28 de dec. de 2006

Traineira Viquinga


Hola a todos, boas festas e feliz singladura 2007!
Como a nosa bitácora do Lajareu andaba algo parada póñovos aquí esta magnífica colaboración do meu irmán José, que andou uns días ahí atrás coa moza por eses mundos mariñeiros do Norte.
Velahí vai:

Como a página do clube leva muito tempo parada, imos meter alguma cousinha para dar-lhe vida. Silvia e mais eu estivemos em Suécia em Setembro, e ainda que umha semana nom dá para muito, algo de interesse dorneiro chegamos a ver.Aqui tendes umhas fotos dumha "lancha para ir a misa", do lago Siljan, na regiom de Dalarna, no centro do pais, o que eles chamam o meio-norte. Esta lancha, que no painel esplicativo nom tinha outro nome específico, servia para isso, para ir a misa. Tem dez pares de remos, e tod@s apreciaredes esse tipo de construcçom que nos é tam familiar.Com a melhora das comunicaçons por terra fôrom caendo em desuso a fins do s.xix até que no ano 1936 a algum "pirado" ocorreu-se-lhe fazer regatas e assím recuperá-las. Sona-vos a história, nom?

José Cadaveira
Assím a tenhem, ao pé da estrada num área de descanso. Ao fundo podedes apreciar os valados tradicionais.
Ainda sendo longa tem de ser bem ligeira.
Essas cavernas fininhas, essa estructura ligeira, tam deles e tam nossa.

14 de nov. de 2006

Dirección Xeral Comunicación Audiovisual

Esta páxina web en galego tivo unha axuda outorgada pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia

9 de xul. de 2006

Volta á Illa 2006




Oito dornas do Lajareu tivemos onte a sorte de participar nunha nova edición da Volta á Illa. En total participaron corenta e tres dornas. Os organizadores esforzáronse por dar ó público que estaba a ver a saída e a chegada, na praia do Bao, un espectáculo cheo de plasticidade e beleza.

A regata foi estupenda. Un día de vento do sudoeste moderado cun tempo espléndido que fixo que todos poideramos disfrutar da tarde.

Aquí podedes ver unha pequena mostra de fotos da regata. Se tendes algunha máis e queredes publicalas, por favor poñédevos en contacto connosco.

7 de xul. de 2006

Dorna Luz Divina


Procurando dornas pola rede, atopei esta Foto da dorna Luz Divina.



Por certo, á foto accedí a través da páxina de Lino Prieto, dorneiro do Grove, que está a facer un moi bo traballo de divulgación da cultura mariña tradicional e da navegación en dorna no seu espacio web.

29 de xuño de 2006

Xornadas de Cultura Marítima

Cartel Xornadas de Cultura Marítima

Este venres pola tarde e o sábado pola mañá vanse celebrar en Ribeira as Xornadas pola Cultura Marítima organizadas pola Cofradía da Dorna.

O venres as 20:30 no Auditorio Municipal ábrense cunha mesa redonda "Cara onde temos que navegar? Novos retos da Cultura Marítima". En ela van participar Staffan Mörling, Fernando Piñeiro ( o Presidente da F.G.C.M.F.) e Santiago Páramo que fora presidente da Cofradía da Dorna.; serán moderados polo actual presidente da Cofradía José Manuel Pazó.

Na sala de exposicións do Auditorio poderase ver a exposición fotográfica "Beiramar"
de Xosé Rañó.

Despois vaise a presentar un documental sobre as dornas na Illa de Ons. Espero que sexan un dos do irmá de Staffan, Mikael Mörling, que teño entendido que son moi bos.

A xornada remata cun contacontos a cargo de Cándido Pazó na Praza de Compostela.

O sábado comeza cunha mesa redonda no salón de actos do Centro Recreativo de Artes sobre "A Cultura Marítima no mar da Arousa Norte". Nesta mesa participa o noso presidente Adelino Formoso, xunto con os representantes dalgunhas Asociacións Culturais e Marítimas da Arousa Norte.

Despois vaise presentar o último número da revista Ardentía da F.G.C.M.F. e a inaugurar a sala adicada ó mundo do mar no Museo etnográfico de Artes.

Pola tarde vanse a facer saídas en embarcacións de vela tradicional para fomentar as nosas tradicións mariñeiras.

