Un pouquiño de bo humor, que falta fai...
28 de maio de 2012
14 de maio de 2012
A terceira proba rematou en encalmada
A
terceira proba da regata de primavera 2012 comezou preciosa, coa saída en Coroso e unha boia de desmarque
nas Miñoteiras. Como viña un lestiño-nordés había que bolinar para
chegar ao desmarque: uns fomos para Coroso apurando o bordo ate a mesma
area e outros sairon para fora, o encontro das duas frotiñas cruzándose
na mesma boia de desmarque foi un espectáculo. Dalí había que navegar de
aleta proa ás Eiroas, pero nesas empezou a caer o vento e caeu e
caeu... Quedamos alí andando uns centímetros por minuto a tarde toda.
Había nubes altas no ceo, pero quentaba... Victor e Santi aproveitaron
para darse un baño, incluso. Xa un non sabía de onde viña o vento. Veña cambiar vela, veña quitar e
poñer vara... Ata que a cousa non se tivo en pe e o xuiz pitou a fin da
proba.
A partir de ahí: unha festa, uns volveron remolcados e outros fomos a bogar.
![]() |
| A Praia das Carolinas a bogar logo dunha regata deste de inverno. |
8 de maio de 2012
2ª MANGA DO XVI CAMPEONATO DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA
A Xaimiña, da Pobra, dominou case toda a regata. A Áncora, xusta vencedora.
Às 16,30 horas do pasado sábado 28 de abril dábase a saída desta nova manga, na
que teríamos uns protagonistas moi especiais Xaime, pai e fillo, este último
como novo patrón desta dorna lendaria, e que desde que comezou no pasado campionato de este ano, está a facer
un papel digno de salientar,e co que
haberá que contar para as próximas edicións, xa que está a demostrar unha
regularidade sobresaínte.
Nesta ocasión o vento, de entre 10 e
14 nós, sopraría de forma regular durante toda a xornada, tarde esta moi agradable
se non fose polo fortísimo chubasco que entraría a última hora, ao que
acompañaban refachos de máis de trinta nós, e obrigaría, por precaución, a abandonar e ser remolcadas pola lancha de
salvamento marítimo aquelas dornas que aínda non chegaran a meta.
Na saída, do medio da rada, as embarcacións debían deixar por estribor a
boia de desmarque, situada preto da praia.
Neste primeiro treito sería a Xaimiña a que pasaría de primeira, e
seguida moi de perto pola Lusiña, e pola Rabuda.
Ata o seguinte paso, Illa de Rúa, e despois dunha empopada moi
pechada, non habería mudanzas na
clasificación dos primeiros postos.
De aquí sería a Áncora a tomar a posición de cabeza, debido en parte á
saída do temón que sufriu a Xaimiña despois de tocar nunha pedra, aínda que
este percance non seria suficiente para facerlle perder os postos de cabeza
facendo unha excelente segunda posición.
Os veteranos mariñeiros, Adelino e Agustín da Ancora, serían os que acabarían primeiros, despois de facer unha
navegación perfecta, sen abrirse moito cara a praia da Corna como farían a
Fiuza ou a Cachi, nin tampouco irían cara as Airoas como farían a Tixosa,
Rabuda, Praia das Carolinas ou a Volandeira. Esta decisión de ir polo medio sen alargar moito os bordos, demostraría
ao final ser o acertado, xa que o vento estaba xusto de proa, dende Rúa ata a liña
de meta.
![]() |
| A Vikinga, gañadora da última proba da regata de inverno, con Fernando á caña e os novos navegantes do Lajareu, Carmen e Carlos. Non hai como empezar gañando para collerlle o gusto. |
Destacar o traballo feito polos tripulantes da Tixosa, os únicos que elixiron o bordo ata as Airoas, acadando ao final a terceira posición. A Fiuza tivo que sufrir no seu último treito, os fortes refachos de mais de trinta nós. Severino e Carlos farían, do porto da Insuela ata a meta, unha empopada vertixinosa. Esta dorna sería a última en poder chegar a meta polos seus propios medios.
A clasificación desta manga:
1-Áncora
2-Xaimiña
3-Tixosa
4-Sandra
5-Cachi
6-Rabuda II
7-Lusiña
8-A Fiuza
Dornas que non finalizaron:
-Vikinga
-Praia da Carolinas
-Ardentía
-Volandeira
Etiquetas:
dorna,
embarcación tradicional,
Lajareu,
regata,
Ribeira
21 de abr. de 2012
Comezou a regata de primavera 2012
Ventos moi fortes e moito frío durante toda a xornada.
A Sandra, de Palmeira, xusta vencedora.
O pasado sábado 14 dábase a
saída a un novo campionato dende a praia de Coroso.
