26 de maio de 2010

FINALIZA O CAMPEONATO DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA

A ÁNCORA, DE RIBEIRA, MÁIS UNHA VEZ VENCEDORA INDISCUTIBLE

O pasado sábado 22 de Maio celebrouse a última regata das catro de que constaba a XIV edición de este xa clásico campeonato. Esta sería a única regata que se desenvolveu nunhas condicións realmente primaverais, con temperaturas propias do verán e unhas condicións de vento envidiabeis para este tipo de eventos.


Ás 16,30 horas da tarde, serían 16 as dornas que tomarían a saída frente da bahía de Coroso. O percorrido obrigaba a pasar as embarcacións da saída ata a boia de desmarque, continuando cara o farol da Pedra Seca, deixando este por estribor e como último paso obligado a Illa de Rúa, tamén por estribor ata a meta, situada esta nas inmediacións do Clube Náutico de Ribeira.

No momento da saída, a Áncora de Adelino e Agustín (Ribeira), situariase no primeiro lugar no momento de pasar pola boia de desmarque, e seguidos moi perto pola Papoula, Ardentía e a Vikinga. Ata o seguinte paso, o Farol de Pedra Seca , sempre con un vento que daba ás embarcacións entre un través e a popa , manteríanse os mesmos postos que no paso anterior , ainda que o grupo que ía detrás, acortaría bastante distancia aos catro primeiros.
O seguinte paso, a Illa de Rúa, a Áncora conservaba o primeiro posto facendo neste tramo unha grande bolinada, e seguidos moi de perto pola Vikinga, o resto das embarcacións situábanse a bastante distancia.

A Papoula de Carlos e Bermo (Palmeira), situada no terceiro posto nese momento, cometeu o erro de non deixar por estribor a Illa de Rúa, e ainda que continuou ata a meta, ficaría eliminada por orde do Xuíz.

Deste último paso ata a chegada, os participantes deberían afrontar uns ventos que pouco a pouco irían aumentando en intensidade e rolando constantemente a medida que ían achegándose á bahía, onde se situaba a chegada. Isto fixo que houbese un cambio importante na clasificación, xa que os diferentes bordos que debían facer as embacacións favorecerían aquelas dornas que elixiron achegarse á chegada pola parte sur da Bahía. Isto faría que dornas como a Zoa, que tendo saído na última posición por un erro na saída, chegase primeira, dando un volco importante á clasificación.

A dorna Maristela de Vilanova volcaría perto da Praia de Coroso debido a un forte refacho. Esta embarcación tivo que ser rebocada ata o porto pola lancha de salvamento marítimo sen consecuencias materiais nen persoais

Outra embarcación que debería ser rebocada ata porto sería a Puñetera de Vigo, nesta ocasión debidoá rotura do mastro.
Despois de máis de tres horas de navegación a orde de chegada foi como segue.:
1- Zoa 2-Vikinga 3-Volandeira 4-Áncora 5.-Tixosa 6.-Sandra 7.-Rabuda 8.-Ardentía 9.-Lusiña 10.-Jolfiña 11.-Xaimiña 12.-Breogán

-Papoula ( no clasificada por non pasar por Rúa )

-Maristela (non clasificada por emborcar )

-Puñetera ( non clasificada por rotura de palo )

-Gloria ( non clasificada por abandono ).

Despois do cómputo das catro regatas, a clasificación xeral é a seguinte.:

1-Áncora 2-Vikinga. 3-Papoula. 4-.Volandeira. 5-Jolfiña 6-Lusiña 7-Ardentía 8-Sandra 9-Rabuda 10-Maristela 11-Xaimiña 12-Breogán 13-Zoa 14-Tixosa 15-Praia das Carolinas 16-Gloria 17-Puñetera.