27 de xuño de 2006

Travesía

Logo de tres anos de plans e propósitos que nunca se terminaban por materializar, ao final decidimos Fernando Vikingo e un servidor , sair dar unha voltiña pola costa; con idea de chegar á Ría de Muros. En principio sumaríasenos Tano en Corrubedo, e deixaríamos as dornas unha semana no Náutico de Portosín. E a semana seguinte, volta para casa.
A saida tíñamola prevista para sábado ás dez, pero xa sabedes como son estas cousas. A dorna estaba sen aparellar, colle esto colle o outro, o motoriño na cadeira... Total que saimos pasadas as once e media. Ata Sagres fomos cun lestiño mallado que nos levou en popa ou pola aleta, pero chegados alí, cando sería a unha e algo, xa vimos que na costa o conto cambiaba. Rolara a norte, arriba de forza doce, e armaba mar. Así que, coa prudencia que sempre debe imperar nestes casos, arriamos o risonsiño no abrigo da Punta de Couso, metemos o pao ao medio (cuña por proa), e cosimos, ante a duda, dous risos, mellor que un. Metemos para dentro unhas galletas e un cacho de chocolate, augiña fresca, e veña para fora.
No carreiro armaba mar, e en adiante tamén, e o vento viña do mesmo Corrubedo, así que a travesía foi a bordos de bolina cara ao Vilar e cara a fora (donde máis armaba). E houbo que dar algúns cantos, co mar moi picado, batendo nas amuras e pasándonos por riba. Pero con esta Mouriña de tilla corrida, ben asentadiña nos calimes de meo para popa, e con esa veliña nova feita "como Dio-lo manda, "que metes o pao a proa e vas con ela a Venezuela", ata non había que facer banda: o proel sentado no medio da tilla. Pasou ben de forza 15 e levantaba mar de vento, pero con esta veliña aguantaríamos ben inda que fora cun so ris. Pero a prudencia mandou, e en tres horas de bolinar xustiños entrabamos no porto de Corrubedo. ¡Qué tavesía bonita! Tarde para seguir cara Muros, con ese vento de proa.
En Corrubedo o recebemento de luxo, cos Tanos ao completo, Jaime da Adoa, e un amigo dél que antes de desembarcar, como bo vasco, xa nos estaba invitando a comer o seu congro guisado (impresionantemente guisado). E dalí a un rato chegou por alí José o Carreirán, pilotando en solitario o seu Cronos, para sumarse a esta xornada mariñeira. De volta acompañárono Eva e Fernando, ao timón, e disque no carreiro arbolaba mar grosa.
O domingo volta para casa. Co nortiño de popa a cousa cambia, así que levamos á nosa Ingrid a bordo a difrutar das paisaxes preciosas de Corrubedo, O Vilar, Couso, Sagres, o Carreiro Vionta, Agiño, Castiñeiras...
Unha auténtica marabilla.
Animádesvos?

31 de maio de 2006

Editorial: Rizos


A 4ª Proba do IX Campionato de Dornas a Vela organizado por Lajareu demostrou a importancia do bo facer no mar do bo facer en terra. Con vendaval e apiques de suspender a proba ningún dos regatistas presentes querían a suspensión. Pola contra o Comité de Regatas de Lajareu tiña que decidir sobre a seguridade no mar por riba do que poderían ser os caprichos dos navegantes ós que lles gusta saír ó mar e probar os límites das súas embarcacións e da súa maña en condicións adversas.

Decidiuse, pois, por vez primeira nunha regata de dornas, que sería obrigatorio saír ó mar cun mínimo dun ris tomado. Todas as dornas o tiñan que tomar -- sen excepcións. Sorprendentemente e inda que non todas as velas son iguais en tamaño e forma por mor da competición cega dos últimos anos nas regatas dorneiras, ningún regatista dos presentes puxo obxección algunha á decisión do Comité.

Con mar de fondo importante que viña abordo por proa, particularmente na zona dos Miñoteiros, e con empopadas un tanto perigosas, as dornas navegaron seguras cos seus rizos tomados. O único contratempo sufriuno a Lusiña ó encontrarse nunha loita na empopada coa Áncora. Nun cruce das embarcacións a Lusiña perdeu control e anegouse de auga. Non foi ó fondo porque a tripulación -- Antonio Santiago e José Ángel García -- estivo ben atenta e reaccionou ben. Asemade a dorna saíu do contratempo soa e da súa man: chicaron como puideron e logo chegaron a terra como puideron e chegaron ben. Todo esto é, obviamente, moi importante.

En momentos cando todos nos concentramos, parece ser, en facer grandes Campionatos e gañar moitos trofeos, en contratar importantes e caros seguros para protexernos da nosa propia avaricia, da gusto ver no momento -- na práctica pura e non no papel -- como a seguridade de todos os regatistas ten que estar en primeira instancia da man de cada un. Contratempos e accidentes son inevitables porque a vida non deixa de ser así. Pero evitalos e limitalos tamén está da nosa man. Polo tanto os Comités de Regatas teñen que acostumarse a tomar decisións importantes -- ás veces pouco populares -- para que prime a seguridade por encima de todo; non simplemente para aforrar nos gastos das empanadas contratadas para un día puntual ou para facer aquelas fotos tan bonitas para a prensa.

Ben facer é bo navegar.

