2 de feb. de 2005

A. C. Lajareu por Barlovento

Anagrama Lajareu Color

A Asociación Cultural LAJAREU POR BARLOVENTO de Dornas a Vela é unha asociación constituída sen ánimo de lucro. A nosa Asociación ten por obxecto a promoción de actividades culturais que contribúan ó coñecemento, mantemento e difusión da cultura mariñeira tradicional. Nós pesamos que as novas tecnoloxías poden axudar neste eido, e ese é o motivo desta páxina no Internet.

Outro dos nosos obxectivos é a realización de actividades deportivas e de lecer que contribúan á preservación dos elementos máis significativos da cultura mariñeira tradicional. É neste eido onde tradicionalmente a nosa Asociación estivo sempre máis activa. Dende aquí queremos facervos partícipes das nosas actividades, e deste xeito dar tamén a coñecer a cultura marítima tradicional ós que os acheguedes por acó.

Entre as nosas actividades destacaran sempre as regatas de dornas a vela, e xa van moitos anos coa organización dos campionatos de regatas de inverno e primavera. Este ano ditos campionatos terán cadansúas cinco regatas. Xa irémosvos contando o desenvolvemento de cada unha das regatas. Nin que dicir ten, que se tedes unha dorna a vela estades invitados a participar con nós.

Os nosos medios, polo momento non son moitos, pero co tempo temos pensado construír un museo, onde se recollan os elementos materiais da cultura mariñeira tradicional. Algún de nós xa levara a cabo tarefas para a recuperación de vellas embarcacións e co tempo poremos en marcha un obradoiro para recoller as tarefas máis significativas do traballo mariñeiro tradicional.

Temos establecidas relacións con outras asociacións que perseguen finalidades semellantes e seguiremos nesa liña para que a cultura marítima sega a ter a importancia que sempre tivo na nosa terra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario