10 de set. de 2012

CRÓNICA DA REGATA DE SANTA UXIA 2012


A manhã de calma podre e borraxeira mesta pom em questiom a viabilidade da regata. Finalmente fai-se possível ao levantar a névoa com um ventinho do Oeste que entrou co cambio da maré.

Linha de saída na praia de Coroso. Engalanam a ria 18 dornas de nove quartas de quilha coas suas velas de relinga sobre un horizonte de brêtema. Hoje toca pormos os paus em candela. Para a saída, umha boia de desmarque e a bolinar na procura do primeiro passo polo vermelho do porto de Ribeira, o Lajareu, que dá ademais nome ao nosso clube.

Nesta curta saída cara ao vento decidiuse o grupo de cabeça para o resto da regata. Foi o primeiro capítulo de estratégia. As dornas que procurarom o vento cara a ria salvarom ligeiras o Lajareu e acadarom postos relevantes que já nom perderiam. As que forom a terra ficarom arrombadas na encalmada, para sairem paseninho e com dificuldade.

Das melhores tripulaçons da ría de Arousa claramente no grupo de cabeça: A Faisca e a Rona do Grove, a Bazarra e a Jalerna da Ilha da Arousa afinando duramente, e a Sandra e a Ardentía do Lajareu em mui boas posiçons.

Co ventinho WSW pola rabeira da banda de meo desfila a flotilha em ringleira já formada cara o sinal do Camouco, passo obrigatório antes de fazer a volta na Ilha dos Ratos. Poucas novidades nestes bordos, primeiro de popa, para fazerem logo um cómodo través de couso. Ainda assi, os patrons concentram-se na procura do ponto ótimo de escota cos tripulantes à tosta afinando com jeito as varas de portar para adiantar algúm posto.


PRIMEIRO PASSO POLOS RATOS

Vira-se a Ilha dos Ratos cos olhos atentos ao passo entre os conles de Riazor, aos que segue de novo outra etapa decisiva para a regata: a bolina cara o Lajareu para completar o primeiro triângulo.

De novo a escolha correta é decisiva. É o caso da Ardentía de Ribeira, que decide procurar o vento afastando da terra e logra passar em cabeça o sinal vermelho do Lajareu. Outras dornas que optarom polo bordo de terra aminoram contra o dique do porto costando-lhes trabalho remontar o sinal e perdendo de novo possiçons.

O vento mantem-se. Nom é muito, mas é limpo, rolando ligeiramente cara W puro e definindo-se cada vez mais en intensidade, o que dá pé à segunda volta.


MOVEMENTOS NOS BORDOS FINAIS

No segundo passo polos Ratos vai a Rona de primeira, perdendo esta possiçom por umha virada antes de tempo que obriga a retificar mais adiante cunha nova virada. Detrás dela vai também a Faisca, seguida da Sandra, a Ardentía e a Jalerna, todas à procura do vento longe de terra.

A Ardentía adianta várias dornas até a primeira possiçom graças a umha bolina mui fina até aproximar a linha de chegada onde perde vento perto de terra, e deixa passo à Sandra, que adiantara também um par de postos e termina por coroar a regata governada por José Antonio Castrelo -O Panadeiro- à canha, e Antonio Santiago -Panarro, à tosta. Parabéns aos palmeirans da Sandra polo primeiro posto!

A Jalerna entra de terceira, fazendo umha mui boa regata e sabendo aproveitar bem esse último e decisivo “bordo por fora”. Prémios também para a Rona e a Faisca que entram finalmente em quarto e quinto postos, respetivamente.

Trás delas, completa-se a tabela com dornas das associaçons Dorna da Ilha da Arousa, da Dorna Meca do Grove, da Fasquía da Ilha da Arousa, da Rabandeira de Vilanova e do Lajareu de Ribeira. 

A todos os clubes de fora de Ribeira agradece-se-lhes a participaçom, e a afoutada decisom para atravessarem a ria à manhã com as pobres perspetivas meteorológicas que havia.



TABELA CLASSIFICATÓRIA - SANTA UGIA 2012

1
Sandra Lajareu por Barlovento Ribeira
2
Ardentía Lajareu por Barlovento Ribeira
3
Jalerna Dorna Ilha da Arousa
4
Rona Amigos Dorna Meca O Grove
5
Faisca Amigos Dorna Meca O Grove
6
Bazarra Dorna Ilha da Arousa
7
Petela Fasquía Ilha da Arousa
8
Cachi Lajareu por Barlovento Ribeira
9
Zoa Lajareu por Barlovento Ribeira
10
Xaimiña Lajareu por Barlovento Ribeira
11
Mariestela Rabandeira Vilanova
12
Treboada Dorna Ilha da Arousa
13
Papoula Lajareu por Barlovento Ribeira
14
Rabuda II Lajareu por Barlovento Ribeira
15
Fiuza Lajareu por Barlovento Ribeira
16
Volandeira Lajareu por Barlovento Ribeira
17
Praia das Carolinas Lajareu por Barlovento Ribeira
18
Moura Lajareu por Barlovento Ribeira

6 de set. de 2012

REGATA DE SANTA UXÍA 2012

Olá a todo o coletivo dorneiro, este sábado 8 de setembro celebramos a segunda regata do verão do Lajareu: a regata de Santa Ugia 2012.

Vai abaixo, como sempre, o anúncio oficial da regata, e como não, o convite expresso a todos os clubes para se animarem a participar. De momento os partes falam dum ventinho ligeiro bom para umha regata mui participativa e tripulações que aproveitam bem o vento. Como seja, o importante é navegar, desfrutar do mar e do convivio, e que haja dornas a bolinar na ria.