26 de maio de 2006

A piques de Naufrajar

Velaí a Lusiña vento en popa, cun ris, e dous ajerridos e experimentados mariñeiros. O Panarro pequeno e José Angel móllanse se fai falta.
















É o que ten a dorna, que navejando na empopada e con mar é un pouco falsa.
Pero é que o vento estaba duro, e por momentos, as ondas escachaban na tilla.
















Craro, que os están de primeiros (polo momento) no campionato ían tranquilos aínda que con prudencia.
















Mirade que fermosas vense as dorniñas todas elas cun ris colleito.














O ris fora imposto pola orjanisasión, pero a verdade é que ninjen protestou por ter que levalo, e a rejata estivo divertida de verdade.

Poden ver as crónicas na Voz de Jalisia, en Vieiros, no Masmar e na Prensa das Rías. Tamén podedes ver ós valientes campións da Ardentía --Begoña e José María-- e a outros non tan valientes campeóns nestas fotos.

17 de maio de 2006

Outra vez foise a Mañanciña


Na terceira das regatas de primavera, outra vez o Señor Andrés e o Señor Graña ca Mañanciña, acadaron un primeiro posto, e a Xarda de José Gago e Castelao entraron con un segundo posto. O presi non estivo, polo que aínda pode dar unha sorpresa como fixera nas de inverno ca Sandra e ca Jolfiña que xa pensaban que tiñan todo feito.

Señor Andrés non se confíe que non por moito madrugar de mañanciña... E señor Graña non se durma, que lle vexo moi relaxadiño na dorna.

Poden ler o que acontecera como sempre na Voz de Galicia, Vieiros, Prensa das Rías e en Masmar. Tamén temos algunha foto máis.

E o sábado as catro non falten, que aínda temos moito peixe que vender.

16 de maio de 2006

I FESTA DE LA MAR - CADAQUÉS



Ingrid a catalana recién adoptada polo Lajareu, é unha mágnifica fotógrafa. Velahí unha pequena mostra dos seus traballos.

5 de maio de 2006

I FESTA DE LA MAR - CADAQUÉS 2006

Lajareu estivo representado na "I Festa de la Mar" que se celebrou en Cadaqués co obxectivo de "reunir embarcacions clàssiques i tradicionals de Catalunya i també de les diverses comunitats marineres de la península i d´altres països de la Mediterrània, i ser alhora un punt de trobada, coneixement i intercanvi dels mariners i navegants de totes aquestes procedències".



Suso da Moura mándanos a seguinte crónica da súa viaxe e as fotos:

Na ponte do un de maio, tres dornas do Lajareu sumáronse á expedición galega que nos foi representar á I Festa de la Mar de Catalunya, coa que se estrenou Federació Catalana per la Cultura i el Patrimoni Maritim i Fluvial.

Alá foron a Tixosa, a Vikinga e a Moura, cruzando a ría ata Cambados para cargar alí nun trailer que as levou 1.400 kilómmetros polas españas adiante ata a Fisterra oriental. Agradecidos todos ao noso Tano, José Bermo, Fernando Vikingo, e Xosé da Rabuda que al levaron a remolque da planeadora (nunca suficientemente valorada), pola ría abaixo con grandes carencias de infrestructura (¡aquel motoriño novo que voou!) e molladura includa.

Moito se carga e descarga nunha viaxe destas! Un mundo este dos trailers! Pero mereceu a pena. Ahí se veu a alegría e o esforzo colectivo das xentes mariñeiras de Galiza que moveron en peso unha por unha as embarcación ata o mar de Port Lligat, un saudo dende aquí aos compañeiros da Illa, Cambados, Ferrol, e aos mariñeiros do Río Miño, que adoptamos por alá e traballarón como leóns.

Lástima de tramontana. Eso sí que é ventar, que nos deixou amarrados sábado e domingo á mañá, alí mirando para as dornas desde terra como se foramos turistas.

Pero domingo a medio día asomaron alá polo este unhas nubiñas, e tal como pronosticou noso José (facer caso dos que saben), ahí cambiou para sur. E vaia se nos desquitmos, alá fomos Fernando, Xosé e un servidor a levantar a vela da Moura, e nunha preciosa manobra para sair do Port Lligat, puxemos rumbo a Cadaqués por ese mar de fora bravo que gastan alá. ¡Qué estampa, a Mouriña polos cantís da Costa Braba!, e na popa a catraia de Joao; as únicas que fomos por mar. E na badía de Cadaqués nos xuntamos coa dorna da Illa e as embarcacións da costa Brava, Maresme, Delta do Ebro, Málaga, Balears, Euskadi, Bretaña, e as que me deixo. Un espectáculo. Todos a dar bordos arriba e abaixo.

