Ó pasado sábado 21 de Maio celebrouse a 3ª regata deste xa tradicional campeonato de Dornas a vela.
Baixo unhas condicións envidiaveis, xa que coa tarde despexada e un vento que soplaría de compoñente Noroeste con forza de entre 12 e 16 nós durante toda a xornada, faría o día perfecto para este tipo de navegación. Iso sí, todas as dornas houberon de coser un rizo á vela por imperativo da organización, por mor dos fortes refachos que no comezo e no nos últimos bordos da regata fixeron sofrir a máis de unha embarcación.
A saida coma de costume sería ás 16,30 horas nas inmediacións da bahía de Coroso, un pouquiño separada da praia, onde estaba situada a boia de desmarque. De ahí deberían rebasar a Illa Dos Ratos por estribor , e a continuación bordear, tamén por estribor, a Illa de Rúa, para ter que voltar cara a praia , onde estaba situada a chegada.
No momento da saida para rebasar a boia de desmarque, todas as embarcacións decidirían sair cara o Norte, non sendo a “Vikinga” e a “Moura” que no último intre decidirom sair no bordo contrario , e todas chegarían bastante xuntas , destacando a “Áncora”, que pasaría no primeiro lugar , e a “Lusiña” que pasaría no segundo, ainda que as duas embarcacións deberían voltar a sobrepasar a boia debido a que no caso da Áncora errou no sentido de paso, e no caso da Lusiña tocou a boia no último intre. Isto benefició a Vikinga que sería a primeira en sair deste paso, seguida moi perto pola Volandeira, a Moura e a Rabuda II.
De aquí e ata Os Ratos non mudarían as cousas , facendo as dornas unha fermosísima travesia paralela á praia. Xa saindo proa a Illa de Rúa, a Volandeira colocaríase na primeira posición seguida da Vikinga, Rabuda II, e a Moura.
A Volandeira comezaba a distanciarse do resto da flota, unicamente a Vikinga e a Lusiña seguiríanlle a estela no mesmo bordo proa a Palmeira , xa que o resto das embarcacións decidiran tirar proa ao Touro.
Xa moi perto da chegada, a Volandeira, destacada na primeira posición, tocou co timón nunha pedra e rompeu tamén a nós do Pau, ó que lle provocou unha importante pérda de tempo. Isto beneficiou a Lusiña que entraría de primeira, logo dunha importante remontada no último treito da proba que desbancou a Vikinga, ata ese intree en 2ª posición . A clasificación final quedou así:
1-Lusiña
2-Vikinga
3-Áncora
4-Volandeira
5-Moura
6-Sandra
7-Xaimiña
8-Cachi
9-Rabuda II
10- Tixosa
e a clasifica provisoria do campeonato, levando em conta que hai alguns empates, seria
1 VOLANDEIRA
2 ÁNCORA
3 LUSIÑA
4 VIKINGA
5 SANDRA
6 ARDENTÍA
7 MOURA
8 RABUDA II
9 XAIMIÑA
10 CACHI
11 TIXOSA
12 A FIUZA
A seguinte cita darase o próximo sábado 28 de Maio as 16,30 horas, sendo ésta a última e definitiva proba de esta edición, na que se fará a entrega de trofeos.