Regata de dornas en Ribeira
25 de xuño de 2025
REGATA DO CARME 2025. ANUNCIO DE REGATA DE DORNAS
3 de xuño de 2025
REGATA DE PRIMAVERA - 5ª PROVA FINAL
E chegamos à prova final da regata de primavera de dornas do Lajareu de Ribeira. Foi o sábado 24. Desta volta celebrarom-se as cinco provas sem termos que cancelar ou adiar pola meteorologia. Vencedoras??? Toda a frota!!! por que forom cinco jornadas a desfrutamos com paixão do mar de Ribeira e do deporte da vela.
5ª PROVA
Imos primeiro co relato da quinta prova, para o que contamos co patrón da Papoula, Carlos Otero, que junto com Jorge Ramos à tosta, forom a dorna vencedora da mesma.
Como foi o percorrido, Carlos?
- Xa sabes, como case sempre a liña de saída estaba en Coroso e boia de desmarque por babor, cara o vento NW que tiñamos. Fomos os que nos achegamos máis á boia xunto coa Xaimiña que pasou primeiro, e depois nós. Continuamos en empopada a deixar o sinal do Lajareu por babor, e alí virada por popa cara a illa de Rúa. Nese bordo longo levamos sempre por diante de primeiros a Xaimiña, e pola nosa popa o resto que semellaba que se ían achegando e tal, pero fomos mantendo as distancias. En Rúa pasamos pola Carabeliña, que daba a marea. [foto que segue]
- Pois non. Había un ventiño que nos deixou facer a bolina cara as bateas de Palmeira. Na Papoula fomos indo a sotavento da Xaimiña. Pero, que pasa? Que me pareceu que facían o bordo cara a Ribeira moi prematuramente, entón eu deixei... deixeime ir moito máis para alá e fixen o bordo case pegado a terra. E onde estaba o vento ese día era en terra, macho!! O vento estaba terra!! Depois de Rúa era a entrar pola liña de meta en Coroso, e de feito, moitas dornas xa fixeron o bordo directo pero non colleron o bon vento que collemos nós de terra. A Xaimiña foi aínda polas Miñoteiras e tiveron que facer máis manobras. Aí foi onde nos situamos de primeiros, e na Papoula cunha soa manobra xa nos valeu para meternos de primeiros, tío!
Como se tomam essas decisões e defines a estratégia?
- Pois eu o que fago na miña cabeza é como un estudo de todo, vou facendo como un croquis de todo o que podo facer, e cálculos á miña maneira antes das manobras. Ás veces vai ben e outras veces non tan ben... he he he. Estas regatas longas están moi ben, dan moito de si, podes saír de último e acabar chegando de primeiro!
- Tamén fomos como un tiro por que preparei ben a dorna. O outro dia andoume na cabeza que a tiña mal e axusteina, tamén a vela, e ese é un dos factores para facer una boa regata. E desta volta vin que a dorna ía como un tiro!
- E xa sabes... o equipo é fundamental. Eu teño moita sorte co compañeiro que teño, Jorge. Leva comigo desde os 15 anos!! É tempo!! É un tripulante "de puta madre, tío" e facemos bo equipo e tal. E a parte é moi boa persoa.
- Pois que é unha marabilla gañar unha proba, he he he!! por que te volves competitivo... aínda que ao final podes facer unha regata bonita que desfrutas, fixeches unha boa estratexia, e quedas sen vento ao final entrando de último, mais se te divertiches e desfrutastes mogollón, pois acabas contento tamén, e iso é ser bon deportista. E desfrutar de navegar que a min é o que me interesa... E se gañamos, pois... "de puta madre"!
- E estou agora con idea de ir á Volta á Arousa, que para min é a regata raíña, e estar aí con todos vós e ir un bon grupiño do Lajareu. E temos o encontro galego este ano en Ribeira que estarei no clube que imos ter actividade todos os días, que isto é moi bonito. Paréceme moi interesante... e a travesía a Palmeira tamén nos ven depois. Non paramos!
PODIUM REGATA DE PRIMAVERA 2025
Agradecendo a Carlos o seu relato, passamos a anunciar e reconhecer as dornas vencedoras absolutas desta edição. Receberom os troféus da mão do concelheiro de Deportes, Xabier Vidal Peón, o concelheiro de Mar, Fernando Abraldes Pérez, da corporação municipal de Ribeira; e a diretiva do clube Adelino Formoso e Marcos Buíde.