Unha aperta desde aquí aos organizadores, que fixeronun traballo extraordinario. Só lles faltou encarga-lo ventiño bo. ¿Como se lles pasaría? Polo demáis tratáronos de marabilla, festa incluída. Unha experiencia digna de vivirse. Ahí van unhas fotiñas con esa luz do Mediterraneo. Só lles faltou encarga-lo ventiño bo. ¿Como se lles pasaría? Polo demáis tratáronos de marabilla, festa incluída. Unha experiencia digna de vivirse. Ahí van unhas fotiñas con esa luz do Mediterraneo.

28 de abr. de 2006

Regatas: Amañece na 2ª de Primavera



A Mañanciña de Andrés Novo e José Graña dou un paseo pola Ría mentres os demais aguantabamos escota ata non poder máis. Impresionante a regata dos veteranos -- dous dos mellores regatistas que coñezo. Sinceramente, cando un vai na popa de Andrés aprecia o que é unha navegación absolutamente exquisita, elegante. Vaise e vaise -- ós poucos -- cunha paciencia que non sei, que non sei como se fai. E vaise.

Mentres, Graña ten o seu ollo de aiga posto na viarada e ¡rras! ¿Como é posible que teñan máis anos e corran máis? Teñen velas nas pernas.

Coñezo moi ben a popa desa dorna. (Apiques a verás escorar nas ceñidas. ¿Segredo?) O que sabe, sabe.

Noticias da regata na Voz, Masmar.


Protestas: A Sandra vs. A Áncora

Aquí poñeremos un enlace á Decisión do Comité de Apelación que tratou a protesta presentada pola Sandra á Áncora na última regata do IX Campionato de Inverno 2006. A protesta baseouse en que a Áncora cambiou de vela en diferentes probas. É dicir, nunha regata utilizou unha vela máis pequena e en outra utilizou outra vela máis grande. Ámbalas velas cumprían co Regulamento da Clase Dorna.

Sabemos que a decisión irá aquí pero como é longa e ben razoada non sabemos se só a enlazaremos ou a poñeremos aquí en toda a súa extensión. A Decisión foi lida por Xesús Cadaveira en fronte das partes e outros participantes na sede do Club Lajareu en Ribeira o día 8 de abril de 2006.

De todas, aquí será o seu recuncho.

Editorial: Tamén é aquí onde hai que subliñar que as protestas son unha parte íntegra e necesaria das regatas. Ás veces é a única forma de saír dunha dúbida regulamentaria ou de enfrontarse á realidade dos cambios que poidan ser necesarios para que o deporte da dorna manteña coherencia e tradición. A min persoalmente desgustoume a postura dalgúns regatistas ante a protesta -- fundamentada segundo a miña forma de pensar -- como a presentou José Antonió Castrelo da Sandra. Algúns pensaron que a protesta baseábase só na envexa xa que a Sandra estaba en posición de trofeo no Campionato. Pero certo é tamén que gañando a Protesta a Sandra non gañaba o Campionato dado que a Áncora perdería un posto e a Jolfiña pasaría de segunda a primeira. Iso debe de quedar claro. As protestas son iso: protestas. Deben facerse. Punto. Os comités correspondentes decidiran quen ten a razón. E, ante todo, sexamos bos deportistas. Bos perdedores e, sobre todo, bos gañadores.

27 de abr. de 2006

Regatas: Campións de Inverno










A Áncora gañou o Campionato de Inverno dunha forma que non vin nunca: conseguiu tres primeiros postos consecutivos -- non lle quedaba marxe para facelo de outra forma -- e fíxoo. Eu nunca lle vin a ninguén facelo e, francamente, non me deixou de joder un bo cacho, porque unha vez máis facemos un segundo posto no Campionato coa Jolfiña e penso que non teremos unha mellor oportunidade ca que tivemos este ano.

Recoñecer, pois, a gran labor de Adelino Formoso e Agustín Seráns (Adelino é o da dereita e Agustín é o outro) que navegaron moi, pero que moi jarbosos. Todos sabemos que houbo unha protesta porque fixeron cambio de velas entre unha regata e outra, pero tamén sabemos que non se lle pode quitar a gloria por tecnicalismos -- ademais por unha protesta que gañaron, con apelación incluída. É dicir, gañaron dous Campionatos en un. Aplaudide mentres eu e mais Nacho vamos chorar ás Airoas. (Se vos fixades o que está a piques de tirarse pola ventá na foto é Nacho.)

(En hora boa Sandra -- José Antonio e José Manuel -- que deron moita guerra e fixeron o terceiro posto.)

Regatas: A Primeira de Primavera 2006











A Xarda na 4ª de Inverno do 2004 - ¡Mirade que calmiño o mar preto do Falante!

