16 de dec. de 2005

Proposta de calendario de regatas para o vindeiro ano



Data

Hora

Regata

21/01/06

16:00

Trofeo inverno 1ª

5/02/06

11:00

Trofeo inverno 2ª (Travesía)

18/02/06

16:00

Trofeo inverno 3ª

5/03/06

11:00

Trofeo inverno 4ª (Travesía)

18/03/06

16:00

Trofeo inverno 5ª

1/04/06

16:00

Trofeo primavera 1ª

23/04/06

11:00

Trofeo primavera 2ª (Travesía)

6/05/06

16:00

Trofeo primavera 3ª

21/05/06

11:00

Trofeo primavera 4ª (Travesía)

3/06/06

16:00

Trofeo primavera 5ª

22/07/06

16:00

Regata da dorna

12/08/06

16:00

Volta a Rúa

19 de xul. de 2005

Festa da Dorna 2005

Festa da Dorna 2005

Confirman algúns elementos da Real e Ilustre que xa están instalados os novos cañaeductos dende a sede sentral da EstrellaJalisia.

"Desde hase mucho tiempo," engadiu o director da cervexeira, Rómulo Cofiño, "copiamos de los Americanos residentes en Neuark, Nova Jersey, jrasias a las filtrasiones de los Netos de los Fillos de los Hijos de Palmeira, U.S.A., S.L., que el nejosio estaba servido se consejíamos una tubería de diámetro sufisiente para abastecer a Ribeira durante la Festa de la Dorna. Consejimos las ultimas subensiones justo a tiempo jrasias a la concesión de paso-cañera concedida por Palmeira-Bush Country."

Visto lo visto non sei como se lle ocorre a Paleón dicir que el vai pagar a primeira volta. ¿Este rapás debe ser de Ribeira, non?

Todo o demais é Festa.

11 de xul. de 2005

Regatas: "Regata do Albariño" nos Encontros de Cambados

DSCN5537

Moi, pero que moi ben o VIIº Encontro de Embarcacións Tradicionais que rematou o pasado domingo en Cambados. Nós pasamos un fin de semana en jrande, como dicimos por aquí. Coido que a organización estivo ben e que o nivel cultural dou o callo. Sufriuse moito polo nordés que non deixou que se lucirán máis as embarcacións no mar, cousa que afectou directamente a Lajareu que non puido traer unha maior representación de dornas por que nos comía o mar ó cruzar a Ría nos dous primeiros días dos encontros. Logo cruzaron tan só tres embarcacións cun par de rizos cadansúa. (Un aplauso á Rabuda polo seu intento de cruzar o charco o xoves con Forza 7-8. Non puido ser. E logo polo seu cruce sen vento no domingo do regreso a Ribeira.) Que mal nos tratan os deuses.

A Regata do Albariño de dornas a vela polo menos tivo mellor sorte. Os regatistas lucíronse cun ventiño fresco que demostrou, unha vez máis, que nesas condicións non hai quen poda coa Liviana do Club Rodeira de Cangas. ¡Miña nai, como corre a cabrona! Con dicirvos que deixou á Pereka e á Nécora tiradas xa vos digo todo. (¿A que leva un motor intra-borda deses modernos, eléctricos ou nucleares, ou non sei que! Lévao.) De todas formas os da Illa seguen mantendo o máis alto nivel competitivo. Teñen un pila de bos regatistas. Tamén ensinou os dentes o Parada dos Mecos do Grove. Non se pode un fiar del nas ceñidas. Nós fixemos un octavo, e non hai queixa dado o nivel que están demostrando os do outro lado da Ría.

Enhoraboa a toda a Organización dos Encontros. Moi ben. É fácil criticar e buscar pegas ás cousas, pero eu póñome no voso pelexo é tremo.

Alghunha foto en Vieiros.

6 de xul. de 2005

Técnica: A "Zoa"

IMAG1809

O noso Charly e un patrón minucioso. Hai poucos como el. Coida da súa Zoa como ninguén. Mira todos os detalles antes das regatas: comproba que todo estea no seu sitio, que a pintura se deslice perfecta sobre as augas, que a relinga non baile de máis, que non teña ningún peso que non sexa necesario. Ata ten un testigiño na driza que lle conta en voz baixa os segredos do vento--non vaia ser que os oian os demais. Nós considerámolo un pouco esaxerado. Mira que levar de tripulante ó Cabaleiro sen Cabeza. ¡Fodas! ¿Canto pesa unha cabeza, oh?