Houvo aplausos para toda a família dorneira que estivo a participar com afouteça e deportividade desde março até finais de maio nas cinco provas. Mas ecoarom especialmente louvanças aos vencedores absolutos, a Xaimiña, com Jaime García e Juan Fontaíña que são ademais a tripulação mais nova. Merecidíssimos parabéns!
- Xaimiña (Jaime e Juan)
- Zoa (Charly e Carlos)
- Ardentia (José María e José Antonio)
A entrega de troféus foi acompanhada duns petiscos e o tradicional convívio marinheiro. Todas as persoas participantes receberom como lembrança a camisola do clube. E agradeceu-se especialmente a participação de dornas vidas doutros clubes e em particular a Josefa dos Dorneiros Regateiros, com Carterola e Geno que participarom em todas as provas e foi um prazer!! Também o agradecimento ao juiz de regata, Andrés Suárez, polo seu profissionalismo, e ao persoal de apoio.
ÁLBUM DE FOTOS REGATA E TROFÉUS
![]() |
Álbum fotos regata e troféus |
Fotos: Juana Parada (terra), Blanca Carballal (Moura) e Santi Moroño (Moura)
20 de maio de 2025
REGATA DE PRIMAVERA - 4ª PROVA
Regata movida o passado sábado dia 10. Saída de Coroso com brisa de componente N. A Moura, patroneada desta volta por Sergio Triñanes, aposta polo bordo contrário superando a boia de desmarque situando-se com clara vantagem na saída. Cae o vento co resto das dornas empantanadas numha pinha darredor da boia.
Avance mui lento até o sinal do Lajereu que se deixa por babor para enfilar cara Rua. Toma a cabeceira a Zoa, coa Xaimiña e a Josefa. Encalmadas a cada pouco polo que o juiz decide acortar, indicando virada no Camouco. Na virada cámbios importantes. A Ardentia -mui bem situada- não calibra a enxurrada que temos pola banda co devalo da maré, e costa-lhe vários intentos passar o Camouco. Mas na mesma armadilha imos caindo a maior parte das dornas precisando vários e complicados intentos para dar remontado a corrente. Trastocam-se os postos. A Zoa de primeira, e ainda com vento, consegue passar sem tanto problema e mantem a dianteira. A chegada é em Coroso coa seguinte classificação:
- Zoa
- Xaimiña
- Papoula
- Ardentía
- Josefa
- Cortegada
- Moura
- Lobeira
A Xaimiña, que tocara a boia, pratica a auto-penalização dumha volta completa de 360º antes de entrar na meta. A questão dá para certo debate, mui civilizado, técnico, e em boa camaraderia, cumpre dizer!! Levou a repassar o regulamento internacional de regatas e considerar os diferentes aspectos relacionados co espaço em baliza dependendo do rumo que levaba cada dorna na aproximação e o compromisso que se produziu, quando esta falta de espaço libera ou não da infracção de tocar a boia, quando e como autopenalizar e que conste adequadamente... Ao final houvo avinza, e quiçá não estaria de mais fazer outra serie de aulas sobre o regulamento como se tem feito hai anos no Lajareu.
Fotos e vídeos:
![]() |
Álbum fotos e vídeos |
Fotos: Marcos Buide (Lobeira), Juana Parada (terra), J. A. Álvarez - Brus (terra), Santi Moroño (Moura)
Tabela classificatória:
27 de abr. de 2025
REGATA DE PRIMAVERA - 3ª PROVA
Transcribimos de seguido a crónica da terceira proba que se celebrou onte, segundo o testemuño oral de Juan Fontaiña indo ao teste da Xaimiña.
Comeso polo percorrido, que foi saída en Coroso, boia de desmarque na praia por babor, Airoas babor, Camouco babor e para dentro meta en Coroso.
Sobre as fotos... o día non estaba para faser moitas fotos, estábache un dia sorro, que se di. Na praia de Coroso refachóns constantes… había que andar finos para non virar quilla arriba. Estivo ben!
A Josefa fíxoo moi ben. Saimos coa empopada, do porto para o Touro, que foi o vídeo que ghrabín [anexo], con moito coidado, que andaba forte a cousa, aínda sendo a empopada... De feito á altura do Touro, a nosa dorna [a Xaimiña] e alghunha mais ao entrar o refacho… puxémolas... pero a tope!!! Iamos nós, a Ardentía e a Josefa. A partir das Airoas foi onde a Josefa foi querendo marcar a singhradura, e foise impoñendo.