A "Xarda" gañou a primeira regata de primavera -- que se non o vexo non o creo -- non por que gañara a "Xarda" que xa ten ben de trofeos no faiado, se non porque xa van aló nove grandes anos de campionato entre amigos. Si señor: este xa é o IX Campionato de Primavera de Dornas a Vela que organiza Lajareu e gustaríame pensar que José Gago, patrón da Xarda leva navegado na maioría deles. Xuntouse a el nestas regatas un home novo -- Xoán Castelao -- que leva inda pouco tempo navegando na súa fermosa "María da Fonte".

Pois foiche unha regata bonita, cos seus contratempos ventosos ou mais ben pouco ventosos, que fan que as regatas non deixen de encantarnos a todos. Dicíanme José e Claudio de Vila Nova: "¡Pero se íamos nós de primeiros ata que se quedou o vento!."

"Íamos, José." "Íamos, Claudio".

Íamos.

En hora boa, Xarda. Fotofinish coa "Ardentía" e coa "Mañanciña". Precioso.

Noticas na Voz e Masmar.

3 de abr. de 2006

Campionato de Primavera

O noso calendario para o campionato de primavera ten sufrido uns pequenos asustes. A cousa vai quedar así:

  • 8/04/06 ás 16:00 Trofeo primavera 1ª
  • 22/04/0 ás 16:00 Trofeo primavera 2ª
  • 6/05/06 ás 16:00 Trofeo primavera 3ª
  • 20/05/06 ás 16:00 Trofeo primavera 4ª
  • 27/05/06 ás 16:00 Trofeo primavera 5ª
O comezo veu condicionado pola Administración, e o remate polo Trofeo Fasquia. O erro fora noso, xa que non nos decataramos cando pactáramos o calendario con as outras asociación de que a nosa última regata de primavera coincidía con a primeira do verán. Pero é que o certo o 3 de xuño aínda é primavera.

Tamén temos cambiadas as regatas dos domingos polos sábados; é que xantar ás seis da tarde é moi duro.



14 de mar. de 2006

Técnica: As Novas Tecnoloxías









Parte do problema que nos impoñen as novas tecnoloxías son as vantaxes que dan en regata. O noso Presi está a punto de roubar outro Campionato de Inverno, pero mirade todos como o fai. Así calquera.

"Oiga, si, equipo de tierra, como van las refachas por Coroso."

"Pobres, desanimadas y muy variables. Déjeselas para la Sandra que esos pican con poco viento y usted señor Presi a lo suyo: bordo de fuera."


Non hai dereito, non.

Mentres. Tomar nota do amarre necesario para cando fagades trampa coa nova tecnoloxía.

¡A ver se o vindeiro fin de semana se queda sen pilas!

2 de mar. de 2006

Regatas: 3ª Proba de Inverno 2006














Adelino e Agustín no verán de 2004. Daquela abordo da Ila.

Est
a regata tiña toda a pinta de ser chuliña -- de feito foina -- dependendo do punto de vista, claro. En hora boa ós da Áncora que navegaron moi ben nas últimas ceñidas. Estes se collen cancha son moi perigosos. Foi moi interesante porque Adelino e Agustín non navegaron nada ben na empopada. De feito collémolos a Jolfa e maila Adoa despois de levaren unha gran vantaxe. Algo terían mal que logo corrixiron na virada do Sinal do Maño porque desde aí para terra velearon moi ben inda que non lle vin unha velocidade espectacular. (¡Debeu ser que dende popa e dende tan lonxe non se apreciaba o que corrían!)

Victor e Brux en Rúa no Inverno do 2004.

Quen correu como o demo foi a Volandeira, da man de Victor e Brux. Anduveron moito e tanto que a nós deixáronnos literalmente abraiados no Camouco. Vaites maneira de ceñir e andar. Unha forte en hora boa tamén á Sandra que despois de quedar tirada no Lajareu -- segundo me contou o patrón e verificou Jesús da Moura -- fixo barro de toda flota, colléndonos a nós tamén -- cousa que lle era importante para asegurar cada vez máis o primeiro posto no Campionato. Foiche unha pena que non lle dou tempo a coller á Áncora nin a Volandeira. (Penso que nas condicións rachadas non collería á Volandeira; non do xeito que Victor a levaba.) Tamén lle vin un pouco de debilidade á Sandra nun certo momento, ¡pero iso non volo digo porque igual me fai falla a min o domingo que ven!

Polo demais como sempre...a organización, quero dicir, porque Jaime protestou polas instruccións de saída cando non entendeu que as marcas eran as boias vermellas pequenas XA QUE AS NOSAS BOIAS GRANDES E DE REJLAMENTO QUEDARON ESQUECIDAS NO JALPÓN.

Ah, xa me esquecía, Charly probou a vela de Adelino -- a pequena e tradicional. A min doume como que non lle gustou moito pero indo só abordo parece ser que aguantou ben as rachas. Só, coa a vela normal, estou seguro que non aguantaría; e dicir, visto lo visto na nosa dorna cun compañeiro lastroso como teño eu. De todas formas un saudiño a Charly por saír só cando lle fallou o compañeiro, cousa que tamén fixera José o de Palmeira nunha das outras regatas de inverno. Todo ten o seu mérito e todo apoia ó noso club.