VIIº Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en Cambados

Atlantis Blues - Steven John Koeppe
Atlantis Blues

Non perdades os encontros en Cambados nos días 6 a 10 de xullo. Hai un pouco de todo para todos e algún que outro cantar na Taberna Mariñeira.

¡Vamos alá!

1 de xul. de 2005

Técnica: A "Visenta"

Regata da Dorna 2003 - Visenta

Con vento de San Alberte--pódese ver a capela deste santo dos ventos ó fondo da foto, no monte--é preciso o máximo coidado, o cálculo exquisito. O que non cumpre molla vela, arrastra mar, acaba cun cesto de camaróns abordo no arrastre. Non sei o que dirían os de Pesca Marítima sobre este tipo de capturas e artes de pesca. A Alejandro, dende logo, non lle cae o sombreiro.

28 de xuño de 2005

Regatas: A Raíña Delas

volta á illa 006

O sábado 25 de xullo foi o gran acontecemento na Illa. Nin máis nin menos que 42?non se aprecian nas fotos?42 dornas a vela saíndo do Bao. ¿Onde está a TVGA cando fai falla? Isto, señores, non se ve todos os días. Por certo, todas elas, jarbosas, saíndo por un furadiño moi estreito e emocionante na liña de saída. Nós, na Jolfiña, saímos sen moitos rabuños, inda que xa mirándolle a popa ós veloces de sempre: á Pereka, á Cariñosa, á Liviana, á Nécora....Vaites como voan. Pero entre elas as grandiosas Xarda e Zoa de Lajareu que estiveron loitando polos primeiros postos durante toda a travesía. A Zoa fixo un galante segundo que non é ningunha coña nunha regata tan difícil como é a Volta; a Xarda fixo un moi respectable octavo posto. E por que non dicilo: a Sandra fixo un décimo. (Nós quedamos á porta ca Jolfa que non tivo moitas gañas de galopar en ceñida, pero inda así fixo un moi bo undécimo posto.)

Por que non tamén aproveitar para darlle un forte abrazo ós da Josefa que nos levaron polo camiño da amargura desde que saímos xuntos ata que chegamos. (Iso despois de facer bordos opostos durante toda a travesía.) O mellor foi a cervexa que tomamos xuntos despois de rematar a proba.

volta á illa 007


Noraboa á A.C. Dorna. Moi boa organización. Unhas pitadas de saída perfectas e moitas embarcacións de seguridade durante todo o percorrido.

Proxectos: A "Xaimiña"

jaime 2 239

Non. Non é unha cadeira desas raras das que se ven no Museo da Arte Moderna de Neu Ior. É, nin máis nin menos, ca "Xaimiña" en camiño a ser unha dorna estrela. Agora que Jaime García Leira atopou o segredo das táboas que non rompen a viralas --leva xa non sei cantas ducias escachadas-- todo vai con vento en popa a toda vela. Noraboa por un proxecto de recuperación do que teremos moito que falar. Agora ben, ós prezos actuais da madeira de pino correúdo e da cervexa, por iso de calmar os nervios, esta vai ser unha verdadeira obra de amor ó arte.

jaime 2 238

24 de xuño de 2005

Técnica: Gañar a Terceira Regata de Primavera

O principal para gañar unha regata é dotarse dunhas gafas de sol con filtro UV e ampla panorámica (estilo Formiga Atómica), saír nos postos de diante, poñer cara de velocidade, e sobre todo ter moita chorra.

O Patrón da Jolfiña

Se non o creen vexan o patrón da Jolfiña cando era un pouco máis novo. Por aquel entonces faltoulle o último dos puntos para gañar a regata, pero non así na terceira proba do campionato de primavera.

Pero por favor, non crean que todo é chorra, tamén hai algo de autobombo; vexan as crónicas da regata nos medios habituais: Vieiros, Radio das Rías, Masmar e La Voz de Galicia

22 de xuño de 2005

Técnica: A "Papoula"

Papoula e Lusiña en Rua

Un bo proel ten que ser como Jorge Ramos da "Papoula". Con ou sen mal tempo ten que seguir sempre as ordes do seu patrón. Aquí en posición homus erectus na empopada. ¿Incorrecto, dicides algúns? Pois non. Carlos Otero, patrón nado na Arzúa, non che anda con contos.

