23 de feb. de 2011

Empeza a Regata de Inverno!

O sábado día 19 tivo lugar a 1ª regata do trofeo de Inverno que coma todos os anos organiza a nosa asociación. Unha fermosa tarde con sol, nubes e vento frouxo do sur de 7 ou 8 nós. O percorrido para esta regata foi o seguinte:


Como non fixemos fotos poñemos esta do ano pasado

Saída na praia de Coroso, facendo un primeiro desmarque no faro do Lajareu por babor, seguindo cara o sinal do Caamouco por estribor, Illas Eiroas por estribor e chegada de novo en Coroso. Tamén subliñar a presenza de mar de fondo do sur, que se fixo notar máis según nos achegabamos ás Eiroas.

Toda a flota fixo a saída en ceñida cara o Lajareu, case todas pegadas á boia de barlovento agás a Sandra e a Volandeira que o fixeron máis alonxadas. Tiveron que facelo en varios bordos e coma en todas as ceñidas a estratexia tivo moita importancia. Os primeiros postos no Lajereu foron para a Sandra, Ardentía, Gholfiña e Ancora, seguidas de perto pola Volandeira, Vikinga, Papoula e Cachi.
O traxecto cara ao Caamouco foi de través e ao seu paso non habería cambios salientables nos postos da frota así coma un malentendido entre a Sandra e a Ardentía no paso do sinal.

Despois viría unha longa ceñida ás Eiroas. Neste treito cumpre salientar a exquisita estratexia da Ancora, Gholfiña e Vikinga. Tamén a Volandeira fixo uns bordos moi bos, facendo con estas tres dornas un fermoso cruce nas Eiroas, as dúas primeiras a menos de 10 metros da proa da Volandeira e a Vikinga pola súa popa, virando deseguido e seguindo os seus ronseis. Na saída das Eiroas os primeros postos foron para a Gholfiña, Ancora, Vikinga e Volandeira, seguidas de perto pola Sandra, que tamén fixo bos bordos, e un pouquiño máis lonxe o resto da flota.
O traxecto final cara a Coroso semellaba unha sinxela empopada pero resultou moi desconcertante. Gholfiña achegouse algo a terra, Ancora e Vikinga afastáronse moito e Volandeira colleu rumbo polo medio delas, seguida pola Sandra. O vento escomenzou a estar confuso, facendo moitos roles e variando deseguido a súa forza o que provocou algunhas dúbidas, indecisións e continuos reglaxes. A Sandra estivo variando o seu rumbo por detrás da Volandeira e a Gholfiña. Finalmente a Volandeira paseniñamente as rebasou e entrou primeria na chegada, seguidas por Ghofiña, Vikinga, Sandra e Ancora. Cumpre salientar que a Ancora quedou moi perxudicada neste bordo ao amarrar angazo no seu temón e facendoa caír varios postos. Nomear tamén a Lusiña, pois semellou ir no último posto nalgún intre da regata e rematou por detrás da Ancora.
A clasificación final foi a seguinte:

1 - Volandeira

2 - Gholfiña

3 - Vikinga

4 - Sandra

5 - Ancora

6 - Lusiña

7 - Cachi

8 - Papoula

9 - Ardentía

10 - Rabuda II

11 - Xaimiña

12 - Moura



1 comentario:

  1. Hai que disjusto, dios mío! Non é Gholfiña - é Jolfiña.

    Un abrazo,
    Alberto

    ResponderEliminar