19 de nov. de 2012

XA ESTÁ POSTA A QUILLA DA NOSA DORNA XEITEIRA


Aquí está, preciosa, potente e delicada a un tempo, longa, esbelta airosa, clara, perfecta, a quilla da nosa dorna xeiteira, coa sua roda e pinchón, a voltura (taboas de par da quilla) e o barragán presentado no seu encaixe a punto de se afinar e clavar. Por fin! Non sabedes qué alegría nos da vela, logo de tantos anos de ansia. E ahí a tedes nacendo coma da nada no medio das virutas, os recortes e as ferramentas artesanais da carpinteiría de Domingos.
 
Asistir ao nacemento dunha dorna, sobre todo dunha grande, no obradoiro de Domingos, e para nos como presenciar o milagre da vida. Alí non hay maquinarias, nin grúas nen grandes equipamentos. Nada mais que  un banco vello de carpinteiro; un cepillo eléctrico, unha circular pequena, dous traladros e as ferramentas artesanais de carpinteiro de riveira do pai e do avó, permanecendo sinxelas e nobles a través do tempo, afinadas e afiadas ate a perfección. E dese chan sinxelo, coberto de serrín e virutas, vai nacendo, a partir da quilla de carballo, táboa a táboa de piñeiro limpo e branco, a máis fermosa obra de arte que ún de nos poda contemplar: perfecta nas sua formas, idonea ao seu uso, producto de séculos de evolución, depositaria dun saber e dunha técnica transmitida de pais a fillos e que agora xurde tan natural das mans de Domingos

Preguntarédesvos algúns cómo é que, na actual situación, os do Lajareu damos avante a unha empresa como esta... Pois non foi sen tempo! Hai xa algúns anos que decidimos concentrar os nosos esforzos na construcción dunha embarcación emblemática, do noso "buque insignia" por dicilo dalgunha maneira; que nos permitira ademáis afrontar navegacións máis longas, e poder levar xente a bordo. As nosas dorniñas de nove cuartas, ideais para regatear, quedan pequenas para facer de escola, para difundir os valores patrimonias, para darlle a coñecer á xente a beleza desta navegación.... é por fin ahí está :os esforzos deron seu froito e, precisamente agora, podemos botar a andar, e de paso aportar o noso gran de area ao mantemento da carga de traballo desta carpinería tradicional, da carpinteiría de riveira tradicional.
Mirade para a proa: é tan alta como min! É unha dorna xeiteira de 6,50 metros de eslora, creo que corresponde a trece cuartas e media, a máis grande que fará Domingos dentro da peza principal do seu obradoiro: terémola que botar a unha banda para sacala pola porta; e unha peculiariedade: vai cravada con cravos, con cravos de verdade de ferreiro, forxados especialmente para ela en aliaxe doce, para gatealos ben e que aguanten ben anos. Galvanizounos artesanalmente Adelino . Había algúns anos que non se construía unha dorna con cravos de verdade.  Ahí tedes o barragán, que recibirá todas as táboas na popa, e a Domingos, que quitou os lentes para a foto:

Se o inverno respeita a saude de Domingos e o mar non fai ningún estrago relevante na flota pesqueira tradicional de Aguiño e arredores que reclame a atención do noso carpinteiro, esperamos tela feita en tres meses. Logo a trataremos como corresponde: con alquitrán de brea de piñeiro navegará un ano para que cure ben a madeira... 
Parabéns a todos os membros do Lajareu por esta boa nova, e a todos os que se alegran pola incorporación dunha dorna xeiteira máis á flota das embarcacións tradicionáis de Galiza.

Unha aperta
Suso