01/04/2013

3ª PROBA DA REGATA DE INVERNO 2013

Unha regata marcada por un intenso chubasco que deixaría grande auga e forte tormenta eléctrica.

 
O pasado sábado día 23 de marzo, disputouse a 3ª proba de dornas a vela do ano 2013, correspondente ao 17º campionato de inverno, na que participaron as dornas A Fiúza, Ardentía, Lusiña, Vikinga, Xaimiña e Xarda. Outros patróns alí presentes, decidiron non participar polas desapacibles e inestables condicións meteorolóxicas reinantes.
 
A tarde presentábase moi gris, co ceo moi cuberto de nubes e vento moderado e moi fixado do sur, que andaba entre os 15 e 20 nós cargando nas rachas, o que facía sospeitar unha regata lixeira.
 
O comité de regata decidiu, por precaución, que todas as dornas sairían ca vela rizada ao máximo, as condicións meteorolóxicas parecían pouco estables. Esta decisión foi completamente acertada, xa que na metade do percorrido os participantes terían que soportar por momentos, rachas de ventos moi fortes e grandes cantidades de choiva acompañada de aparato eléctrico.
 
 
 
O percorrido da regata foi, saída dende o medio da praia de Coroso proa a boia de desmarque (faro do Lajareu) deixandoo pola banda de babor, para despois continuar cara a seguinte boia que estaba situado moi preto da illa dos Ratos, para volver ao faro do Lajareu, onde remataba o percorrido despois de facelo dúas veces.
 
A saída, sobre as 16:30, proa á boia de desmarque (o Lajareu) cunha bolina a rabiar, que obrigaba a facer varios bordos. Chegarían á boia por este orden a Ardentía, Vikinga, Lusiña. De seguido pasarían a Xaimiña e A Fiúza.
 
Despois as embarcacións farían un largo cara o seguinte paso no que a Lusiña pasaría no segundo lugar e a moi pouco distancia da Ardentía. Xa na segunda volta manteríanse as posicións, e a Ardentía cobraría máis vantaxe sobre a Lusiña e a Vikinga.
 
 
Logo de dobrar por segunda vez o faro do Lajareu entraría o forte chuvasco que determinaría o abandono, primeiro da Fiúza, este por ter esvarado e quedar somerxido na auga, e segundo da Xaimiña, despois de ter unha vía de auga difícil de controlar. A estas alturas, e con moi bo criterio, a Xarda xa estaba en terra a bo resgardo.
 
Pasado o chuvasco, o vento foi a menos, e as tres dornas que aínda continuaban en regata costoulles moito remontar por terceira vez o Lajareu. O vento estaba indo a menos ata o punto de ter que volver pa terra de remolque ou a remos despois de cruzar a liña de chegada.
 
A clasificación desta proba foi a seguinte:
1º Ardentía (José María e Carlos)
2º Vikinga (Fernando e Carla)
3º Lusiña (Antonio e Ron)
-   A Fiúza (Severino e Nacho)      non finalizou
-   Xaimiña (Xaime e Xaime)          non finalizou
-   Xarda ( Carlos e Carmen)          non finalizou
 
A clasificación provisional logo das tres probas desputadas, a falta da última que se fará este sábado día 6, é a seguinte.
 
 



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario