
Ola compañeiros, para os que non pudéchedes vir á regata do domingo vouvos contar como foi. O percorrido era saída dende a praia de Coroso, Sinal do Maño,volta a Rúa e entrada. En teoría unha ceñida, un través e despois unha empopada, pero a verdade e que tivo de todo, vento frouxo, encalmada, trancallada e todo ceñidas.
Na saída xa a Áncora colocouse na primeira posición, seguido da Sandra e das demais dornas, agás a Xarda que nun erro tomou a boia por fora, tendo que da-la volta e saír de novo, o que a atrasou ó último posto. Neses instantes ían tódalas dornas cara o Sinal do Maño, pero o vento, caprichoso (por non chamalo de outra forma) comezou a rolar obrigando ás dornas a virar cara terra a Riazor. A partir de aí tódalas dornas continuaron o rumbo por terra, agás a Xarda e a Volandeira que optaron por navegar por fóra. (Ambalasduas non tiñan nada que perder e moito que gañar).
O primeiro en virar no Sinal do Maño foi a Sandra e tódalas demais dornas de terra, menos a Lusiña que quedou totalmente descolgada. A partir de aí o vento fixo das súas, primeiro deixándonos tirados a todos. (Nós na Volandeira cambiamos a vela de banda polo mínimo seis veces e os da Lusiña, aburridos, abandonaron.) Despois empezou a soprar e tivemos que empezar a ceñir; de repente volveu a rolar e entrounos pola popa chegando nun intre a Rúa.
Unha vez que viramos Rúa chegou o inferno. O vento empezou a soprar cunha forza tremenda, pero aínda así ningunha dorna meteu rizos. A Xarda abandonou ó pouco tempo, creo que por falta de roupa axeitada e tamén por non ter cacharro para achicar. (Lembrade: ó mar hai que saír sempre preparado.)
Varias dornas (Tixosa, Jolfiña, Sandra, Volandeira) optaron polo rumbo ás Airoas para despois intentar chegar por terra á boia, mentres que outras (Áncora, Ardentía) viraron antes cara a Illa dos Ratos, manobra que resultou se-la boa, entrando na meta primeiro a Áncora, a Ardentía, a Vikinga e a Jolfiña. Despois de traballar moi, moi, moi duramente tivemos que parar a achica-la dorna. Chegamos á meta detrás da Tixosa e sorprendentemente antes ca Sandra (que quedara sóa na desventada por fóra de Rúa para logo loitar coma as demais para chegar a terra ante a ventada.)
Máis novas en Masmar, A Voz e Vieiros.