"Ti como as cobras na India, Jorgiño," estalle dicindo Carlos, "non lles quites ollo os da Lusiña ata que queden ben alucinados e ben por popa nosa."

Aquel Motor

IMAG1774

O noso Presi co seu gardacostas en tempos felices cando inda tiñamos motor: aquel Yamaha de 25 cabalos a catro tempos que algúns fillos de mala nai nos roubaron o 15 de xuño. ¡Mala rabia os leve a todos! Agora a esperar ata ver cando lle volve o sorriso a Bijotiños.

2 de xuño de 2005

Atracción Fatal

A pobre dorna Adoa, e/ou seu patrón Jaime ten que ir ó corpiño para ver se curan dun mal de ollo que alguén lles botou. Nas dúas últimas regatas de primavera viñéronselle enriba unha chea de dornas cando chegaron á marca para virar.

E pase a primeira vez; que non pasa porque o pobre de Jaime foi en toda a empopada case dende a saída ata o Sinal do Maño avisando a todo o persoal para que respectara as preferencias de paso. Pero na regata do domingo, xa non ten perdón. Porque ademais de ir avisando como na regata precedente, desta tiveramos cursiños teóricos, se fixeran circular os regulamentos de navegación a vela, e inclusive poñerase unha ligazón nesta páxina web ós devanditos regulamentos.

Pero non crean que lles minto. Temos as testemuñas gráficas que dan boa proba do dito:

Maño 1

Maño 2

Maño 3

E unha pena. Síntoo por riba de todo polo pobre Luis (o proeiro da Adoa). El é un rapaz dos máis novos neste mundiño das dornas, pero tamén un dos máis competentes; e di que polo de agora non se vai lear a mallar ca vara de portar na cachola dos que lles aborden, anque di que, para a súa mellor protección, que ademais do chaleco que leven na cadeira un casco.

Como sempre poderán ler sobre isto e outras cousas acontecidas na regata nos medios que están a cubrir habitualmente estes eventos: La Voz de Galicia, Masmar, Radio das Rías e Vieiros.

21 de maio de 2005

Aprazamento da segunda regata de primavera

O pasado domingo tiveramos que aprazar a regata por mor do tempo, é dicir, do mal tempo. Ademais os de Salvamento Marítimo dixérannos que ía a empeorar pola tarde.

Só puideramos ver un barco navegando na Ría.O tempo estivo malo de verdade. José María, o patrón da Candorca, comentáramos que a pasada semana vira un tromba mariña o longo da Arousa. Non era moi grande, pero tivera visto un enorme na Ría de Muros e Noia e que levantaba auga que daba medo.

E con unha cousa e outra estiveramos falando de tormentas brancas, de naufraxios e ata de tormentas perfectas.

Nembargantes, a conversa non quedou nestas cousas. Tamén tiveramos tempo para falarmos do Regulamento Internacional de Regatas, e do difícil que é que se cumpra porque, as veces, ou os patróns non o coñecen, ou non saben como interpretalo.

5 de maio de 2005

Vini, Vidi, Vinci

Pois iso, que o noso compañeiro Manuel Sampedro "Charly" chegou, veu e venceu. Non parecía que estivera moi desadestrado na navegación e iso que, estando por Asturias, non veu a ningunha das regatas de inverno. Con un pouco de sorte anímase a vir as de primavera para quitar un trofeo.

Zoa

Vexan vostedes como ciñe o tempo que se permite posar para á cámara. Claro, que o noso Charly sempre foi moi fotoxénico, e xa no ano 96 fora portada do número 0 de nosa revista Relinga --como non-- cinguindo na súa dorna.

RelingaNum0

Se o desexan poden vostedes ver na prensa toda a información sobre o evento: La Voz de Galicia, Vieiros, Masmar e Radio de las Rías.

21 de abr. de 2005

Técnica: A "Candorca"

Candorca Airoas Tres Abordo

A Candorca: Somos tres abordo, pero non nos ven. Detrás das Airoas metemos o foraborda...para compensar.

20 de abr. de 2005

XARDATION!!!

