9 de xul. de 2006

Volta á Illa 2006




Oito dornas do Lajareu tivemos onte a sorte de participar nunha nova edición da Volta á Illa. En total participaron corenta e tres dornas. Os organizadores esforzáronse por dar ó público que estaba a ver a saída e a chegada, na praia do Bao, un espectáculo cheo de plasticidade e beleza.

A regata foi estupenda. Un día de vento do sudoeste moderado cun tempo espléndido que fixo que todos poideramos disfrutar da tarde.

Aquí podedes ver unha pequena mostra de fotos da regata. Se tendes algunha máis e queredes publicalas, por favor poñédevos en contacto connosco.

7 de xul. de 2006

Dorna Luz Divina


Procurando dornas pola rede, atopei esta Foto da dorna Luz Divina.



Por certo, á foto accedí a través da páxina de Lino Prieto, dorneiro do Grove, que está a facer un moi bo traballo de divulgación da cultura mariña tradicional e da navegación en dorna no seu espacio web.

29 de xuño de 2006

Xornadas de Cultura Marítima

Cartel Xornadas de Cultura Marítima

Este venres pola tarde e o sábado pola mañá vanse celebrar en Ribeira as Xornadas pola Cultura Marítima organizadas pola Cofradía da Dorna.

O venres as 20:30 no Auditorio Municipal ábrense cunha mesa redonda "Cara onde temos que navegar? Novos retos da Cultura Marítima". En ela van participar Staffan Mörling, Fernando Piñeiro ( o Presidente da F.G.C.M.F.) e Santiago Páramo que fora presidente da Cofradía da Dorna.; serán moderados polo actual presidente da Cofradía José Manuel Pazó.

Na sala de exposicións do Auditorio poderase ver a exposición fotográfica "Beiramar"
de Xosé Rañó.

Despois vaise a presentar un documental sobre as dornas na Illa de Ons. Espero que sexan un dos do irmá de Staffan, Mikael Mörling, que teño entendido que son moi bos.

A xornada remata cun contacontos a cargo de Cándido Pazó na Praza de Compostela.

O sábado comeza cunha mesa redonda no salón de actos do Centro Recreativo de Artes sobre "A Cultura Marítima no mar da Arousa Norte". Nesta mesa participa o noso presidente Adelino Formoso, xunto con os representantes dalgunhas Asociacións Culturais e Marítimas da Arousa Norte.

Despois vaise presentar o último número da revista Ardentía da F.G.C.M.F. e a inaugurar a sala adicada ó mundo do mar no Museo etnográfico de Artes.

Pola tarde vanse a facer saídas en embarcacións de vela tradicional para fomentar as nosas tradicións mariñeiras.