E falando de velas de menos dimensións teño que dicir que me da certa pena a Papoula porque penso que Carlos e Jorge están regateando como os mellores. Fóra coñas. Gústame moito a súa estratexia e vénse moi compaxinados. Nas ceñidas son perigosos, senón pregúntanos a nós. Non teñen motor e nótaselle moito nas empopadas largas.

Voume que me van chamar sicofanta.

Máis noticias da regata na Voz, en Vieiros e no Masmar.

19 de feb. de 2006

A Lareira: Fabada Asturiana a la Palmeirana

Dicíalle este día ó meu amigo Charly que lle ía dedicar unha receita a el e mais a súa Manola. Non sei se é un prato moi mariñeiro pero que queredes que vos diga: nun día de vendaval coa choiva petando nos cristais e as dornas ben amarradas no jalpón hai poucos pratos tan exquisitos e básicos coma a señora Fabada Asturiana. (O noso cocido non se queda atrás, por suposto, pero como Charly e Manola están na terra da sidra dedícolles este bo xantar.)

Eu prepároa así, á Palmeirana:

Ingredientes

½ kg. de fabas (que xa levan de mollo dende a noite anterior)
1 cebola (picada en dous ou tres anacos)
2 allos enteiros
½ tomate maduro

250 gramos
de touciño (poñédeo de mollo a note anterior)
200 gramos
de lacón (de mollo)
1 chourizo
1 morcilla
Un chorriño de aceite de oliva virxe extra (só unhas gotas para mollar a sentina)
Un chisco de azafrán (para que colla coloriño palmeirán)
Sal (a modiño e despois de probar como vai indo por mor do sal que poida ter o lacón e o touciño)

Este debe ser un dos pratos máis fáciles de preparar e máis exquisitos de saborear. E tende conta que na fabada asturiana tradicional, chámeselle verdadeira, tamén lle botan un óso de xamón e unha orella ou rabo de porco. Cos ingredientes darriba comemos cinco na nosa casa (dous son nenos) porque na verdadeira cargan a man cos chourizos e ca morcilla. Ata lle votan tres ou catro de cada. Como para ir de regata despois de tal enchente. E din eles todos cheos de razón:

Los asturianos estamos orgullosos de este ciclópeo alimento que caracteriza la mesa de nuestra tierra, y miramos por encima del hombro esas futesas que se llaman gazpacho, cocido, paella, migas, etc., teniéndolas por cosa aérea, propia de filósofos, pero no de gente de cogote lustroso y sanguíneo, con los pies bien hincados en la tierra. [Antón Rubín, La Fabada].


A miña é máis suaviña, palmeirana, vamos. Iso si, sexa como sexa, a fabada require certa paciencia. Eu empezo votando o chorriño de aceite na pota de barro -- para min a pota ten que ser de barro -- e logo engado todos os ingredientes empezando pola morcilla e o chourizo e rematando coa cebola e o allo. (O aceite axuda a que non se peguen as fabas na primeira fervedura.) Logo bótolle as fabas para que cubran todo e empápoas cunha auga fría ata que quede todo tapado a ras da liña de flotación.) Doulle fogo forte ata a primeira fervedura. Esto tarda uns quince minutos. Logo doulle fogo mínimo para que se vaian mesturando todos os sabores. Hai que ter coidado de que non se peguen as fabas na pota pero si se vota o chorriño de aceite case seguro que non hai problema. Agora tamén vai sendo momento para ver como vai indo de sal. Logo hai que coidar de que as fabas non queden sen auga. Se vedes que as fabas van quedando en marea seca engádeselle auga fría a modiño -- sempre con cariño -- ata que queden de novo a ras da liña de flotación.


De vez en cando un meneo á pota tampouco está demais. (Tamén é obrigatorio levantar o testo para degustar dos recendos que saen co vapor.) A min lévame unhas dúas horas facer a fabada, sempre ben acompañado dun bo Rioxa, ou como fixen desta vez cun Navarra Reserva de Mezquíriz do 2001. (Sona a moito pero só vale ? 3.99 no Lidl. Está moi bo. Tan bo e a tan bo prezo que merquei unha caixa para non quedar en seco no medio da fabada. Nunca, nunca hai que deixar que a fabada se seque.)

