





Unicamente a dorna Cariñosa da A. C. D. Dorna da Illa de Arousa aguantou con toda a vela e rematou a regata en primeiro lugar, parabéns aos campións.




O vento estivo de noroeste polo que o percorrido consistiu en dúas voltas a un triángulo formado por unha boia na praia de Coroso, o Lajareu e o Camouco, para rematar na boia da praia de novo.

 

 A Zoa e a Áncora, da A. C. Lajareu por Barlovento de Ribeira entraron cunha mínima diferencia na meta en segundo e terceiro lugar.










 


A Rona, da Asociación de Amigos da Dorna Meca, do Grove, entrou en cuarto posto.


Clasificación da regata do Carme 2013






As condicións do mar e do vento provocaron que algunhas dornas tivesen problemas para completar o percorrido, é de agradecer o traballo das embarcacións de apoio e da Cruz Vermella axudando a todas as que o precisaron.





















As primeiras dornas clasificadas logo de recoller a Dorna de Prata

6 de ago. de 2013

A REGATA DO CARME, TROFEO DORNA DE PRATA SERÁ O 17 DE AGOSTO


Ola a todos, logo de idas e voltas coa data, o sábado 17 de agosto organizamos a nosa regata principal do verán, a Regata do Carme, Trofeo dorna de prata. A saída está prevista para as 16:00, momento a partir do cal se dará a primeira pitada.
Dende o Lajareu invitamos a todos os clubs a que veñan a pasar o día a Ribeira e a participar nesta regata, na que coma todos os anos, ademais da clasificación individual, ponse en xogo a Dorna de Prata na clasificación por clubs.
Esta é unha regata por equipos na que se pon en xogo o trofeo "Dorna de Prata" que o equipo vencedor deposita na sede do seu Concello durante un ano, ata que se dispute de novo. 
Por cada club puntúan as tres primeiras dornas de cada un e o que teña menor puntuación é o vencedor. O ano pasado a Zoa de Charli e Xosé gañaron a regata e axudaron a que a "Dorna de Prata" quedase en Ribeira. Sempre está complicado facer que as tres dornas que puntúan estean preto da cabeza porque a competitividade é moi alta e cada ano os regatistas afinan mais, calquera despiste ou fallo faite baixar na clasificación.


Outra cita próxima é este sábado 10 na Illa de Arousa, onde se disputa a Regata do Bao 2013, que se caracteriza porque a saída é dende a praia, coas dornas varadas.
Como xa comentou Xosé nalgunha entrada, o importante é navegar, desfrutar con todos do mar e que haxa dornas a bolinar na ría.

Como facemos ultimamente, publicamos o Anuncio de Regata co que intentamos informar das condicións de participación e espallar o máximo posible o evento