17 de mar. de 2010

BONITA, BONITA


Aquí a tedes: a "Rabuda" no cartaz da Regata do Marisco 2009. ¿A que non a virades? tan chula ela!. Igual non queda de primeira na regata (todo se andará, que este ano vai que mete medo), pero a bonita non hai quen lle gane; e José tan ben sentado na regala e tan mariñeiro él coa sua gorra de patrón (eses aires son de familia)... e o Santi, como se levara toda a vida soleándose enriba da tilla!
Hai que pintar unha estampa así para sair nos cartazes!
Un saudo aos Amigos da Dorna Meca e parabéns polo bo gusto.

10 de mar. de 2010

REGATA DE INVERNO. SEGUNDA MANGA

Aquí está a crónica da segunda regata do Trofeo de Inverno elaborada unha vez máis por Fernando, da "Vikinga".

O sábado pasado día 6 de Marzo as catro da tarde douse a saída á
segunda regata nas inmediacións da Praia de Coroso, en Ribeira.

Dos 17 inscritos, so trece tomaron a saída. Cunha leve brisa do
nordeste, partiron as embarcacións cara ao primeiro paso, as Illas
Airoas, onde cabe resaltar a gran remontada que fixo a dorna
“Sandra” do palmeirán Xosé Antonio, e o asturiano Ignacio, que
despois de saír no o último posto chegou entre os primeiros a altura
das Airoas, xunto ca “Tixosa” (de Ribeira), e a “Rabuda” dos
santiagueses Xosé e Santi. Dende aí ata o seguinte paso, a Áncora (de
Ribeira) situaríase no primeiro posto sen abandonalo ata o sinal do
Camouco, seguida moi preto pola Rabuda e a Tixosa. E co resto das
embarcacións a pouca distancia.

Dende aí e ata a chegada, na Badía de Coroso, a falta de vento sería
a protagonista da proba, xa que unha grande encalmada situada en case
toda a zona, ía obrigar ao xuíz a suspender a proba.

As únicas embarcacións que entraron na meta foron --despois de pasar
de últimas o sinal do Camouco-- a “Moura” e a “Vikinga”, aínda que xa
coa regata suspendida.

O Regulamento establece que, pasadas tres horas desde que se da a
saída, se ningunha embarcación, entrase na meta, o xuíz de regata
suspenderá a proba; como así sucedeu.

A clasificación séguese mantendo igual que a primeira manga, agás no
que se refire as embarcacións que non tomaron a saída na primeira ou
segunda proba:
1- Áncora
2- Ardentía
3- Lusiña
4- Vikinga
5- Tixosa
6- Volandeira
7- Rabuda
8- Puñetera
9- Moura
10- Sandra
11- Xaimiña
12- Zoa
13- Praia das Carolinas
14- Papoula
15- Maristela
16- Jolfiña

A terceira proba das catro que integran este Campionato de Inverno,
celebrárase o próximo sábado día 20 de Marzo ás catro da tarde, tendo
lugar a saída nas inmediacións da Praia de Coroso. O Comité de
Regatas decidirá o percorrido nesa mesma data en función condicións
climatolóxicas.

5 de mar. de 2010

14ª REGATA DE INVERNO

Fernado Redondo, patrón da "Vikinga", envíanos esta crónica da primeira proba da Regata de Inverno. As fotos son de José Manuel, de Vigo.














O pasado sábado día 20 comezou unha nova edición do Trofeo de Inverno de dornas a vela, embarcacions emblemáticas e con gran arraigo na Ria de Arousa.

Organizado un ano máis polo Clube Lajareu por Barlovento de Ribeira, celebrouse a primeira das catro regatas de que consta o campeonato que, como xa e habitual, iníciase na segunda quincena de febreiro .

A saida tivo lugar ás catro da tarde nas inmediacions da praia de Coroso baixo condicions metereolóxicas duras, tanto de vento -de compoñente Sur e con rachas que chegaron a rebasar os 20 nós- como de mar de fondo, chegando as ondas a alcanzar o metro e medio de altura.


