23 de ago. de 2013

A DORNA CARIÑOSA GAÑOU A REGATA DO CARME DE RIBEIRA

O Lajareu mantén o trofeo da Dorna de Prata no Concello de Ribeira.


A tarde do sábado presentouse máis venteada do que indicaban as predicións e motivou que as dornas coseran rizos, a meirande parte un e algunha dous.

Aquí tedes todas as fotos da regata.





Unicamente a dorna Cariñosa da A. C. D. Dorna da Illa de Arousa aguantou con toda a vela e rematou a regata en primeiro lugar, parabéns aos campións.




O vento estivo de noroeste polo que o percorrido consistiu en dúas voltas a un triángulo formado por unha boia na praia de Coroso, o Lajareu e o Camouco, para rematar na boia da praia de novo.

 

 A Zoa e a Áncora, da A. C. Lajareu por Barlovento de Ribeira entraron cunha mínima diferencia na meta en segundo e terceiro lugar.










 


A Rona, da Asociación de Amigos da Dorna Meca, do Grove, entrou en cuarto posto.


Clasificación da regata do Carme 2013






As condicións do mar e do vento provocaron que algunhas dornas tivesen problemas para completar o percorrido, é de agradecer o traballo das embarcacións de apoio e da Cruz Vermella axudando a todas as que o precisaron.





















As primeiras dornas clasificadas logo de recoller a Dorna de Prata

6 de ago. de 2013

A REGATA DO CARME, TROFEO DORNA DE PRATA SERÁ O 17 DE AGOSTO


Ola a todos, logo de idas e voltas coa data, o sábado 17 de agosto organizamos a nosa regata principal do verán, a Regata do Carme, Trofeo dorna de prata. A saída está prevista para as 16:00, momento a partir do cal se dará a primeira pitada.
Dende o Lajareu invitamos a todos os clubs a que veñan a pasar o día a Ribeira e a participar nesta regata, na que coma todos os anos, ademais da clasificación individual, ponse en xogo a Dorna de Prata na clasificación por clubs.
Esta é unha regata por equipos na que se pon en xogo o trofeo "Dorna de Prata" que o equipo vencedor deposita na sede do seu Concello durante un ano, ata que se dispute de novo. 
Por cada club puntúan as tres primeiras dornas de cada un e o que teña menor puntuación é o vencedor. O ano pasado a Zoa de Charli e Xosé gañaron a regata e axudaron a que a "Dorna de Prata" quedase en Ribeira. Sempre está complicado facer que as tres dornas que puntúan estean preto da cabeza porque a competitividade é moi alta e cada ano os regatistas afinan mais, calquera despiste ou fallo faite baixar na clasificación.


Outra cita próxima é este sábado 10 na Illa de Arousa, onde se disputa a Regata do Bao 2013, que se caracteriza porque a saída é dende a praia, coas dornas varadas.
Como xa comentou Xosé nalgunha entrada, o importante é navegar, desfrutar con todos do mar e que haxa dornas a bolinar na ría.

Como facemos ultimamente, publicamos o Anuncio de Regata co que intentamos informar das condicións de participación e espallar o máximo posible o evento



1 de ago. de 2013

A Deputación da Coruña concede unha subvención ao Lajareu

Subvención da Deputación para o ano 2013

A Deputación da Coruña ven de conceder á Asociación Cultural Lajareu por Barlovento unha subvención o pasado 17 de xullo de 2013.
Esta subvención está dirixida a investimentos durante o ano 2013 e nesta ocasión o obxecto en concreto é a elaboración do velame para a dorna xeiteira Insuabela por un importe de 1.198,63 €.