Dicía algún da Jolfiña que a Xarda non se lle pode deixar soa. Pois nin soa nin acompañada. Vaia regata dos señores José Gago e Jesús Martínez para pechar of VIII Campionato de Inverno de Lajareu. Vaites. Unha regata digna de hemeroteca onde todos os regatistas fixeron marabillas do que daba o vento. A Jolfiña sentiuno --porque estivo sempre demasiado cerca, por diante e por detrás-- inda que máis o sentiu a Ila que case se quedou fóra dos trofeos despois de facer un gran Campionato --sempre de segunda menos na última regata que lle custou o segundo posto que tanto merecía. Un aplauso, sen dúbida, para a Xarda que navegou demasiado tranquila e sen deixarse levar pola presión. E hóuboa. Un aplauso para Lajareu que xa son oito anos de competición --chova ou vente-- entre bos amigos.

A Xarda Escapa

Poden vostedes ver máis detalles na Voz de Galicia, en Vieiros, en Masmar ou na COPE

15 de abr. de 2005

As apostas do trofeo de inverno están moi igualadas cara á derradeira regata.

Saída da Cuarta Regata de Inverno

Á Xarda con dous primeiros e un cuarto, a seguen a Ila con tres segundos, a Jolfiña con un primeiro un terceiro e un carto, e a Flecha cun primeiro, un terceiro e un sexto.

Tendo en conta que pódese desbotar unha desas puntuacións, temos con dous puntos a Xarda, e empatadas con catro puntos a Ila, a Jolfiña e a Flecha.

Para mín que a Xarda e a Ila vanse a enredar unha con outra e van deixar vía libre as que ven por detrás. E a esas, con chegar dous postos por diante da Xarda e un por diante da Ila, ten de abodondo.

E entre a Flecha e a Jolfiña... A Jolfiña é favorita, pero sei de boa fonte que o proeiro non vai a estar en pleno rendimento, así que...

¡Aposto pola Flecha!

7 de abr. de 2005

Técnica: A "Rabuda"



A técnica da "Xarda", que ganou a cuarta proba da regata de inverno, foi moi sinxela: mandar ao fotógrafo (de Palmeira, por pura casualidade) a entreter aos que veñen por popa. Mirando para atrás non se mira para adiante. A meta está adiante. A vela está adiante. Xosé e Santi na "Rabuda" están mirando para atrás. E non hai espello retrovisor (de momento). ¿Pero a que saíron guapos na foto?

Regatas: ¡Xardazo!

Regla Básica de Dornas a Vela: Con pouco vento na saída achégate a liña por barlovento. Espéctacular a saída da "Xarda" na cuarta proba do VIII Campionato de Inverno celebrada o 3 de abril en Ribeira. Foise de tal xeito do resto da flota que navegou soa, solitaria, un desierto, vamos.

Mirade para José e Jesús na foto: "¿E logo só saímos nós ao mar?"

Xarda Voz

Mentres a "Xarda" contemplaba ás demáis a "Ila" desfacíase da "Jolfiña"en Rúa.

Jolfiña e Ila en Rúa

Detalles na Voz, Masmar, Vieiros e na Radio.

6 de abr. de 2005

Proxectos: O Proxecto Amish

Proxecto Amish

O Proxecto Amish vai como unha tira. Dixo o Excelentísimo Presi que se facía o segundo piso, que non había cartos, disque, pero moita mala leche.

Proxecto Amish dende abaixo

Aquí tendes o segundo piso, apiques dous meses despois da Asemblea Xeral. Debemos estar en tempos electorais porque este Presi non anda con coñas. (En outro momento falaremos da auga e da luz; só levou catro anos.) ¡Nin a Creación! (Pero, claro, daquela non existía Portos de Galicia, nin eran tempos de eleccións.)

Dornas: A "Tixosa"

IMG_0310

Esta, señores, é unha dorna. Un stradivarius a flote. Chámase a "Tixosa". De Palmeira, por suposto. ¿Quen se atreve a envestila?

Técnica: A "Vikinga"

Ila

Yo Agustín. Proel. Jran casador. Jran arpón. Querer matar ballenas. Deporte Favorito (a parte de la casa oseánica): Salto de Pértija Marino.

Técnica: "A Fiuza" ¡Jesús!

Nas regatas non se deberían ver estas cousas. 4ª de Inverno (en Primavera, como sempre, porque o tempo corre máis cas dornas) e Jesús na Fiuza contemplando as estrelas ó medio día. Dille ti que non. (Ver detalles aquí.)