A organización veuse obrigada a impoñer, como medidas de seguridade extraordinarias, un rizo na vela e o pau retrasado (na pica do medio), o que non evitou que varias dornas pasaran apuros na altura da Illa dos Ratos, por mor das ondas de considerable altura que rompían na aleta esixindo unha elevada concentración ás tripulacións.







Foi nese punto onde a dorna “Papoula” deu quilla arriba tras unha grande escorada, despois de rompérselle a vara de portar e quedar atravesada ao mar, tendo que ser auxiliada por unha das embarcacións da organización sen mais consecuencias.



Dende a saida, e sempre co vento de proa ata o o faro “Lajareu” -primeiro paso obrigado- , a “ Lusiña” impuxo un forte ritmo na bolina, chegando a pasar o sinal en primeiro lugar, seguida moi de perto pola “Áncora” e a “Ardentía”.


Mantivéronse estas posicións ata o seguinte paso, a Illa dos Ratos, onde a “Ardentía”, conseguiría situarse de primeira tras rebasar a Áncora.
A partir deste segundo e derradeiro paso obrigado, e ata a liña de chegada -nas inmediacións do porto deportivo- o vento seguiría acaparando gran parte do protagonismo pola sua forza crecente.




Sería neste último bordo onde a ribeirana “Áncora”, de Adelino e Agustín , tomaría a dianteira ata a meta, ainda que seguida a distancia moi curta pola “Ardentia” e a “Luisiña”( ambas de Palmeira).


Por detrás e a certa distancia, disputandose a cuarta e quinta posición, entraron a “Vikinga” e a Tixosa, seguidas pola “Volandeira”, a “Zoa” e a “Rabuda”..

Cabe destacar a participación de dous novos regatistas chegados dende Caldas de Reis , Tito e Oscar, que se suman aos integrantes doutras embarcacions que ano tras ano se achegan dende Vigo, Santiago ou Pontevedra.




A clasificación final quedou da seguinte maneira:
1 Áncora
2 Ardentia
3 Luisiña
4 Vikinga
5 Tixosa
6 Volandeira
7 Zoa
8 Rabuda
9 Puñetera
10 Moura
11 Praia das carolinas
12 Sandra
13 Xaimiña
14 Papuola (que non clasificou )
Podedes ver óutra versión desta crónica en La Voz de Galicia: http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2010/03/02/0003_8327484.htm
A próxima regata será ó día 6 de Marzo as 4 da tarde no mesmo lugar, sempre que as condicións do tempo e o mar o permitan.

28 de feb. de 2010

O SIMESARGA. ALGO DE HISTORIA

Vai caseque un ano de publicarmos as fotos do "resgate" que se fixo no Lajareu do bote de salvamento do Simesarga. O bote témolo no galpón e algún día haberá que lle meter man para pólo a flote. No entando, van aparecendo algunhas informacións como esta coluna de marítima do xornal ABC que nos informa sobre a entrada en Ribeira do arrastreiro no inverno de 1974 para se refuxar do temporal.

Tirando do fío, ou mellor "cobrando tanza" das fonduras destoutro oceano que é a Internet, saeme unha referencia nunha revista de Ondarroa. Fala da vida mariñeira desta vila basca e trae unha listaxe de embarcacións qu tiñan porto alí. Velaí temos o Simesarga, co folio "SS-2-1585" que figura no noso bote de salvamento.

Aparece como un arrastreiro do armador Agustín Laka que desprazaba 150 tm, tiña unha eslora de 31'15 m, 6'4 m de manga, 3'5 de puntal, unha tripulación de 13 persoas, un valor de 7.500.000 (supoño que pts. na data de rexisto), e propulsábase cun motor Ieregi de 375 cabalos. Foi construido en madeira no 1959 nos estaleiros Goldarazena de Pasaia.

Sego coa pescuda e saeme unha interesante historia das peripecias da familia Goldarezena como carpinteiros de ribeira. A historia é extensa e podédela ler completa neste informe sobre os estaleiros de Guipuskoa. Trae unha boa escolma das embarcacións que construiron, mais non aparece o noso Simesarga (polo menos con ese nome), aínda que si outros das mesmas característcas construídos arredor do mesmo ano.