18 de maio de 2010

3ª REGATA DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA


A Áncora de Adelino Formoso e Agustín Seráns a piques de conseguir o campionato.
O pasado sábado día 8 con saída da praia do Coroso celebrouse a terceira regata do XIII Trofeo de Primavera de Dornas a Vela Lajareu por Barlovento. O percorrido escollido foi exactamente o mesmo que o da 2º regata, pois estaba a soprar un vento duro do Sur.
Así pois, despois da saída as dornas deixarían o faro de Lajareu por babor para pasar deixando por estribor o sinal do Camouco para despois rodear as Illas Airoas por estribor e regresar ao punto de saída.
Debido ao duro vento reinante no momento da saída, a organización impuxo como medida de seguridade que as dornas navegasen co mastro caído na segunda pica de proa. No momento da saída todas as tripulacións estiveron moi nerviosas, e mesmo a Breogán de Luisa e Carla adiantáronse a pasar pola liña ao toque do sinal, polo que tiveron que volver á liña para saír de novo, desta segunda volta no último lugar. Outro tanto estivo a piques de pasarlle á Lusiña, que ía tamén moi adiantada, mais o patrón Antonio Santiago no lugar de adiantarse percorreu a liña e a piques estivo de abordar a Jolfiña que saía un pouco por detrás.
Arrancado dunha moi boa posición, e con grande velocidade no paso da saída, a dorna líder do campionato, a Áncora de Adelino e Agustín conseguiu, xa na saída a primeira posición. A Jolfiña, de Alberto Romero e Nacho Jorganes, conseguiu achegarse moito á Áncora, mais esta nun espectacular bordo no Lajareu, foi quen de manter a vantaxe. A moi pouca distancia perseguían a estas a Lusiña, a Puñetera, a Papoula e a Maristela nunha loita moi apertada. Tralo paso polo Lajareu, e navegando dun largo ata o Camouco a Papoula e a Maristela foron collendo o liderado do grupo perseguidor.
Con todo, as posicións da Áncora e a Jolfiña mantíñanse no paso polo Camouco. Tras pasar polo Camouco, o vento comezou a caer, e mesmo a organización estivo prantexándose suspender a regata. As posicións de cabeza continuaban o mesmo, mais as dornas, perto xa das Airoas non eran quen de navegar debido á encalmada. A situación víase agravada porque a organización impuxera o pau caido como medida de seguridade.
Por sorte, e tras vinte e tantos minutos de encalmada comezou a levantar unha brisa que puxo en marcha outra vez a frota. Nese momento, a Jolfiña errou a súa derrota e co cambio do vento non lle deu o bordo para pasar polas Airoas perdendo a súa vantaxe. De volta ao Coroso, os patróns tivéronse que aplicar de novo a bolinar, pois o vento foi rolando ao Noroeste nunha dirección case oposta á da saída. Ramón de Vigo patroneando a Puñetera e Claudio de Vilanova ao temón da Maristela estiveron rapidísimos neste tramo das Airoas ata Coroso.
A última manga do campionato terá lugar o vindeiro sábado 22 de maio, con saída da Praia de Coroso ás catro e media da tarde.
Calsificación da 3º Regata:
1.- Áncora, 2.- Puñetera, 3.- Maristela, 4.- Papoula, 5.- Jolfiña, 6.- Lusiña, 7.- Sandra, 8.- Vikinga, 9.- Rabuda II, 10.- Breogán, 11.- Xaimiña
Clasificación Xeral: 1.- Áncora, 2.- Papoula,3.- Vikinga, 4.- Puñetera, 5.- Jolfiña, 6.- Sandra, 7.- Lusiña, 8.- Ardentía, 9.- Maristela, 10.- Volandeira, 11.- Rabuda II, 12.- Breogán, 13.- Xaimiña, 14.- Praia das Carolinas, 15.- Tixosa

12 de maio de 2010

OUTRA AVENTURA DO SIMESARGA


En Febreiro contabamos aquí as peripecias dos Goldazerena, de Donostia. Chegabamos a esta saga de peculiares carpinteiros de ribeira que se adicaban a "todo o que flotase", por unha coluna de marítima nun ABC do ano 1974, que daba conta da arribada por temporal do arrastreiro Simesarga ao porto de Ribeira.

Non sabemos se foi nese ano, ou noutra das súas aventuras, cando foi que recalou finamente o bote de salvamento do Simesarga no noso porto dorneiro. O caso é que velaí está agora, no galpón do Lajareu, amosando as súas "boas augas" como nos falaba o outro día José Bermo, o Americano, despois da regata.

Pois hoxe atopei outro episodio do arrastreiro basco dez anos antes daquela visita barbanzá. Desta volta, fálanos o xornal de que acodira ao resgate doutro pesqueiro en augas do cabo Aguer aló polo atlántico bérber. O barco de Huelva pedira auxilio despois de colidir cun buque da armada española con base naquelas "plazas" africanas.

E pergunto eu, na mariña deixaban á deriva unha tripulación pesqueira depois dunha colisión... ?