28 de feb. de 2010

O SIMESARGA. ALGO DE HISTORIA

Vai caseque un ano de publicarmos as fotos do "resgate" que se fixo no Lajareu do bote de salvamento do Simesarga. O bote témolo no galpón e algún día haberá que lle meter man para pólo a flote. No entando, van aparecendo algunhas informacións como esta coluna de marítima do xornal ABC que nos informa sobre a entrada en Ribeira do arrastreiro no inverno de 1974 para se refuxar do temporal.

Tirando do fío, ou mellor "cobrando tanza" das fonduras destoutro oceano que é a Internet, saeme unha referencia nunha revista de Ondarroa. Fala da vida mariñeira desta vila basca e trae unha listaxe de embarcacións qu tiñan porto alí. Velaí temos o Simesarga, co folio "SS-2-1585" que figura no noso bote de salvamento.

Aparece como un arrastreiro do armador Agustín Laka que desprazaba 150 tm, tiña unha eslora de 31'15 m, 6'4 m de manga, 3'5 de puntal, unha tripulación de 13 persoas, un valor de 7.500.000 (supoño que pts. na data de rexisto), e propulsábase cun motor Ieregi de 375 cabalos. Foi construido en madeira no 1959 nos estaleiros Goldarazena de Pasaia.

Sego coa pescuda e saeme unha interesante historia das peripecias da familia Goldarezena como carpinteiros de ribeira. A historia é extensa e podédela ler completa neste informe sobre os estaleiros de Guipuskoa. Trae unha boa escolma das embarcacións que construiron, mais non aparece o noso Simesarga (polo menos con ese nome), aínda que si outros das mesmas característcas construídos arredor do mesmo ano.

O relatorio comeza destacando esta familia como unha das últimas de carpinteiros de ribeira de Pasaia; especializados en pesqueiros, motoras e veleiros, aínda que polo que contan dábaselles todo, unhas veces con máis suceso que outras.

O mozo Clemente Goldazerena, que nace en 1888, comeza co oficio de ebanista, achegándose ao pouco ao porto de Donosti para fabricar maquetas de barcos que lle encargaban ou calquera outro traballo de madeira que lle cadrase. Pasa por diferentes estaleiros contratado como carpinteiro. Con 28 anos abre a súa propia carpinteiría de ribeira que acaba por fracasar, entre outras razóns pola encarga que lle fan dun barco da armada -de 200 tm- para servir na Gran Guerra. Para cando está construído xa se asinara o armisticio e non chega nunca a cobralo.

Volta anos despois á moblaxe e a marcenería instalándose cara o interior, mais moitos dos traballos que lle saen son barcas e canoas que leva a Pasaia para a bota abaixo, acabando por ser contratado de encargado duns varadoiros onde colle experiencia con barcos máis grandes. Non satisfeito de asalariado, abala de novo por un tempo á ebanistería co seu fillo Luís para finalmente adicárense exclusivamente aos barcos cando funda en 1937 o estaleiro Clemente Goldarecena. Contaba con catro ou cinco operarios e sacaban toda caste de embarcacións, entre elas media dúcia de "merluceiros" para a parte francesa.

A guerra civil seica trouxo un incremento da pesca e portanto unha maior carteira de pedimentos que se foi adaptando despois do máis duro da posguerra a outros traballos como os balandros do tipo "start" para o clube náutico de Donostia, as motoras, ou como el dicía "todo o que flotase".
Un par de anos antes da data de rexisto do noso Simesarga en Ondarroa e depois do desfeita do lume no galpón do estaleiro, o petrucio vaise retirando por que a artrose xa non lle deixa facer o traballo coa finura que se precisaba e os anos de aixola van pasando factura. Continúa ao frente o fillo até que fecha o negocio en 1970 pola mingua na construción en madeira e a falta de operarios que sobuesen o oficio.

Para rematar, no informe repásanse unha listaxe de embarcacións que saíron destes estaleiros: canoas e embarcacións menores, pesqueiros de baixura, os 40 balandros do nautico, arrastreiros, vacas, veleiros motorizados de carga, algún iate veleiro, unha réplica da carabela Niña de Colón para fins científicos e mesmo traineiras deportivas "de mar, de terra e de ar" como relata unha anedota do artigo.

E con isto xa sabemos algo máis da historia do Simesarga basco que pasou por Ribeira en "arribada forzosa" en 1974 e foi construído -moi probábelmente- polos donostiarras Goldazerena que se adicaron a "todo o que flotase" e algo máis...

3 comentarios:

  1. Parabéns Santi:
    Interensatísimo o resultado das tuas pescudas na rede. A partir do noso bote podemos ver como comeza e remata unha estirpe de carpinteiros de riveira a través dos séculos. Cantar carpinteirías de ribeira finaron así. No noso país temos a inmensa sorte de conservar moitas, polo momento. A ver se estamos a altura das circunstancias e non as deixamos morrer!
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. El Simesarga lleva dos décadas pudriéndose en la orilla del Guadiana en Ayamonte (Huelva), ya solo se le reconoce el puente y el palo proel. tengo foto.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Muchas gracias, Antonio, por el dato. Y disculpa que no hayamos visto hasta hoy tu respuesta pendiente en el blog. Nos encantaría que nos mandases la foto del Simesarga.

      Eliminar