26 de maio de 2014

A Deputación da Coruña concede unha subvención ao Lajareu

Subvención da Deputación da Coruña para o ano 2014.

A Deputación da Coruña ven de conceder á Asociación Cultural Lajareu por Barlovento unha subvención o pasado 25 de maio de 2014.
Esta subvención está dirixida a investimentos durante o ano 2014 e nesta ocasión o obxecto en concreto é a adquisición dun motor foraborda para a dorna xeiteira Insuabela. O importe concedido é de 2.398,32 €, que supón unha porcentaxe de financiamento do 70 %.



13 de maio de 2014

A SANDRA VENCE A PRIMEIRA PROBA DE PRIMAVERA NUNHA CHEGADA MOI AXUSTADA


A chegada desta primeira proba resultou apretadisima pero a Sandra sóubolle sacar dúas esloras á Xaimiña e algo máis a Áncora.


A Sandra con José Antonio e Panarro a punto de atravesar a chegada.

No Lajareu iniciamos o pasado 3 de maio as regatas de Trofeo de primavera e resultou unha tarde tranquila con pouco vento e sen mar. Foi moi agradable a saída en dorna polas augas de Ribeira.
Aquí tedes todas as fotos no álbum da regata.
Saímos 11 dornas e fixemos un percorrido non moi largo por se caía o vento; saída proa á baliza de desmarque na praia de Coroso, ás Airoas por babor, volta ao Lajareu para deixalo por estribor, Camouco por babor e unha bolina ata a liña de chegada na mesma baliza na praia de Coroso.
A clasificación desta proba foi:

Sandra, 
Xaimiña, 
Áncora, 
Ardentía, 
Volandeira, 
Vikinga, 
Rabuda II, 
Papoula, 
Praia das Carolinas, 
Moura, 
Praia de Bandaurrío
.

.

3 de maio de 2014

FINALIZOU O CAMPIONATO DE INVERNO DE DORNAS A VELA 2014 E INICIA A REGATA DE PRIMAVERA 2014


BOA TARDE DE SOL CUN VENTO DE ENTRE 12 E 15 NÓS NA 4ª E ÚLTIMA PROBA DA REGATA DE INVERNO.


Este sábado 26 de abril doce dornas tomaron a saída dende Ribeira para completar a última das catro mangas das que constaba este campionato. O vento, moi estable e ben definido do oeste, andaría entre os 12 e os 16 nós, con algún refacho de algo máis de intensidade.
Aquí tedes o álbum de fotos da regata.
Unha tarde axeitada para levar toda a vela, aínda que algúns participantes atrasarían o centro vélico, deixando caer o mastro para andar algo máis seguros. Non foi isto unha imposición da comisión de regata, pero  si algo importante para conseguir un mellor equilibrio na dorna.
.

A saída  co vento na proa, fíxose dende preto da Illa do Ratos para ir proa a boia de desmarque, moi preto da entrada do club náutico. Neste primeiro tramo, sería  a Áncora,  Xaimiña, Sandra, Volandeira, Ardentía e Vikinga  as que foron deixando a boia de  desmarque, por babor, formando un primeiro grupo bastante apretado. Dende aquí e co vento polo través, habería que deixar  o faro do  Lajareu,  tamén por babor, no que non habería cambios significativos no orden de paso,  soamente resaltar un pequeno golpe xusto ao virar a boia de desmarque  entre a Volandeira e a Sandra que non tería máis  consecuencias.
Xa no terceiro  tramo, ata  a Illa de Rúa, e co vento pola aleta de estribor, destacaría a Sandra facendo unha moi boa remontada e rebasando ao segundo posto que nese intre era da Áncora. A Xaimiña foi a primeira dorna en rebasar a Illa. A esta altura, destacar o percance que sufriu a Sandra partindo o mastro pola parte superior, xusto no momento de facer a virada por popa, e aínda que perdeu moito tempo reparando a desfeita, chegaría polos seus propios medios, máis  xa perdera toda opción a loitar por unha praza no podio.
Ata o seguinte paso, o sinal do Camouco, e co vento de proa, abriríase moito o campo da regata, onde algúns decidiron ir cara terra e outros cara fora, máis a clasificación non sufriría cambios significativos, virando este paso a Xaimiña, a Áncora e a Vikinga nos primeiros postos.
Na chegada a meta sería a Áncora a que alcanzaría a Xaimiña, entrando esta na segunda posición, e Vikinga e a Ardentía no terceiro e cuarto posto a moi pouca distancia das primeiras.
O resto do grupo entrou así: Volandeira, Moura, Rabuda II, Cachi, Sandra, Praia das Carolinas, Xarda e Beliña.
Logo de publicar a clasificación houbo unha reclamación dunha dorna por considerar que a puntuación final era incorrecta. O comité de regatas logo de estudar as motivacións e comprobar os resultados acordou estimar a reclamación, polo que a clasificación final do campionato de inverno foi a seguinte:



E unha tras doutra, iniciamos xa a Regata de primavera 2014 aproveitando os sábados con marea alta na tardiña.