Dous de maio, a Ría non estaba para bromas, aínda que xa se sabe que aos mariñeiros de dorna ás veces fáltalles ese sentidiño que lle sobra aos de terra adentro.
Baixo unha chuvia intensa que nos calou ata a alma durante a metade da regata, un vento do sur fungaba con mala idea prometendo sarabanda. No peirao, mentres se recendía a salitre e chuvia, a tensión palpábase na madeira.
Na liña de saída, a Gallofeira de Alex xa rosmaba ensinando os dentes, con moita fame de mar. Non obstante, a Xaimiña de Jaime e Fontaiña fixo unha arrancada de manual; normal, Jaime é un patrón tan técnico que sempre está aí arriba, un home que podería darlle clases de táctica ao mismísimo vento.
O primeiro bordo cara á Illa dos Ratos foi un baile sobre as ondas. Xaimiña primeira, seguida da Moura de Marcos e Aitor. Pero ai, amigos, o mar sempre cobra peaxe! E saltoulle o timón á Moura. Mentres fozaban para arranxalo e perdían postos, a Gallofeira, que viña terceira e caladiña, meteu proa rozando as pedras da Illa. Con moita arte, gañou barlovento, rouboulles a carteira e púxose primeira, abrazada ao liderado para non soltalo xamais.
Atrás, coma unha treboada silenciosa pero infalible, viña a Zoa de Charly, vello mestre, o rival a bater; cando está na auga non perdoa un só metro e sempre ameaza as proas alleas, e Dani.
Pero o verdadeiro inferno, o que separa aos nenos dos vellos lobos, desatouse nese bordo dende a Illa dos Ratos ata Lajareu. O vento do sur cabreouse de verdade, levantando unha vaga cabezuda de metro e medio. As dornas subían en dura bolina, coa relinga piques de estalar, dando uns pantocazos contra o mar que facían tremer os ósos. ¡Víanse as quillas no aire coma se quixesen voar!
Ao final, a Gallofeira cruzou a meta triunfante, seguida da cirúrxica Xaimiña e a incombustible Zoa. Despois asomaron as proas da Loba de Sergio e Santi, a Cortegada de Jesús e Juan, a valente Sandra, a accidentada Moura e, finalmente, a Fiuza de Nacho e Manu.
Ao pisar terra, cos pés mollados e o lombo moido, todo se volven apertas e compañeirismo. Mirar esas dornas amarradas é entender que a nosa tradición non hai borrasca que a afunda, porque navega ancorada no corazón.
Emocionante crónica que nos pasa Álvaro o da "Abuelo Tucho", que viviu a regata en primeira persoa navegando a Gallofeira.
Orixinal publicado no seu Instagram:
https://www.instagram.com/p/DX2hK90jTwM/?igsh=MXAwbmtpeWNzeWppYQ==
ALBUM FOTOS
CLASIFICACIÓN
- Gallofeira
- Xaimiña
- Zoa
- A Loba
- Cortegada
- Sandra
- Moura
Agradecemento desde o clube Lajareu ás dornas participantes, e especialmente ao persoal das embarcacións de apoio e xuíz de regata.








.jpeg)
(1).jpeg)


Ningún comentario:
Publicar un comentario