1 de ago. de 2012

A REGATA DO CARME (OU DA DORNA) SERÁ O 18 DE AGOSTO




Hola a todos:

Xa temos data para a Regata do Carme (Regata da Dorna): será o sábado 18 de agosto e daremos as pitadas de saída ás 16:00.
Un ano máis porase en xogo a Dorna de Prata e semella que os amigos do Grove teñen gaña de levala.

Tal como xa vos anunciabamos, o aplazamento da regata tivo causa na iniciativa do Concello de promovela e pontenciala.

Facémola coincidir coa mariñeira "Feira Artemar", e contará cun maior apoio do Concello, que a integrará como acto deportivo central dese evento. Así que esperamos ofrecer aos participantes algo máis de festiña ao remate que o habitual.

Tamén pretendemos achegar a regata ao pobo, o que procuraremos deseñando un percorrido que concilie as esixencias meteorolóxicas e deportivas coa posibilidade de que, alomenos a saída e chegada, podan ser contempladas polo público.

En breve publicaremos a convocatoria de regata; mentres tanto, aí queda unha foto da Moura avarada no Bao como unha dorna máis dos amigos da Illa na depóis da recente Volta á Arousa.

Poi eso: regata e festa o 18 de agosto en Riveira.

Unha aperta

26 de xul. de 2012

APLAZADA A REGATA DO CARME (REGATA DA DORNA)

Hola a todos:
A Xunta Directiva ven de tomar a decisión de aplazar a Regata do Carme, tamén coñecida como Regata da Dorna, ate unha data ainda por determinar a meidados de agosto.
O motivo ten que ver con interese do Concello, titular do trofeo Dorna de Plata, en potenciar e promover este acontecemento deportivo.
Axiña estaremos en condicións de comunicar a nova data e explicarvos polo miudo as circunstancias que xustifican este cambio.
Entre tanto, por favor, facede o posible por difundir esta nova entre os participantes habituáis.
 


Unha aperta
Suso
 

10 de xuño de 2012

Rematou a regata de Primavera 2012


A dorna Lusiña, de Antonio e Ron, vencedora desta edición.

Hai uns sábados disputamos a cuarta proba coa que remata a Regata de Primavera deste ano.
O dia estivo estupendo para saír a navegar aínda que a predición de forza catro era un pouco escasa e foi preciso que o Comité de Regata obrigase a coser un rizo para facer a proba.
O vento estaba de suroeste e a marea subía así que se xuntaban para formar algo de onda, alá no Camouco andaba cerca do metro entre o seno e a cresta.
O percorrido foi un triangulo Coroso – Lajareu – Camouco – Coroso, todo por babor, e meta no Lajareu, que permitiu todas as posicións da vela. A saída da praia era unha bolina dende a praia proa ao Lajareu polo que non fixo falta a boia de desmarque. Na saída a lancha do xuíz estaba preto da Illa dos Ratos e as dornas arrancaron maioritariamente cara a praia, as únicas que fixeron o primeiro bordo cara fora foron a Moura e a Áncora no que parecía o lado malo pero nesa bordada rolou o vento o suficiente cara o seu lado como para que se visen favorecidas e chegasen ata o Lajareu xunto co resto das dornas.
De alí navegamos a un largo ata o Camouco onde na virada pola popa a vara de portar da Moura foi ao mar e tivemos que baixar vela ata que os rapaces da Cruz Vermella nola recolleron, do sexto posto pasamos ao último, que remedio.
De alí ata a baliza da praia de Coroso o vento entraba pola aleta de babor e as dornas planeaban sobre as ondas polo que resultou un bordo moi rápido e algo comprometido polas orzadas que nos provocaban.
No momento en que andaban as dornas na baliza de Coroso o vento subiu un pouco de intensidade aínda que por pouquiño tempo. Nesta última bolina proa ao sinal do Lajareu a Rabuda deu quilla arriba pero non lles sucedeu nada, a lancha de apoio botoulles unha man e logo xa eles remataron de achicar e voltar para terra.
A proba rematou do seguinte xeito:
1) Volandeira, 2) Xaimiña, 3) Lusiña, 4) A Fiuza, 5) Ardentía, 6) Cachi, 7) Sandra, 8) Papoula, 9) Moura. Non finalizaron a Rabuda e a Áncora.

E a clasificación xeral así:

Hai que felicitar aos gañadores Antonio e Ron, que conseguiron o seu primeiro campionato. A Lusiña ano a ano foi subindo postos nas clasificacións finais das nosas regatas ata que nesta acadou o primeiro posto. É xa unha habitual nos trofeos pero agora tócalle manter a posición.



Empatados a puntos na clasificación final pero con peor resultado nesta última proba quedou en segundo lugar a Sandra de José Antonio e Nacho.



Este ano hai que destacar tamén o patrón revelación, o Xaime (fillo), que desde que está a participar nas regatas non baixa dos primeiros postos. Hai que supoñer que a experiencia do seu pai, o Xaime, ten algo que ver tamén pero o que está claro é que desde que mudou a configuración na dorna Xaimiña, se converteu nunha dorna a bater.









No cuarto lugar un premio á regularidade da Cachi, con Juan e Jesús, sempre rondando os postos de cabeza.
















E no quinto posto da xeral a dorna que gañou esta última proba, a Volandeira do patrón Víctor, que se achega tódolos sábados dende Vigo, e a súa tripulante Ana que tamén pertence á A.C. Remadoira. O seu compañeiro habitual Brux anda lesionado no hombreiro polo que esperamos que se poña ben canto antes.






Agora esperannos as regatas do verán, a proxima cita é a Volta a Illa, así que por alí nos veremos.