Depois cara o Camouco foi algho duro, que tiñamos moito mar tamén. e vamos... que nos entraba o salseiro e a augha polo corredor a todos!!
Do Camouco para dentro aínda iamos nós [a Xaimiña] primeiros. O Jaime despois de dar o bordo do sinal, colleu un pouco máis aberto o rumo metendo na enchama de fóra, en ves de bolinar moito e iamos andando máis ca eles [a Josefa], claro. Mais ao darmos a virada, xa vimos que estabamos máis lonxe e que nos adiantaran… Aí foi onde meteramos a soca, ahahaha… E nada… que estivo super ben!
Impúxose a Josefa, e hai que felisitar aos compañeiros da Arousa, o Geno e o Carterola, que estaban felises, que en 35 anos que ten esa dorna era a primeira vitoria (polo menos "ofisial"... de teren que traballala). Isto foi umha selebrasión. Estivo moi ben!
En resumo, que foi unha reghata un pouquiño exixente. Ao levarmos a vela enteira houbo que faser algho de banda. As dúas provas anteriores foram máis de paseo e esta foi un pouquiño máis seria. Mesmo a Teis dou quilla arriba. E ao haber vento de abondo cheghamos todas as dornas á xunta, non se demorou nada. Coma Vespinos fomos entrando!! ahahaha!! Estivo moi entretido.
E preparados para a seghinte!!
CLASIFICACIÓN:
- Josefa
- Xaimiña
- Ardentía
- Zoa
- Papoula
- Praia Bandorrío
- Cortegada
- Teis (DNF)
12 de abr. de 2025
REGATA DE PRIMAVERA - 2ª PROVA
![]() |
Paso polo Camouco na segunda volta |
Este sábado disfrutamos da segunda proba da Regata de Primavera cun día cuberto, con ameaza de choiva e co vento xustiño para sair a nevegar.
Sete dornas para un percorrido curto ao que lle dimos duas voltas, con vento de suroeste e 12 nos saimos proa á boia de desmarque na praia, Lajareu, Camouco, Lajareu, Camouco, momento no que rolou o vento a noroeste, o noso habitual San Alberte, e tivemos que bolinar para a chegada en Coroso.
Toda a xornada estiveron os catro de cabeza xuntiños marcándose entre eles e non se decidiu ata o último bordo onde se impuxo a Zoa de Charli e Carlos, a clasificación foia seguinte:
- Zoa
- Josefa
- Xaimiña
- Carmen
- Teis
- Moura
- Cortegada
![]() |
Álbum de fotos da xornada |
2 de abr. de 2025
REGATA DE PRIMAVERA - 1ª PROVA
![]() |
Passo polo sinal do Lajareu |
O passado sábado dia 29 de Março iniciamos no Lajareu por Barlovento a temporada de regatas de Primavera. Com um vento de força 4 de direcçom Nordeste que foi rolando a Norte e ondas de 0'5 metros, tomárom a saída oito dornas numhas condiçons ideais para a navegaçom.
O percurso de duas voltas a um circuito de regata estava formado por umha boia de desmarque para a primeira volta, o faro do Lajareu e a Ilha dos Ratos.
![]() |
Dornas ao mar! começam as regatas. |
A clasificaçom foi a seguinte:
- Ardentia
- Xaimiña
- Zoa
- Josefa
- Tixosa
- Cortegada
- Lobeira
- Moura.
A Ardentia, depois dumha saída um tanto azarosa, conseguiu remontar e alçar-se com a victória nesta primeira prova.
A Ardentia, vencedora da prova, no bordo de bolina cara os Ratos
Agradecemos a participaçom dos companheiros da Josefa, do clube Dorneiros Regateiros, e aproveitamos para convidar mais umha vez outras dornas que queram participar.
A segunda prova está prevista para o 12 de Abril.
![]() |
Álbum de fotos da jornada |
Fotos: Juana Parada (terra), Blanca Carballal (terra), Santi Moroño (Moura), Marcos Buide (Lobeira)
26 de mar. de 2025
ANÚNCIO DE REGATA DE DORNAS - PRIMAVERA 2025 LAJAREU
Este sábado 29 de março, às 16:30, disputa-se a primeira prova da regata de primavera de dornas a vela do Lajareu. Vai de seguido o anúncio oficial de regata, e abaixo ligação para a inscrição: