27 de xuño de 2013

A A. C. LAJAREU POR BARLOVENTO E O CONCELLO DE RIBEIRA PROMOCIONAN A NAVEGACIÓN TRADICIONAL EN DORNA

Convenio de colaboración

O Concello de Ribeira e a Asociación Cultural Lajareu por Barlovento veñen de asinar un convenio de colaboración o pasado 26 de xuño de 2013.
Neste convenio o Lajareu comprométese a promocionar o deporte en Ribeira e de xeito especial a navegación tradicional en dorna mediante a organización de diversas actividades como regatas de dornas, travesías pola ría, participación en regatas doutras asociacións ou estar presentes en encontros de embarcacións tradicionais ao longo deste ano.
Pola súa parte o Concello comprométese a subvencionar parte dos custes da organización destas actividades.


25 de xuño de 2013

Preparativos para o Encontro do Freixo-Outes 2013

Boas a todos,

este sábado 29 é A Volta á Illa e a marea coincide ben para botar e logo subir a planeadora e as dornas que queiran ir aló porque está baixa ás 15:30.
 
Como quedan dúas semanas para o Encontro do Freixo-Outes 2013 precisamos organizar as nosas viaxes e estancia eses días e aproveitando que imos a estar pola nave convocamos unha reunión de información para os patróns das dornas inscritas e os tripulantes que queiran ir ao Freixo sobre as 11 da mañá.

Os temas a tratar son:
- Organizar os traballos de última hora na Insuabela
- Trasladar aos participantes a información xeral que nos facilitou a Organización, con especial tratamento para o tema das comidas e das embarcacións polo que é moi importante que estean os patróns.
- Organizar as posibles travesías para o sábado 6 en función da climatoloxía porque de Ribeira ao Freixo hai 26 millas (que levaría mínimo unhas 9 h se está o día perfecto). Para isto precisamos coñecer a dispoñibilidade de coches, remolques, tripulantes e telo algo organizado.
- Organizar os patróns e as tripulacións das dornas do club para cada xornada de navegación no Encontro.