10 de xuño de 2012

Rematou a regata de Primavera 2012


A dorna Lusiña, de Antonio e Ron, vencedora desta edición.

Hai uns sábados disputamos a cuarta proba coa que remata a Regata de Primavera deste ano.
O dia estivo estupendo para saír a navegar aínda que a predición de forza catro era un pouco escasa e foi preciso que o Comité de Regata obrigase a coser un rizo para facer a proba.
O vento estaba de suroeste e a marea subía así que se xuntaban para formar algo de onda, alá no Camouco andaba cerca do metro entre o seno e a cresta.
O percorrido foi un triangulo Coroso – Lajareu – Camouco – Coroso, todo por babor, e meta no Lajareu, que permitiu todas as posicións da vela. A saída da praia era unha bolina dende a praia proa ao Lajareu polo que non fixo falta a boia de desmarque. Na saída a lancha do xuíz estaba preto da Illa dos Ratos e as dornas arrancaron maioritariamente cara a praia, as únicas que fixeron o primeiro bordo cara fora foron a Moura e a Áncora no que parecía o lado malo pero nesa bordada rolou o vento o suficiente cara o seu lado como para que se visen favorecidas e chegasen ata o Lajareu xunto co resto das dornas.
De alí navegamos a un largo ata o Camouco onde na virada pola popa a vara de portar da Moura foi ao mar e tivemos que baixar vela ata que os rapaces da Cruz Vermella nola recolleron, do sexto posto pasamos ao último, que remedio.
De alí ata a baliza da praia de Coroso o vento entraba pola aleta de babor e as dornas planeaban sobre as ondas polo que resultou un bordo moi rápido e algo comprometido polas orzadas que nos provocaban.
No momento en que andaban as dornas na baliza de Coroso o vento subiu un pouco de intensidade aínda que por pouquiño tempo. Nesta última bolina proa ao sinal do Lajareu a Rabuda deu quilla arriba pero non lles sucedeu nada, a lancha de apoio botoulles unha man e logo xa eles remataron de achicar e voltar para terra.
A proba rematou do seguinte xeito:
1) Volandeira, 2) Xaimiña, 3) Lusiña, 4) A Fiuza, 5) Ardentía, 6) Cachi, 7) Sandra, 8) Papoula, 9) Moura. Non finalizaron a Rabuda e a Áncora.

E a clasificación xeral así:

Hai que felicitar aos gañadores Antonio e Ron, que conseguiron o seu primeiro campionato. A Lusiña ano a ano foi subindo postos nas clasificacións finais das nosas regatas ata que nesta acadou o primeiro posto. É xa unha habitual nos trofeos pero agora tócalle manter a posición.



Empatados a puntos na clasificación final pero con peor resultado nesta última proba quedou en segundo lugar a Sandra de José Antonio e Nacho.



Este ano hai que destacar tamén o patrón revelación, o Xaime (fillo), que desde que está a participar nas regatas non baixa dos primeiros postos. Hai que supoñer que a experiencia do seu pai, o Xaime, ten algo que ver tamén pero o que está claro é que desde que mudou a configuración na dorna Xaimiña, se converteu nunha dorna a bater.









No cuarto lugar un premio á regularidade da Cachi, con Juan e Jesús, sempre rondando os postos de cabeza.
















E no quinto posto da xeral a dorna que gañou esta última proba, a Volandeira do patrón Víctor, que se achega tódolos sábados dende Vigo, e a súa tripulante Ana que tamén pertence á A.C. Remadoira. O seu compañeiro habitual Brux anda lesionado no hombreiro polo que esperamos que se poña ben canto antes.






Agora esperannos as regatas do verán, a proxima cita é a Volta a Illa, así que por alí nos veremos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario