Ventos moi fortes e moito frío durante toda a xornada.
A Sandra, de Palmeira, xusta vencedora.
O pasado sábado 14 dábase a
saída a un novo campionato dende a praia de Coroso.
So facía 15 días que a “Sandra”,
de Antonio e Ignacio, remataban unha sensacional segunda posición no campionato
de inverno, pero a estes dous veteranos regatistas parece que lles está
gustando estar nos postos de cabeza. Aquí están as fotos.
Ás 16:30 horas daríase a saída
entre a illa dos Ratos e o sinal do Camouco en dirección a praia de Coroso,
onde estaba situada a boia de desmarque, primeiro paso obrigado.
Dende a pitada da saída o
protagonista de toda a xornada sería sen ningunha dúbida o forte vento, que sopraría
con moita intensidade e obrigaría a comisión de regata a impoñer para todos os
participantes un rizo.
Nos instantes previos da saída,
e sentindo como o vento ia a máis por momentos, todas as embarcacións
decidirían poñer dous rizos, por precaución, todas menos a “Sandra” e a “Lusiña,”
que decidirían saír soamente cun rizo, decisión esta que lles valería, xunto co
bo facer destes experimentados mariñeiros, rematar a regata en primeira e
segunda posición respectivamente.
A primeira en pasar pola boia da
praia sería a “Lusiña”, aínda que despois de avisarlles que a viraran no
sentido contrario, e tendo que rectificar a manobra, pasaría a Sandra de
primeira, seguida de cerca pola Volandeira e un pouquiño máis retrasada a Vikinga
e a Lusiña.
Dende aquí as embarcacións
deberían de continuar paralelos a praia e co vento pola aleta de babor ata a Illa
dos Ratos, onde se manterían as mesmas posicións que no paso pola primeira
boia.
O seguinte tramo sería ata a
boia situada preto do Camouco. Neste treito os regatistas tiveron que empregarse
a fondo. Unha bolina moi bonita e disputada, debido a que as catro primeiras
dornas ían aliñadas e algunha a menos de cinco metros da outra.
Dende este último paso, só quedaría
remontar a boia onde estaba situada a meta, moi preto da praia, e como o vento
cadraba xusto na proa, dúas dornas, a Lusiña e a Volandeira decidiron o bordo proa
o porto e a Sandra e Vikinga virarían proa á praia. Un pouquiño máis atrás
viñan a Cachi e a Rabuda, tratando de acercarse ao grupo de cabeza.
Debido a un forte chuvasco que
entraba polo norte da ría, sairía beneficiada a Sandra, que entraría no primeiro
posto e seguida a moi pouquiña distancia a Lusiña e a Volandeira.
A Xaimiña e a Moura decidiron
abandonar logo da saída por diferentes problemas causados polas fortes rachas
de vento así que a clasificación quedou da
seguinte maneira:
1- Sandra
2- Lusiña
3- Volandeira
4- Vikinga
5- Cachi
6- Rabuda II
Non remataron: Xaimiña e Moura
E non esquecemos aos nosos acompañantes, que sempre están aí, pasan frio coma nós e case nunca saen nas fotos.
Jose María, o noso xuiz de regata habitual
Os rapaces da Cruz Vermella
José no seu barco, acompañado de Charly. E como non, o autor das fotos, Juan, que como é habitual cos reporteiros, non hai unha foto súa.
Graciñas a todos.