So facía 15 días que a “Sandra”,
de Antonio e Ignacio, remataban unha sensacional segunda posición no campionato
de inverno, pero a estes dous veteranos regatistas parece que lles está
gustando estar nos postos de cabeza. Aquí están as fotos.
Ás 16:30 horas daríase a saída
entre a illa dos Ratos e o sinal do Camouco en dirección a praia de Coroso,
onde estaba situada a boia de desmarque, primeiro paso obrigado.
Dende a pitada da saída o
protagonista de toda a xornada sería sen ningunha dúbida o forte vento, que sopraría
con moita intensidade e obrigaría a comisión de regata a impoñer para todos os
participantes un rizo.
Nos instantes previos da saída,
e sentindo como o vento ia a máis por momentos, todas as embarcacións
decidirían poñer dous rizos, por precaución, todas menos a “Sandra” e a “Lusiña,”
que decidirían saír soamente cun rizo, decisión esta que lles valería, xunto co
bo facer destes experimentados mariñeiros, rematar a regata en primeira e
segunda posición respectivamente.
A primeira en pasar pola boia da
praia sería a “Lusiña”, aínda que despois de avisarlles que a viraran no
sentido contrario, e tendo que rectificar a manobra, pasaría a Sandra de
primeira, seguida de cerca pola Volandeira e un pouquiño máis retrasada a Vikinga
e a Lusiña.
Dende aquí as embarcacións
deberían de continuar paralelos a praia e co vento pola aleta de babor ata a Illa
dos Ratos, onde se manterían as mesmas posicións que no paso pola primeira
boia.
O seguinte tramo sería ata a
boia situada preto do Camouco. Neste treito os regatistas tiveron que empregarse
a fondo. Unha bolina moi bonita e disputada, debido a que as catro primeiras
dornas ían aliñadas e algunha a menos de cinco metros da outra.
Dende este último paso, só quedaría
remontar a boia onde estaba situada a meta, moi preto da praia, e como o vento
cadraba xusto na proa, dúas dornas, a Lusiña e a Volandeira decidiron o bordo proa
o porto e a Sandra e Vikinga virarían proa á praia. Un pouquiño máis atrás
viñan a Cachi e a Rabuda, tratando de acercarse ao grupo de cabeza.
Debido a un forte chuvasco que
entraba polo norte da ría, sairía beneficiada a Sandra, que entraría no primeiro
posto e seguida a moi pouquiña distancia a Lusiña e a Volandeira.
A Xaimiña e a Moura decidiron
abandonar logo da saída por diferentes problemas causados polas fortes rachas
de vento así que a clasificación quedou da
seguinte maneira:
1- Sandra
2- Lusiña
3- Volandeira
4- Vikinga
5- Cachi
6- Rabuda II
Non remataron: Xaimiña e Moura
E non esquecemos aos nosos acompañantes, que sempre están aí, pasan frio coma nós e case nunca saen nas fotos.
Jose María, o noso xuiz de regata habitual
Os rapaces da Cruz Vermella
José no seu barco, acompañado de Charly. E como non, o autor das fotos, Juan, que como é habitual cos reporteiros, non hai unha foto súa.
Graciñas a todos.
Etiquetas:
dorna,
embarcación tradicional,
Lajareu,
regata de dornas,
Ribeira
10 de abr. de 2012
Remata a Regata de Inverno e comeza a Regata de Primavera 2012
Finalizou a Regata de inverno 2012 cun total de 15 dornas participantes. Na última proba tivemos un vento moi cambiante, empezou cuns 15 nus na saida da praia de Coroso e acabamos con momentos de calma chicha ao caer a tardiña. Aínda así estivo emocionante a liña de chegada porque se decidiron todos os postos, ninguen tiña asegurado o trofeo. Aquí vos deixo a clasificación da regata de inverno 2012 e as fotos da entrega de premios.
Adelino e Agustín da Áncora.
José Antonio e Nacho da Sandra.
Antonio e Ron da Lusiña
Xaime e Xaime, García e García da Xaimiña. Vaia patrón que apareceu nesta dorna.
Severino e Nacho da Fiuza
Para o sabado próximo, 14 de abril, comeza a Regata de Primavera polo que publicamos o Anuncio de Regata habitual.
Un saúdo
Marcos
Adelino e Agustín da Áncora.
José Antonio e Nacho da Sandra.
Antonio e Ron da Lusiña
Xaime e Xaime, García e García da Xaimiña. Vaia patrón que apareceu nesta dorna.
Severino e Nacho da Fiuza
Para o sabado próximo, 14 de abril, comeza a Regata de Primavera polo que publicamos o Anuncio de Regata habitual.
Un saúdo
Marcos
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)



