27 de xuño de 2006

Travesía

Logo de tres anos de plans e propósitos que nunca se terminaban por materializar, ao final decidimos Fernando Vikingo e un servidor , sair dar unha voltiña pola costa; con idea de chegar á Ría de Muros. En principio sumaríasenos Tano en Corrubedo, e deixaríamos as dornas unha semana no Náutico de Portosín. E a semana seguinte, volta para casa.
A saida tíñamola prevista para sábado ás dez, pero xa sabedes como son estas cousas. A dorna estaba sen aparellar, colle esto colle o outro, o motoriño na cadeira... Total que saimos pasadas as once e media. Ata Sagres fomos cun lestiño mallado que nos levou en popa ou pola aleta, pero chegados alí, cando sería a unha e algo, xa vimos que na costa o conto cambiaba. Rolara a norte, arriba de forza doce, e armaba mar. Así que, coa prudencia que sempre debe imperar nestes casos, arriamos o risonsiño no abrigo da Punta de Couso, metemos o pao ao medio (cuña por proa), e cosimos, ante a duda, dous risos, mellor que un. Metemos para dentro unhas galletas e un cacho de chocolate, augiña fresca, e veña para fora.
No carreiro armaba mar, e en adiante tamén, e o vento viña do mesmo Corrubedo, así que a travesía foi a bordos de bolina cara ao Vilar e cara a fora (donde máis armaba). E houbo que dar algúns cantos, co mar moi picado, batendo nas amuras e pasándonos por riba. Pero con esta Mouriña de tilla corrida, ben asentadiña nos calimes de meo para popa, e con esa veliña nova feita "como Dio-lo manda, "que metes o pao a proa e vas con ela a Venezuela", ata non había que facer banda: o proel sentado no medio da tilla. Pasou ben de forza 15 e levantaba mar de vento, pero con esta veliña aguantaríamos ben inda que fora cun so ris. Pero a prudencia mandou, e en tres horas de bolinar xustiños entrabamos no porto de Corrubedo. ¡Qué tavesía bonita! Tarde para seguir cara Muros, con ese vento de proa.
En Corrubedo o recebemento de luxo, cos Tanos ao completo, Jaime da Adoa, e un amigo dél que antes de desembarcar, como bo vasco, xa nos estaba invitando a comer o seu congro guisado (impresionantemente guisado). E dalí a un rato chegou por alí José o Carreirán, pilotando en solitario o seu Cronos, para sumarse a esta xornada mariñeira. De volta acompañárono Eva e Fernando, ao timón, e disque no carreiro arbolaba mar grosa.
O domingo volta para casa. Co nortiño de popa a cousa cambia, así que levamos á nosa Ingrid a bordo a difrutar das paisaxes preciosas de Corrubedo, O Vilar, Couso, Sagres, o Carreiro Vionta, Agiño, Castiñeiras...
Unha auténtica marabilla.
Animádesvos?

31 de maio de 2006

Editorial: Rizos


A 4ª Proba do IX Campionato de Dornas a Vela organizado por Lajareu demostrou a importancia do bo facer no mar do bo facer en terra. Con vendaval e apiques de suspender a proba ningún dos regatistas presentes querían a suspensión. Pola contra o Comité de Regatas de Lajareu tiña que decidir sobre a seguridade no mar por riba do que poderían ser os caprichos dos navegantes ós que lles gusta saír ó mar e probar os límites das súas embarcacións e da súa maña en condicións adversas.

Decidiuse, pois, por vez primeira nunha regata de dornas, que sería obrigatorio saír ó mar cun mínimo dun ris tomado. Todas as dornas o tiñan que tomar -- sen excepcións. Sorprendentemente e inda que non todas as velas son iguais en tamaño e forma por mor da competición cega dos últimos anos nas regatas dorneiras, ningún regatista dos presentes puxo obxección algunha á decisión do Comité.

Con mar de fondo importante que viña abordo por proa, particularmente na zona dos Miñoteiros, e con empopadas un tanto perigosas, as dornas navegaron seguras cos seus rizos tomados. O único contratempo sufriuno a Lusiña ó encontrarse nunha loita na empopada coa Áncora. Nun cruce das embarcacións a Lusiña perdeu control e anegouse de auga. Non foi ó fondo porque a tripulación -- Antonio Santiago e José Ángel García -- estivo ben atenta e reaccionou ben. Asemade a dorna saíu do contratempo soa e da súa man: chicaron como puideron e logo chegaron a terra como puideron e chegaron ben. Todo esto é, obviamente, moi importante.

En momentos cando todos nos concentramos, parece ser, en facer grandes Campionatos e gañar moitos trofeos, en contratar importantes e caros seguros para protexernos da nosa propia avaricia, da gusto ver no momento -- na práctica pura e non no papel -- como a seguridade de todos os regatistas ten que estar en primeira instancia da man de cada un. Contratempos e accidentes son inevitables porque a vida non deixa de ser así. Pero evitalos e limitalos tamén está da nosa man. Polo tanto os Comités de Regatas teñen que acostumarse a tomar decisións importantes -- ás veces pouco populares -- para que prime a seguridade por encima de todo; non simplemente para aforrar nos gastos das empanadas contratadas para un día puntual ou para facer aquelas fotos tan bonitas para a prensa.

Ben facer é bo navegar.