12 de maio de 2008

A Regata de Primavera está que arde


A falta da última proba o primeiro posto parece estar xa en mans da Áncora de Adelino e Agustín, pero o resto da flota está dando a batalla e o segundo e terceiro postos non se decidirán ata a derradeira proba, que terá lugar o próximo dia 24 de maio.
No entanto a Regata de Primavera tennos deixado imaxes tan fermosas como esta
da Terceira proba, coas dornas en popa redonda coa proa cara á punta Sur de Rua.

O pasado sábado celebrouse unha espectacular cuarta proba, con vento duro de Noroeste. A regata resultou tan intensa como accidentada: duas dornas deron quilla arriba e moitas houberon de coser un rizo. A vela propia adoptada polo Lajareu, que admite o pao nas tres picas, demostrou
a sua seguridade e efectividade con ventos duros. Gañou a proba a Áncora cun amplo marxe, e a loita librouse para o segundo e terceiro postos entre a Moura dun servidor e Marcos Buide e a Cachi dos irmaos Suarez. Despois dunha competidísima loita terminou por impoñerse a Moura na última bolina co típico vento de San Alberte, tremendamente inestable en intensidade e dirección.
Así que me permitiredes a inmodestia de colgar a única foto que fixemos da regata antes de se agotar as baerías da cámara.
A Moura cruzou a liña de saida co pao a proa, un rizo cosido e o estrinque cazado (como se ve na foto). Mantivo o ritmo da flota na empopada cara as Eiroas e superou ás que tiña pola proa (excepto a Áncora) cando houbo que bolinar e os que levaban todo o trapo non aguantaron a escora. Pódese decir que gañou a prudencia. Noraboa a todos os que participamos nesta magnífica regata e unha aperta aos que puxeron a quilla ao sol e moi especialmente aos mariñeiros da Vikinga, que renunciaron por auxiliar aos compañeiros que lles volcaron na proa.
Vémonos na próxima. Bo vento e sorte para todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario