14 de maio de 2013

SEGUNDA REGATA DE PRIMAVERA


17ª EDICIÓN-CAMPIONATO DE PRIMAVERA  DE DORNAS A VELA 2013

REGATA MARCADA POR UNHA TARDE SOLEADA E MOI APACIBLE  CON VENTOS ENTRE OS 7 E OS 8  NÓS, E UNHA TEMPERATURA EN TORNO OS 20º.
O pasado sábado día 4  de Maio  deu comezo a  2ª proba  de dornas a vela do 17º  campionato  de primavera de Lajareu por Barlovento, , na que participaron as dornas A Fiuza,    Lusiña, ,  Vikinga,  Volandeira,  Xaimiña,  Moura,  Rabuda,  Cachi, Praia da Bandourrío, Sandra e Zoa.
A tarde presentábase co ceo totalmente despexado  e unha temperatura casi de verán.
 O vento frouxo e moi fixado do oeste, faría desta regata unha tarde de navegación das que crean afición.
O percorrido da regata foi:  Saída dende o medio da badía de Coroso proa á boia de desmarque, situada perto do Náutico, para deixala por babor e continuar cara o faro do Lajareu, deixando este tamén por babor,  para despóis continuar  ata a Illa dos Ratos. Dende aquí rumbo ás Airoas para finalizar novamente perto da praia de Coroso.
No percorrido ata a boia de desmarque as dornas chegaron bastante agrupadas, destacando e pasando en primeiro lugar, como non podia ser de outra forma , a Zoa, cos veteranos regatistas Xosé e Charly. Seguída moi de perto pola Fiuza  e a Volandeira .
 Dende aquí e ata a illa dos Ratos,  e co vento pola aleta, as dornas manterian os seu postos, destacando  a lenta e imparable progresión que daa Xaimiña,  co seu xoven patrón, Xaime fillo, e a Sandra, que unha vez máis demostrou  as excelentes cualidades da sua dorna e o bo facer do seu patrón, José Antonio.
Deixada pola popa a Illa dos Ratos, quedaba o tramo ata as Airoas, o máis longo e determinante.   Co vento vindo moi perto da proa,  a únicas estratexias  consistían en pegarse  terra ou separarse cara o medio da ría.
Neste tram, prácticamente todas as dornas decidirían navegar polo rumbo de terra para así poder evitar a molestia da onda por proa.  Duas dornas, a  Xaimiña e a Sandra, destacaron neste bordo facendo unha gran remontada.
Rebasadas as Airoas, restaba o tramo final ata a liña de chegada no medio da praia de Coroso.  Non habería cambio ningún na clasificación ata a meta, ainda que neste tramo, xa contra o final da tarde, o vento rolaría un pouquiño cara o noroeste e entrando ás dornas pola amura, e obrigando os regatistas a bolinar moi fino para poder finalizar este último tramo nun bordo, cousa que non todos conseguirían.
Destacar, como ven sendo habitual, a impecable regata que fixeron Charly e Xosé na  Zoa,  que que situaron no primeiro posto na saida e o mantiveron ata o final,  impoñendo un forte ritmo e marcando unha gran ventaxa sobre os demáis regatistas.
Hai que destacar  o bo facer dos Xaimes, pai e fillo, que tendo virado a boia de desmarque nos últimas postos,  chegaron a pasar  a liña de cegada na terceira posición

A clasificación rematou así:

1º Zoa  ( Charly e Xosé )
2º  Sandra  ( J. Antonio e Carlos)
3º  Xaimiña ( Xaime,  Xaime-fillo)
4º  Moura ( Xesús e Marcos )
5º Lusiña (Antonio e Ron )
6º Cachi ( Juan e Tucho )
7º Volandeira ( Victor, Brux e Jorge )
8º A Fiuza ( Severino e Nacho )
9º Rabuda II ( Xosé e Santi )
10º Praia de Bandourrío ( Frank e Manuel )
11º Vikinga ( Fernando e Tano )

 

Vindeira regata  o sábado 18 de Maio as 16:30 horas.

