23 de feb. de 2011

Empeza a Regata de Inverno!

O sábado día 19 tivo lugar a 1ª regata do trofeo de Inverno que coma todos os anos organiza a nosa asociación. Unha fermosa tarde con sol, nubes e vento frouxo do sur de 7 ou 8 nós. O percorrido para esta regata foi o seguinte:


Como non fixemos fotos poñemos esta do ano pasado

Saída na praia de Coroso, facendo un primeiro desmarque no faro do Lajareu por babor, seguindo cara o sinal do Caamouco por estribor, Illas Eiroas por estribor e chegada de novo en Coroso. Tamén subliñar a presenza de mar de fondo do sur, que se fixo notar máis según nos achegabamos ás Eiroas.

Toda a flota fixo a saída en ceñida cara o Lajareu, case todas pegadas á boia de barlovento agás a Sandra e a Volandeira que o fixeron máis alonxadas. Tiveron que facelo en varios bordos e coma en todas as ceñidas a estratexia tivo moita importancia. Os primeiros postos no Lajereu foron para a Sandra, Ardentía, Gholfiña e Ancora, seguidas de perto pola Volandeira, Vikinga, Papoula e Cachi.
O traxecto cara ao Caamouco foi de través e ao seu paso non habería cambios salientables nos postos da frota así coma un malentendido entre a Sandra e a Ardentía no paso do sinal.

Despois viría unha longa ceñida ás Eiroas. Neste treito cumpre salientar a exquisita estratexia da Ancora, Gholfiña e Vikinga. Tamén a Volandeira fixo uns bordos moi bos, facendo con estas tres dornas un fermoso cruce nas Eiroas, as dúas primeiras a menos de 10 metros da proa da Volandeira e a Vikinga pola súa popa, virando deseguido e seguindo os seus ronseis. Na saída das Eiroas os primeros postos foron para a Gholfiña, Ancora, Vikinga e Volandeira, seguidas de perto pola Sandra, que tamén fixo bos bordos, e un pouquiño máis lonxe o resto da flota.
O traxecto final cara a Coroso semellaba unha sinxela empopada pero resultou moi desconcertante. Gholfiña achegouse algo a terra, Ancora e Vikinga afastáronse moito e Volandeira colleu rumbo polo medio delas, seguida pola Sandra. O vento escomenzou a estar confuso, facendo moitos roles e variando deseguido a súa forza o que provocou algunhas dúbidas, indecisións e continuos reglaxes. A Sandra estivo variando o seu rumbo por detrás da Volandeira e a Gholfiña. Finalmente a Volandeira paseniñamente as rebasou e entrou primeria na chegada, seguidas por Ghofiña, Vikinga, Sandra e Ancora. Cumpre salientar que a Ancora quedou moi perxudicada neste bordo ao amarrar angazo no seu temón e facendoa caír varios postos. Nomear tamén a Lusiña, pois semellou ir no último posto nalgún intre da regata e rematou por detrás da Ancora.
A clasificación final foi a seguinte:

1 - Volandeira

2 - Gholfiña

3 - Vikinga

4 - Sandra

5 - Ancora

6 - Lusiña

7 - Cachi

8 - Papoula

9 - Ardentía

10 - Rabuda II

11 - Xaimiña

12 - Moura



3 de xan. de 2011

O Bicheiro - De volta das festas no Lajareu...


Do tomo "Jalisia Kanibal" de Davila, Ed. Retranca.
(Publicado orixinalmente en Faro de Vigo, como "O Bichero")

4 de out. de 2010

O Lajareu em Viana do Castelo


Nos dias 18 e 19 do passado mês de Setembro realizou-se em Viana do Castelo o 2º Encontro de Embarcaçoes Tradicionais do Rio Lima, e até alo fômos um par de dornas do Lajareu, a Rabuda e a Xaimiña.