A Fiuza Jesús 3

(Corríxenos Suso dicindo que o que vai durmindo na cuberta non é el. É Manolo de Lugo. ¡Manolo! Manuel! Arriba compañeiro que aquí xa deron as doce. Non sei que hora será en Lugo.)


Técnica: A "Lusiña"

Lusiña no Touro

A Lusiña. ¡Mal raio os parta! José Ángel picha abaixo porque o sol fai estragos da vista. Antonio ca man colgando do temón. Como dicía miña avoa: Non tendes alxiria. (E inda ten juevos para mirar para cámara.)

Ver a foto en detalle aquí.

Técnica: "María da Fonte"

María da Fonte en Conversa

Bueno. ¿David Bisbal? ¿Por que non posamos para a revista "Homes Feroces e Interesantes da Barbanza". Esto, señores, é na 4ª Proba do Campionato de Inverno. Parece que están de discoteca (e calo). Vaites ca "María da Fonte". (A foto en grande aquí.)

"Pois posamos." Punto.

María da Fonte 2

13 de mar. de 2005

Regatas: A 3ª de Inverno só ten un nome: "Flecha"


Flecha en Rúa 2
A Flecha en Rúa

Esta dorna é perigosa. José Antonio buscoulle as cachogas e encontroullas nesta voltiña. Como un fogete. Lusco fusco, vélo non vélo. Si. Como unha Flecha e nada máis. O resto do conto na Voz, Masmar, Vieiros e na Radio.

26 de feb. de 2005

Regatas: A Jolfiña na 2ª de Inverno

Jolfiña

Na segunda proba do Campionato de Inverno a "Jolfiña" escapou, foise toda jarbosa. Agora que tamén lle chaman a calquera cousa Inverno nesta nosa Galicia tan cambiada. Nin vento, nin chuvia, pero bastante pedra por detrás da Illa de Rúa. ¡Que llo pregunten á "Lusiña" Máis contos de corsarios --e algo de vento tamén que houbo-- na Voz, Masmar, Vieiros e na Radio das Rías.

13 de feb. de 2005

Regatas: A Xarda na 1ª Regata do Campionato de Inverno

Xarda Voz 1ª Inverno 2005

José Gago e Jesús Martínez téñenlle o pulso ben tomado ás Regatas de Inverno. Na primeira deste ano a súa "Xarda" dou moita leña. Toda a leña completa na Voz de Galicia, Masmar, Vieiros e na Radio das Rías. ¡Vaites! ¿Non lles dará por gañar outro Campionato?

2 de feb. de 2005

A. C. Lajareu por Barlovento

Anagrama Lajareu Color

A Asociación Cultural LAJAREU POR BARLOVENTO de Dornas a Vela é unha asociación constituída sen ánimo de lucro. A nosa Asociación ten por obxecto a promoción de actividades culturais que contribúan ó coñecemento, mantemento e difusión da cultura mariñeira tradicional. Nós pesamos que as novas tecnoloxías poden axudar neste eido, e ese é o motivo desta páxina no Internet.

Outro dos nosos obxectivos é a realización de actividades deportivas e de lecer que contribúan á preservación dos elementos máis significativos da cultura mariñeira tradicional. É neste eido onde tradicionalmente a nosa Asociación estivo sempre máis activa. Dende aquí queremos facervos partícipes das nosas actividades, e deste xeito dar tamén a coñecer a cultura marítima tradicional ós que os acheguedes por acó.

Entre as nosas actividades destacaran sempre as regatas de dornas a vela, e xa van moitos anos coa organización dos campionatos de regatas de inverno e primavera. Este ano ditos campionatos terán cadansúas cinco regatas. Xa irémosvos contando o desenvolvemento de cada unha das regatas. Nin que dicir ten, que se tedes unha dorna a vela estades invitados a participar con nós.

Os nosos medios, polo momento non son moitos, pero co tempo temos pensado construír un museo, onde se recollan os elementos materiais da cultura mariñeira tradicional. Algún de nós xa levara a cabo tarefas para a recuperación de vellas embarcacións e co tempo poremos en marcha un obradoiro para recoller as tarefas máis significativas do traballo mariñeiro tradicional.

Temos establecidas relacións con outras asociacións que perseguen finalidades semellantes e seguiremos nesa liña para que a cultura marítima sega a ter a importancia que sempre tivo na nosa terra.