11 de xul. de 2007

VIII Encontro de Embarcacións Tradicionáis de Galicia





Os pasados dias 5, 6, 7, e 8 de xullo celebrouse en Ferrol o esperado VIII Encontro de Embarcacións Tradicionáis de Galicia. O Lajareu estivo dignamente representado pola Moura, a Adoa, a Ardentía e a Stella e as súas respectivas tripulacións. A primeira en chegar a Ferrol foi a Moura patroneada como ven sendo habitual a medias polos irmaos Cadaveira, e tripulada polo noso bo amigo Miguel, ao que agradecemos dende aquí a sua presenza e xenerosa colaboración na loxística. A Moura atravesou o golfo ártabro a vela, partindo dende o coruñés castelo de San Antón nunha preciosa travesía con ventos pola amura pola Ría da Curuña, a Costa de Dexo, o paso da Marola, a boca da Ria de Ares, e a espectacular entrada na Ría de Ferrol en popa redonda. Un saudo dende aquí aos compañeiros de travesía dos veleiros holandés e canadiano, da mugardesa do galeón coruñés aos que agradecemos a sua colaboración e calideza.
Na tarde do venres incorporáronse á nosa delegación as tripulacións da Adoa, Ardentía e a Stella que contribuiron a deixar o pabillón do Lajareu ben alto; mellor dito os catro pabillóns do lajareu que estrenamos para a ocasión vestindo de festa os mástiles da nosa flotiña.
Xa o domingo tivemos a honra de contar coa compañía dunha máis nutrida representación encabezada polo noso presidente Adelino, con Fernando, Charli e os dous Josés, que puideron disfrutar duns bordos pola Ría e compartir o xantar mariñeiro .


O encontro estivo magníficamente organizado. Felicitacións dende aquí aos Amigos do Clube do Mar de Ferrol polo ben que o fixeron e o mellor que nos trataron. Mesmo se ocuparon de encargar un ventiño chulo para os catro dias do que disfrutamos o cento longo de embarcacións que alá acodimos a encher a Ría de velas de relinga, latinas, místicas, de martelo, ao terzo, cangrexas e de propia colleita: qué espectáculo!









Sen desmerecer a todas as magníficas embarcacións que alí velearon, resultou salientable a presenza dun baleeiro dos Açores, de espectaculares liñas estilizadas,







do noso parente o carocho do miño,










dun precioso cutter inglés de 94 anos












e, como non, da espectacular a goleta de velacho "Recoubrance" réplica dun "aviso" da armada francesa de 1817 representante da cidade de Brest que veu para invitarnos á festa do mar que celebra a cidade bretona o ano que ven.

Do maior interés foron as xornadas técnicas sobre unha futura lexislacións das embarcacións tradicionáis celebradas a bordo do Hidria con ponentes do máximo nivel que inaugurou o noso querido Morling que nos honrou coa sua presenza durante os catro dias.
Un saudo aos amigos vascos da traineira Ameriketatik, ás delegacións catalana e cartajenera e aos nosos amigos de Monforte que fixeron navegar pola ria de Ferrol a sua ancestral "barca de dornas".
E para todos: Ata o próximo encontro, mariñeiros!