E non esquecer: non abusar da boa comida e do bo viño. Avisa o señor Rubín:

La fabada no permite familiaridades, ni que se la trate como cosa baladí y de poca sustancia, gustando de que se le guarde respeto y de que nadie se tome descomedimientos con ella. En este punto, es vengativa, marrullera y taimada. Los anales de nuestras casas de comidas y restaurantes están llenos de penosos y lamentables ejemplos en que el forastero, desconocedor de las terribles fuerzas nutricias que en sí encierra la fabada, se permitió con ella excesivas complacencias y libertades: la fabada puesta en pie de guerra en el confiado y cándido estómago de su abusador, ha de dar cumplida fe de su potencia, haciéndole más cauto y precavido en los sucesivos envites. [Antón Rubín]

Bo xantar.

18 de feb. de 2006

Tripulacións: Os Irmáns Cadaveira

Fotos Lajareu Feb 2006 089

Lévanse como amigos, pero certo é que teñen as súas rarezas. Son irmáns inda que non o parezca. O loiro é Xosé. Xesús é o outro. Se as imaxes valen un monte de palabras, ¿que queredes que vos diga? Aquí están xogando ó palloi. A ver quen encontra a quen. "Primeiro eu, logo ti."

Fotos Lajareu Feb 2006 092

Cousas que fan cando chove moito en Santiago...e en Santiago chove moito.

Fotos Lajareu Feb 2006 090

Curiosidades: A Boina

Fotos Lajareu Feb 2006 096

Non. Non se chama Pierre. Nin sequera é de París. Que eu saiba é de Corrubedo. Eu fun de viaxe e cheguei e atopei as cousas así. É certo, son membro da Xunta Directiva e intentamos manter un certo aire de seriedade pero que lle vamos facer....Entendo que houbo comida -- de restaurante -- e logo un que outro chopito...Deus dea saúde.

Agora ben, como entendo que hai subvencións por estudios etnográficos e antropolóxicos é significativo que non esquezamos a boina. Podedes ver como se leva sutilmente sobre dun lado. Ten un piquiño de tea no centro da testa. ¿E para que sirve ese piquiño? Penso que podemos sacar algún carto dos de Cultura se facemos un estudio sobre o piquiño da boina de Tano. Acéptanse ponencias na sede da nosa asociación cultural. (Dixen sede, non galpón, así que non vir agora preguntando onde está sita a nosa sede.) A sede vosa xa a tivéchedes no restaurante.

Os que levan boina, non sei, preocúpanme.

Regata da Dorna - Palmeira 2004

Regata da Dorna - Palmeira 2004

17 de feb. de 2006

Poesía: Aquel Mar, Aquel Home

Monet

Ben certo é que non existe unha poesía do mar. Falar dela sería como falar da poesía do monte ou da terra cha. Iso máis ben é para os catalogadores, organizadores e contables dos sentimentos desta vida. Eu prefiro a poesía sen nomes e sen mapas. Móveme tanto aquel piñeiro no monte nevado como aquel mastro nos vaivéns da calma podre. Móveme sempre aquel home que fomos nós.

Escoller, pois, algo que compartir dun tema tan esgotador como é a poesía neste noso blog presenta certos teimas de gustos contrapostos. Pero hai lugar para todo e para todos un lugar. Non falemos máis. Escoitemos. Esta nosa escolma comeza con algo do rianxeiro Manuel Antonio. Como queirades: Chamádelle poesía daquel mar.

SÓS

Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós

Roubáronnos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

Roubáronnos o vento
Aquel veleiro que evadeu
pola corda floxa do horizonte

Este oucéano desatracou das costas
e os ventos da Roseta
ourentáronse ao esquenzo
As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas do reloxe

Pero tamén sabemos a maniobra
dos navíos que fondean
a sotavento dunha singladura

No cuandrante estantío das estrelas
Ficou parada esta hora:
O cadavre do Mar
Fixo do barco un cadaleito

Fume de pipa Saudade
Noite Silencio Frío
E ficamos nós sós
sin o Mar e sin o barco
nós.

[Do poemario De Catro A Catro, © La Voz de Galicia, S.A., 2002.]

Regatas: A Segunda de Inverno. Non hai sorte co vento



Nas últimas regatas non estamos a ter moita sorte co vento. A segunda regata fora aprazada por mor do temporal reinante do sábado, 4 de febreiro ó sábado 11.

E o día da regata parecía que tiñamos un bo tempo e un vento feitiño para navegar; pero no mediodía foi quedando o vento ata quedar en calma podre. Na foto poden ver o patrón da dorna gañadora da regata intres despois de pasar a meta. E pola cara que ten calquera diría que non puidera rematar.

Vexan como estaba o mar no intre en que chega a Sandra á liña. Alí o único que se movía eran os nervios dos participantes.

Os detalles da regata poden velas en Vieiros, Prensa de las Rías, Masmar y La Voz de Galicia.

Para mañá estaba programada a terceira das regatas de inverno, pero o Instituto Nacional de Meteoroloxía da ventos de ata 54 km por hora para mañá á tarde, e o Comité de Regatas decidiu aprazar a regata ata o día 25 de febreiro. Unha magoa.