O relatorio comeza destacando esta familia como unha das últimas de carpinteiros de ribeira de Pasaia; especializados en pesqueiros, motoras e veleiros, aínda que polo que contan dábaselles todo, unhas veces con máis suceso que outras.

O mozo Clemente Goldazerena, que nace en 1888, comeza co oficio de ebanista, achegándose ao pouco ao porto de Donosti para fabricar maquetas de barcos que lle encargaban ou calquera outro traballo de madeira que lle cadrase. Pasa por diferentes estaleiros contratado como carpinteiro. Con 28 anos abre a súa propia carpinteiría de ribeira que acaba por fracasar, entre outras razóns pola encarga que lle fan dun barco da armada -de 200 tm- para servir na Gran Guerra. Para cando está construído xa se asinara o armisticio e non chega nunca a cobralo.

Volta anos despois á moblaxe e a marcenería instalándose cara o interior, mais moitos dos traballos que lle saen son barcas e canoas que leva a Pasaia para a bota abaixo, acabando por ser contratado de encargado duns varadoiros onde colle experiencia con barcos máis grandes. Non satisfeito de asalariado, abala de novo por un tempo á ebanistería co seu fillo Luís para finalmente adicárense exclusivamente aos barcos cando funda en 1937 o estaleiro Clemente Goldarecena. Contaba con catro ou cinco operarios e sacaban toda caste de embarcacións, entre elas media dúcia de "merluceiros" para a parte francesa.

A guerra civil seica trouxo un incremento da pesca e portanto unha maior carteira de pedimentos que se foi adaptando despois do máis duro da posguerra a outros traballos como os balandros do tipo "start" para o clube náutico de Donostia, as motoras, ou como el dicía "todo o que flotase".
Un par de anos antes da data de rexisto do noso Simesarga en Ondarroa e depois do desfeita do lume no galpón do estaleiro, o petrucio vaise retirando por que a artrose xa non lle deixa facer o traballo coa finura que se precisaba e os anos de aixola van pasando factura. Continúa ao frente o fillo até que fecha o negocio en 1970 pola mingua na construción en madeira e a falta de operarios que sobuesen o oficio.

Para rematar, no informe repásanse unha listaxe de embarcacións que saíron destes estaleiros: canoas e embarcacións menores, pesqueiros de baixura, os 40 balandros do nautico, arrastreiros, vacas, veleiros motorizados de carga, algún iate veleiro, unha réplica da carabela Niña de Colón para fins científicos e mesmo traineiras deportivas "de mar, de terra e de ar" como relata unha anedota do artigo.

E con isto xa sabemos algo máis da historia do Simesarga basco que pasou por Ribeira en "arribada forzosa" en 1974 e foi construído -moi probábelmente- polos donostiarras Goldazerena que se adicaron a "todo o que flotase" e algo máis...

3 de feb. de 2010

APOIO ÁS EMBARCACIÓNS TRADICIONÁIS

cSegue a campaña para que se acepte unha enmenda na futura «Ley General de Navegación Marítima» que recoñeza ás embarcacións tradicionais e históricas.

Axiña se ha reunir a Comisión de Xustiza do Congreso dos Deputados para tratar este tema e cantos máis apoios se teñan máis posibilidades haberá de que se acepte.

Neste momento son moitos os colectivos e institucións de todo o Estado que enviaron o seu apoio, pero ainda precisamos máis apoios individuais.
Se cres que a enmenda é necesaria escribe a enmiendalgnm@gmail.com co seguinte texto:
Por el presente documento, (NOME APELIDOS E NUMERO DE DNI) manifiesta su pleno apoyo a la enmienda al Proyecto de Ley General de Navegación Marítima que contempla la introducción de una disposición adicional titulada «Protección del Patrimonio marítimo flotante. Estatuto jurídico de las embarcaciones históricas y tradicionales». Con ello se pretende que dichas embarcaciones se rijan por una legislación específica que garantice su protección y su uso, y contribuir a la protección de nuestro patrimonio marítimo flotante, en línea con otros países de nuestro entorno.
LUGAR DE RESIDENCIA E DATA.

Non se responderá aos correos nin se gardarán datos despois da presentación da enmenda.