Viana está na desembocadura do rio Lima e as instaçons portuárias modificam bastante a beira do rio no seu último trecho. Ainda assim fica suficiente para remontar o vento comodamente fazendo bordos com a dorna. Entre os participantes havia embarcaçons bem conhecidas em Galiza como a lancha poveira Fé em Deus, a Maria dos Anjos, a Briosa dos marinheiros de Vila do Conde, ou um carocho de Caminha.
De Galiza também estava a gente de Ogrobe, a Guarda e Vigo. @s incombustíveis arouçans nom aparecerom desta volta porque celebravam esse fim-de-semana o vigésimo-quinto aniversário do fim da sua insularidade.

Como o programa já está no site da federaçom, salientaremos algumhas cousas com as fotos que figemos, como a apresentaçom do “ Lanhezes”, réplica constroída este ano dumha embarcaçom de carga do rio Lima da freguesia deste nome, graças às fotos e os testemunhos dos seus marinheiros ainda vivos. Sentimos nom ter obtido nengumha foto da “Lanhezes” navegando com a sua vela quadrada com vento portante.
Em terra havia umha exposiçom de embarcaçons pequenas, entre as que o Moliceiro de Aveiro nom passa desapercebido. E um Doris, como o que nos encontrariamos a bordo do bacalhadeiro Santa Maria Manuela, e que trataremos ao pormenor num outro “post”.

Outra das actividades foi a visita ao devandito Santa Maria Manuela, bacalhadeiro dos anos trinta reconstroído quase completamente, é propriedade dumha empresa pesqueira que o emprega em diferentes actividades recreativas e comerciais.


O aparelho é governado em parte com méios mecánicos e nom emprega nunca toda a superfície vélica original, mas nom deixa de ser um buque impresionante.
Por último encorajamos tod@s @s navegantes da Galiza a participar nestes eventos no país vizinho e irmao, e a eles a que nom deixem de nos acompanhar o próximo ano em Carril.

16 de set. de 2010

XXIII Trovada de Vela Llatina de Cadaqués

Ola de novo mariñeiros, afeccionados, curiosos, e público en xeral.

Un ano máis, obriga e devoción leváronme a terras (e mares) catalanas no mes de Agosto; per non pensedes que con iso deixei de atender ao mar, ás dornas, e ao meu compromiso inquebrantable coas cores do Lajareu, porque, un ano máis, a "Tamariua", dorna de Lajareu con base en Port de de la Selva, acudiu a Cadaqués para participar no decano dos Encontros de embarcacións tradicionáis de Catalunya, como embaixadora do noso Clube, e do Patrimonio marítimo galego en xeral; e non con pouca Fortuna. A parte da xa tradicional flexibilidade de horários no desenvolvemento do programa, o encontro foi, como sempre, unha marabilla e unha preciosidade.

Este ano, por primeira vez, a Tamariua acodiu a Cadaqués por mar, pasando o Cabo de Creus en compaña doutros catro botes e llauts del Port: o Capeador, o Xec, o Carme, e o Llaut de Fernando, que agora non se me acode o nome. Un saudo aos compañeiros e intrépidos mariñeiros desde singladura!
Con repecto ao encontro, ademáis da sariñada do almorzo e a magnífica cea que nos serviron na praia, disfrutada na mellor compañía, o acontecemento central é a navegación-regata social na que este ano, e levando de tripulante a Joan Sol, bloguer de El Mar es el Camí , http://elmareselcami.blogspot.com/, a Tamariua chegou de primeira. Precisamente no blog de Joan Sol, do que proveñen estas fotos, hai unha breve crónica da "regata" e, entre outros, un pequeno comentario dun servidor. Non vos podedes imaxinar o precioso que é navegar entre aquelas magníficas velas no escenario da bahía de Cadaqués. Pero as fotos poden dar unha idea: http://elmareselcami.blogspot.com/2010/09/xxiii-trobada-de-vela-llatina-de.html

Unha aperta. Suso

31 de ago. de 2010

REGATA LAJAREU 2010

Ola a todos, este sabado 4 de setembro celebraremos unha nova edición da Regata Lajareu.
O tempo anda un pouco revolto estes dias pero se espera que mellore para a fin se semana así que podemos ir preparando o petate para embarcar.
Este é o Anuncio de Regata para esta edición.



un saudo

marcos