16 de feb. de 2006

Fotografía: Dornas en Regata

Hai algunhas fotos que son verdadeiramente espectaculares. Esta é da "Forza R" na Regata da Dorna de 2003. (Tras dela a "Zenaida".) Corre o tempo que voa.

Regata da Dorna 2003 - Forza R & Zenaida

O retrato demostra que os fotógrafos tamén teñen o seu mérito. Esta, como tantas das fotos en acción das nosas regatas, está quitada da man do noso amigo Santi García, que ben podemos dicir que no é home de mar. Marease, penso, tan só mirando para a Insa da Perilla dende a súa ventá en Insuela. Pero como non sabe dicir que non metémolo abordo da planadora e deixamos que o mar faga del un pandeiro. A verdade é que ten feito uns retratos ben bos. Aquí unha pequena mostra do seu traballo. E gracias, por suposto, polo seu apoio.


Regatas: A Sandra Domina A Primeira de Inverno 2006

¿Qué vamos dicir dunha dorna tan garbosa? Algo diso do pedigree. A Sandra -- gran gañadora da primeira regata deixando a todas as outras embarcacións xogando ó dominó -- xa foi antigamente a Flecha de Sergio Triñanes, e antes tamén a Flecha de José Bermo, e inda antes a Rosiña de Santi Lado. Unha dorna que leva moito percorrido na nosa Ría. Unha clásica que demostra, pois iso, pedigree. E agora, unha vez máis, en moi boas mans.

Sandra
Foto Voz de Galicia
(José Antonio Castrelo ó temón e José Manuel Santiago coa vara de portar.)

Ver Crónica da 1ª Regata de Inverno na Voz, Masmar e Vieiros.

15 de feb. de 2006

Tripulacións: Áncora

Bueno. O Campionato de Primavera 2005 foi gañado daquel xeito. Do que lle gusta a Adelino. "Gaño cando quero. Gáñovos a todos cando quero." E gañou. Empatou a puntos ca Jolfiña e gañoulle. O sorriso do Presi dío todo. Agustín, nembargantes, atopouse cun trofeo pequeno. Non se dou conta de que o Presi non contaba con el e quería algo modesto para a Jolfa. Enhoraboa Áncora. Gañades cando queredes.

Campións Trofeo Lajareu Primavera 2005

14 de feb. de 2006

Proxecto: A Cadeira Invisible

Unha das brillantes ideas que tivo o meu fillo Alberte (7 anos) -- por que o mal das dornas na nosa casa é mal de todos -- e pensar o por que non se pode durmir comodamente nunha dorna de 9 cuartas. Pensouno un día de verán fondeados nolos dous na ensinada do Hotel Río Azor en Palmeira (por certo ó pé de grandes veleiros e motoras). "Se eles poden durmir, nós tamén." Algo de razón tiña o crío. Dende logo a posta do sol e igual para todos -- tanto da cuberta dun gran veleiro como das entrañas dunha simple dorna. Todo un minimalista este meu fillo. De aí que a tolería se lle puidera infectar ó mestre de Lajareu: o noso Presi que inda que aparenta ser moi serio ten un corazonziño que fai caso das ideas infantís. "Pois nada," dixo, "facemos a cadeira para que se quite e se poña...e a durmir."

Alberte & Adelino
O mestre e mailo crío navegando con mal tempo.


Antes había unha cadeira
Antes había unha cadeira.


101_0203
E a cadeira tería que voltar.

O Mestre
O mestre coidando segredos.

O resto queda para a imaxinación, para o bo tempo daqueles veráns.

Pensando


Proxecto: A Xaimiña II

Como aquí fanse as cousas medio ó revés non teño máis remedio que seguir co proxecto da Xaimiña de forma desorganizada. Dábame Jaime o outro día a súa cámara con fotos do proxecto rematado. Sí, a Xaimiña xa é realidade. Xa van aló moitas táboas escachadas e nervios calmados cunha Estrella fría. Pero resulta que a cámara de Jamine é un misterio. Non quer soltar as fotos da dorniña completa. Pois eu non me rendín e de casualidade encontrei os primeiros retratos do proxecto que datan de novembro do 2003. Así que aquí tedes algo de táboas e barutas daquel tempo. Ata Jaime tiña outra pinta. Esto da recuperación de embarcacións tradicionais acaba con un.

PDR_0040

¿Como se lle pegan as táboas a esto?

PDR_0034

Non é o que parece. Pensaría un: Aí están o carpinteiro e mailo o can. Pero ¿cal deles é o carpinteiro?

Copia (2) de PDR_0007

Poesía daquel xeito. Táboas dunha dorna apiques de resucitar.

PDR_0019

E mais foi capaz. Peza a peza.

Proximamente: A obra de arte completa. Lembrade que a encontrou así.

Copia de PDR_0004