Logo de tres anos de plans e propósitos que nunca se terminaban por materializar, ao final decidimos Fernando Vikingo e un servidor , sair dar unha voltiña pola costa; con idea de chegar á Ría de Muros. En principio sumaríasenos Tano en Corrubedo, e deixaríamos as dornas unha semana no Náutico de Portosín. E a semana seguinte, volta para casa.
A saida tíñamola prevista para sábado ás dez, pero xa sabedes como son estas cousas. A dorna estaba sen aparellar, colle esto colle o outro, o motoriño na cadeira... Total que saimos pasadas as once e media. Ata Sagres fomos cun lestiño mallado que nos levou en popa ou pola aleta, pero chegados alí, cando sería a unha e algo, xa vimos que na costa o conto cambiaba. Rolara a norte, arriba de forza doce, e armaba mar. Así que, coa prudencia que sempre debe imperar nestes casos, arriamos o risonsiño no abrigo da Punta de Couso, metemos o pao ao medio (cuña por proa), e cosimos, ante a duda, dous risos, mellor que un. Metemos para dentro unhas galletas e un cacho de chocolate, augiña fresca, e veña para fora.
No carreiro armaba mar, e en adiante tamén, e o vento viña do mesmo Corrubedo, así que a travesía foi a bordos de bolina cara ao Vilar e cara a fora (donde máis armaba). E houbo que dar algúns cantos, co mar moi picado, batendo nas amuras e pasándonos por riba. Pero con esta Mouriña de tilla corrida, ben asentadiña nos calimes de meo para popa, e con esa veliña nova feita "como Dio-lo manda, "que metes o pao a proa e vas con ela a Venezuela", ata non había que facer banda: o proel sentado no medio da tilla. Pasou ben de forza 15 e levantaba mar de vento, pero con esta veliña aguantaríamos ben inda que fora cun so ris. Pero a prudencia mandou, e en tres horas de bolinar xustiños entrabamos no porto de Corrubedo. ¡Qué tavesía bonita! Tarde para seguir cara Muros, con ese vento de proa.
En Corrubedo o recebemento de luxo, cos Tanos ao completo, Jaime da Adoa, e un amigo dél que antes de desembarcar, como bo vasco, xa nos estaba invitando a comer o seu congro guisado (impresionantemente guisado). E dalí a un rato chegou por alí José o Carreirán, pilotando en solitario o seu Cronos, para sumarse a esta xornada mariñeira. De volta acompañárono Eva e Fernando, ao timón, e disque no carreiro arbolaba mar grosa.
O domingo volta para casa. Co nortiño de popa a cousa cambia, así que levamos á nosa Ingrid a bordo a difrutar das paisaxes preciosas de Corrubedo, O Vilar, Couso, Sagres, o Carreiro Vionta, Agiño, Castiñeiras...
Unha auténtica marabilla.
Animádesvos?
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Moi boa a travesía, a ver se para a próxima avisades e xuntamos catro o cinco dornas.
ResponderEliminarE tamén moi bo ver novos redactores nesta bitácora. A ver se sigue así a cousa.