O pasado sábado 16 de Abril daba comezo o campeonato de Dornas a Vela que se ven celebrando en Ribeira cada ano , e con este xa van 14 edicións consecutivas.
Esta sería a primeira das catro de que consta este campeonato, que se celebrará entre os meses de Abril e Maio.
Ás 16,30 horas daríase a saida, coma de costume, frente da praia de Coroso, e o primeiro paso obrigado sería a Illa dos Ratos, pasando a continuación cara as Illas Airoas, para despois ir cara o sinal do Camouco e voltar á entrada, perto do Clube Náutico.
No momento da saída o vento sopraba do Nodés frouxo, e isto obrigaba os participantes a bolinar a rabiar ata rebasar o primeiro paso, facendo este treito moi aberto , xa que algunhas dornas sairían cara o medio da Ria e outras remontarian paralelas á praia.
A medida que as embarcacións se aproximaban aos “Ratos”, o vento iría rolando cara o Leste e aumentando algo a intensidade. Ao rebasar este primeiro obstáculo a Lusiña, xunto ca Sandra, Ardentia e Rabuda II , situaríanse nos primeiros postos e un pouco máis a sotavento as demáis dornas. Dos “Ratos “ ata “Airoas” manteríanse as posicións non sendo a Volandeira que despois de rebasar “os Ratos” de última, chegaría ao seguinte paso na primeira posición, que non abandonaría ata a meta, facendo unha remontada digna de mención, e a continuación pasarían a Áncora , Lusiña e Ardentía, despois de ter que seguir bolinando debido a que o vento continuaría rolando ata fixarse de Noroeste.
Ata o seguinte paso, “o Camouco”, as posicións manteríanse igual xa que neste treito o vento daba fresquiño de través , pero despois de rebasar este último, e debido ao rol de vento, voltaríase a abrir o campo de regata xa que as embarcacións voltarían a ter o vento de proa. Algunhas dornas decidiron remontar cara a praia e outras cara fora , creando moita incerteza ata a chegada a meta e dando algún que outro cambio en máis de unha posición. Finalmente decidiríase a favor da Volandeira e moi perto as catro seguintes.
Resaltar nesta bonita tarde de primavera os continuos roles de vento ata fixarse do Noroeste frouxo, e a agradable temperatura que se deixou notar durante toda a xornada.
A clasificación quedaría da seguinte maneira:
1-Volandeira, 2-Áncora, 3-Vikinga, 4-Lusiña, 5-Ardentía, 6-Rabuda II, 7-Moura, 8-Sandra, 9-Cachi, 10-Xaimiña.
A próxima cita, o sábado 30 de Abril as 16,30 horas.
A próxima cita, o sábado 30 de Abril as 16,30 horas.