5 de xan. de 2010

TRATAMENTO

Ola outra vez compañeiros, e para empezar o ano retomamos a cuestión de sumo interés do tratamento das dornas.
Como xa sabedes, nos útimos anos moitos compañeiros viñeron experimentando con novos tratamentos de madeira para o coidado das dornas e otras embarcacións tradicionáis. Maravillados ante a innegable fermosura da cor natural da madeira, moitos probaron -ou probamos- con tratamentos de madeira para exteriores tipo LASUR, como o Xilacel e outros, que permiten ver a beta e a cor clariña da madeira virxe, e ofrecen boas cualides contra radiación solar e a comodidade de non ter que lixalos á hora de dar unha nova man. O feito de guardarmos as dornas en terra e a cubert0, e de sacalas nada máis que para as regatas ou as saidas, fíxonos crer que estes tratamentos funcionaban ben e as dornas se consevaban así en perfecto estado e sempre novas.
Desgraciadamente tratábase dunha ilusión.
Nestas fotos vese o estado da regala e a taboa de cubrir da Ardentía despois de permanecer unhas semanas amarrada ou fondeada.
A Ardentía é unha dorna nova: ha de ter cinco anos, e os seu armador, José María, deulle un tratamento e un coidado exquisitos; pero, como tantos outros, optou por non darlle alquitrán ao exterior do casco, aplicando directamente sobre a madeira varias mans de Lasur, A dorna estaba preciosa mentres se gardou no galpón, pero despois de tela un tempo fondeada, e chover por ela, comezou a aflorarlle o mourón por baixo do lasur, como inicio dun proceso de apodrecemento da madeira.
No extremo contrario podémosvos contar que no Lajareu rascamos unha dorniña de máis de 70 anos dun mariñeiro, que pasara a sua vida fondeada e só se tratara con alquitrán (moitas capas de alquitrán) e pintura Titán por riba no exterior do caso: ao levantarelle o tratamento todo apareceu por baixo una madeira tan fina clariña e lozana coma o dia en que o carpinteiro calvou aquelas táboas.
Tal como falamos nunha entrada anterior, o tratamento tradicional da madeira con alquitrán de brea nutre naturalmente a madeira co seu propio aceite protexéndoa e manténdoa viva; e permite os proceso naturais de absorción (hinchado) e expulsión (secado) da auga; así como a contracción e dilatación da madeira por mor das variacións térmicas. O alquitrán é flexible, e altera solidifícase ou licuase en función da temperatura: enche os poros e penetra na mandeira cado esta abre pola calor, e sae de novo á superficie cando a madeira cerra os seus poros folo frio.
A capa impermeable que proporcionan o lasur e outros tratamentos como o epoxi e diversos barnices, impídelle á madeira respirar ou evacuar a auga que entrou pola outra cara. Así que a auga queda dentro e termina por apodrecer a madeira.

Peor ainda se presenta a opción de impermeabilizar complemente a dorna por dentro e por fora mediante lasures, epoxi ou enfibrado. Os procesos de expansión e contraccion da madeira rematan por quebrar o capa de tratamento nas xuntas, e por calquera microfisura ou microporo entra auga; mesmo por ósmose ou condensación, a auga pasa ao interior da capa impermable aloxándose estre esta e a madeira, e o proceso de aprodecemento e inmediato.

