15 de maio de 2011

Suspendida a 3ª proba da Regata de primavera 2011

A terceira proba da Regata de primavera 2011 estaba prevista para o sábado 14 de maio pero por mor do vento que soplou o sábado, con velocidades de 35 nós e rachas superioras a 40 o Comité de Regata acordou suspendela e trasladala para o sábado 21 de maio ás 16:30. Así que alí vos esperamos.
De todos os xeitos algúns membros do Lajareu tiñamos ganas de velear e o patrón da Vikinga, Fernando, o seu compañeiro de regatas, José, que viña dende Madrid para navegar, e mais eu, animamos a sair a facer uns bordos.
Intentamos sair co pau tumbado de todo e cun rizo pero sufriamos para manter a dorna así que achegamos á praia de Coroso e cosimos outro. Así iamos perfectos, bolinamos amurados a babor e de súpeto unha familia de arroaces estaba ao noso carón e nos acompañaron ata o Camouco, entre a tensión de levar ben a dorna e a ilusión de ver aos arroaces púxosenos aos tres un sorriso de orella a orella.
Dali seguimos o mesmo rumbo e chegamos ao abrigo de Rúa, como embarcamos moita auga e mollamos un pouco, aproveitamos para rematar de achicar, descansar e secarnos un pouco.
A volta foi mais sinxela aínda que o vento estaba mais forte, templamos ben a vela cos dous rizos, a vara de portar e o estrinque, deste xeito chegamos a un largo a Ribeira en 25 minutos.
Foi unha tarde de navegación intensa pero os tres ficamos encantados. Merece a pena unha saída na que aprendes a navegar con vento duro, con Fernando como patrón todo semella sinxelo pero o segredo era que todo ía no seu sitio e comprobamos que a dorna navega moi ben se vai ben aparellada.
Ata o sábado.
Un saúdo
Marcos

1 comentario:

  1. Fermosas fotos da Ría de Arousa en plena nordestada vista desde Rúa.
    As fotos son bonitas. Volver a terra cando nos pilla una desas, non é tanto. Cando é así, o mar fainos recordar o fráxiles e vulnerables que somos. A dorna móvese como un anaco de pau que semella vai ser engullido de un momento a outro po-lo mar, e os que vamos nela tamén.
    Saludos de un admirador da vosa páxina.

    Juan Mª Santos.

    ResponderEliminar