2 de maio de 2013

Iniciamos a XVII Regata de primavera de dornas a vela no Lajareu

A LUSIÑA GAÑA A 1ª PROBA DESTA REGATA DE PRIMAVERA 2013 LOGO DUNS BORDOS DE BOLINA MOI BOS NOS QUE PASOU ÁS DORNAS DE CABEZA


A Lusiña pasa por barlovento da Carabeliña
O pasado sábado 20 de abril disputamos a 1ª proba da regata de primavera 2013, na que participaron as dornas do Lajareu A Fiuza, Cachi, Lusiña, Papoula, Praia de Bandourrío, Rabuda II, Sandra, Volandeira, Xaimiña e Xarda.

A tarde presentábase moi fermosa, co ceo azul e limpo, con vento moi frouxo do oeste pero con previsións de que forse a máis segundo pasase a tarde. O percorrido da regata foi saída de Coroso cara ao faro de Lajareu por babor (través), para despois seguir cara ao sinal do Caamouco por babor, a Illa de Rúa por babor (empopada) e chegada en Coroso (bolina).


A praia de Coroso foi testemuña da axustada saída sobre a pitada das primeiras dornas

A saída foi sobre as 16:30, cun vento fresco do noroeste cara ao Lajareu, que fixo andar lixeiras as dornas. Volandeira alcanzou o Lajareu no primeiro posto, mais seguida de preto pola Lusiña, Sandra, Xaimiña e o resto da flota e no que houbo que facer unha trasluchada para coller rumbo ao Caamouco e Rúa . A Xaimiña, que fixo unha manobra perfecta, saíu 1ª nada máis pasar o faro e as dornas foron empopadas ata Rúa. Neste treito, a Xaimiña, Lusiña e Volandeira loitaron por coller o barlovento mentras Sandra se afastaba desa loita. Volanderia pasaría 1ª o Falante de Rúa, pero coas outras tres pegadas á súa popa.

A saída de Rúa fíxose por esta orde: Volandeira, Sandra, Xaimiña e Lusiña. Aquí compre salientar a grande manobra da Lusiña, que navegou arrimada a Rúa e sorteando as pedras foi quen de saír pola Carabeliña. Isto fíxolle gañar un barlovento que na bolina a Coroso tería un valor de grande interese.



As dez dornas que participaron nesta proba logo de pasar Rúa. Hai que fixarse na terceira de babor para ver que son dúas



Unha tarde estupenda na Arousa. As dornas bolinan dende Rúa proa ás Airoas con Aguiño ao fondo

Ao saíren de Rúa toda a frota foi cara ás Airoas, xa con vento máis fresco do NO, e como acontece neste tipo de rumbos algunhas decidiron coller o rumbo de terra (Rabuda, Xaimiña .......) e as demais achegarse ás Airoas. Volandeira gaña o barlovento á Sandra pero non pode con Lusiña que favorecida por este vento máis forte navegaba moi veloz e rompendo moi ben as ondas.
Sandra e Volandeira viran para Coroso mentras Lusiña aproveita para achegarse ás Airoas todo o posible.
Indo xa para Coroso, Volandeira tenta rectificar facendo outro bordo, pero as súas bolinas non evitaron que Lusiña, imparable, cruzase a meta con tranquilidade. Sandra aproveitou moi ben o seu bordo e conseguíu pasar por diante da proa da Volandeira a poucos metros da meta. Xaimiña tivo que loitar e seu 4º posto coa Papoula tamén a pouco da liña de chegada.

Estas son todas as fotos. José María as fixo ben de preto, incluso dende o Caamouco.

A clasificación desta proba foi a seguinte:
1º Lusiña (Antonio e Ron)
2º Sandra (Jose Antonio e Marcos)
3º Volandeira (Víctor e José)
4º Xaimiña (Xaime e Xaime)
5º Papoula (Carlos e Manolo)
6º Rabuda II (Xose e Santi)
7º A Fiuza(Severino e Nacho)
8º Cachi (Juan e Jesús)
9º Praia de Bandourrio (Fran e Emilio)
10º Xarda (Carlos e Carmen)

A segunda proba é este sábado 4 así que vos esperamos coma sempre sobre as 16:00 para velear de novo.

Hai que facer unha mención especial aos novos regatistas do Lajareu que xa completan unha regata e cada día o fan mellor, todos pasamos polo último posto da clasificación e dende aí unicamente se pode ir para arriba. (Pode que algo de culpa a tivese o teléfono, que despista e perdes o rumbo)


Carmen e Carlos na Xarda