Por eso dende o Lajareu reiteramos a recomendación de tratar as embarcacións tradicionáis de madeira de piñeiro con alquitrán de brea, coa sua propia esencia. Ademáis de ser un tratamento tradicional, que mantén vivo o acerbo cultural mariñeiro, tense demostrado como o mellor medio de manter viva a propia madeira da dorna. O alquitrán pódese diluir con aceite vexetal como a linaza (sen secante) que facilita a sua aplicación e prolonga o proceso de secado favorecendo unha mellor absorción pola madeira. É convinte darlle varias mans, navegando con ela para que o mar elimine o sobrante antes de aplicar unha nova capa, como facía a Paisana cando lle quitaron esta foto.
Finalmente, un esmalte para barcos de madeira, como o típico Titán Pesqueros, aplicado sobre as varias mans de alquitrán, proporciona unha capa transpirable e permeable que permite os procesos indicados e á vez protexe o alquitrán da erosión e a abrasión do mar.
Resta por dicir, e isto xa é unha opinión persoal, que a dorna pintada, sobre todo nas cores tradicionáis, en nigún caso perde a sua beleza. Ao contrario: no mar e na distancia, a cintiña ,o folio e a obra viva brancas, sobre o negro da obra morta, definen moito mellor as formas da dorna, e teñen o sabor e a beleza do propiamamente tradicional, mentres que, nas de cor madeira, a cinta e o folio non destacan na distacia e a forma desdibúxase.
A madeira barnizada é moi bonita, pero xa podemos disfrutar dela en mesas e sillas e todo tipo de mobles, ou en chans e teitos das casas, pero unha dorna non é un moble rústico, é unha embarcación tradicional, preciosa en sí mesma... para moitos a máis bonita que existe...

2 comentarios:

  1. Ainda que me parece ben o uso de productos como o alquitran no tratamento das embarcacións tradicionais. Eu non faría unha afirmación tan forte, pois coñezo casos de embarcacións tratadas con alquitrán que as veces a madeira ... e outras onde tratadas con productos de estos modernos (non epoxi), que ainda estando a recibir sol e mar, pois ahí están en perfecto estado. Penso que algo teremos que decir das madeiras, do curadas ou non curadas que chegan o momento da construcción ou mesmo da calidade das arbores de antes e de agora, da posibilidade de selección.
    Por outra banda onde estan os alquitráns de antes?, agora non existen ( e esto si é real). Deciame un vello en Palmeira, dalle de este e non do outro, pero o este o que se refería él ... pasou a historia.

    saude
    Arturo

    ResponderEliminar
  2. Ola Arturo:
    Bemvido ao blogue e moitas gracias polo teu interesantísimo comentario. Efectivamente, hai moito que dicir sobre as madeiras: antigamente era o propio carpinteiro de riveira quen escollia as árbores e a hora de cortalas, coa lua nova, para que a medeira estivese o menos chea de sabia. A forza gravitatoria da lua exerce unha influencia inmensa sobre os fluidos (ahí están as mareas) e resulta determinante nas fases agrícolas e o ciclo vexetativo das árbores. E posteriormente tamén o corpinteiro cortaba as táboas e controlaba o proceso de secado; todo o cal non ocorre actualmente. Así e todo, os carpinteiros ainda escollen persoalmente as táboas en función das suas cualidades e estado, e elixen específicamente unhas e outras para cada aplicación. Teño falado moito desto con Domingos Ayaso, e presenciado a construcción de algunhas dornas cunhas táboas preciosas. Non é o de antes pero penso que, ainda así, os carpinteiros , os bos, utilizan madeiras razoablemente boas e nunha fase de secado correcta. Tamén hai que considerar que o piñeiro utilizado nas dornas é unha madeira blanda e porosa, sen as cualidades das madeiras tropicáis (teca, iroko...) utilizadas en outro tipo de embarcacións máis costosas que requiren menor tratamento. O piñeiro precisa do seu aceite, da sua brea, máis que a a teka, por exemplo.
    Creo que tamén tes moita razón na cuestión dos alquitráns. En Riveira, só tiña alquitrán de brea bo "O Filipino". Cando se xubilou, acabouse, e o seu proveedor contounos que llo traía a aquel home por compromiso de moitos anos, pero que non lle compensaba, que a obtención deste producto estaba complicada e non o había traer máis. Así que, despois de estar usando durante un tempo alquitráns "dos outros", ao fin, despois de dar moitas voltas, fixémonos con tres barriles dun excelente alquitrán de brea. Eso sí, ten tanta brea que logo seca, así que lle estamos mesturando un chisco de linaza (sen secante) para prolongar o tempo de absorción.
    Pero, tal como tí indicas, queda moito por dicir nesto dos tratamentos, así que anímote Arturo, e a todos os que teñades algo que aportar, a deixar os vosos comentarios.
    Unha aperta. Suso

    ResponderEliminar