1 de mar. de 2013

XVII EDICIÓN DO CAMPIONATO DE INVERNO DE DORNAS A VELA 2013



COMEZAN AS REGATAS DO CLUB LAJAREU POR BARLOVENTO DE RIBEIRA



O pasado sábado día 23, comezou a primeira regata de dornas do ano 2013, correspondente á primeira proba da regata de inverno, na que participaron as dornas A Fiuza, Ardentía, Lusiña, Papoula, Praia de Bandourrio, Rabuda II, Sandra, Vikinga, Volandeira, Xaimiña e Xarda.

Esta Regata de Inverno 2013 consta de catro probas e as seguintes serán o 9 e 23 de marzo e o 6 de abril, cada dúas semanas, a menos que algunha haxa que movela por causa do tempo.


A Vikinga foi a primeira dorna en pasar a liña de chegada

A tarde presentábase moi gris, co ceo cuberto de nubes e vento moderado do nordés, o que facía sospeitar unha regata lixeira.

O percorrido da regata foi saída cara á boia de desmarque na praia de Coroso para pasar a boia pola banda de babor, para despois seguir cara ao faro do Lajareu, sinal do Caamouco, Illa dos Ratos, todas tamén por babor, e chegada no faro de Lajareu.

Saída de bolina á boia de desmarque en Coroso
A saída deuse con algo de retraso, sobre as 16:30, proa á boia de desmarque cunha bolina a rabear, que obrigaba a facer varios bordos. Chegarían á boia a Ardentía, A Fiuza, Vikinga, Lusiña e Volandeira. Está última, que saíu algo atrasada, fixo unha xenial bolina e foi quen de chegar nun bo posto.

Despois unha empopada para o Lajareu na que non houbo ningunha variación neste grupo. No seguinte bordo a Lusiña quedouse un pouco atrás ao errar na manobra da virada por popa no Lajareu, saíndo cara ao Caamouco as outras catro cunha lixeira vantaxe. Sandra e Papoula saíron tralo ronsel da Lusiña. Este treito cara ao Caamouco, co vento de través, fíxose en pouco tempo facendo que as catro chegasen nun puño ao sinal.


De través entre o Lajareu e o Caamouco


Unha vez alí, tocaba outra bolina en dirección aos Ratos e foi neste punto onde se decidiu a regata. Ardentía e Vikinga viraron cara á Praia de Coroso, mentres que A Fiuza e Volandeira bolinaron para Palmeira. O resto da frota seguiron a estela destas últimas moi de preto.

A Lusiña pasando o Caamouco por babor

Uns minutos máis tarde, todas as que ían a Palmeira viraron cara aos Ratos, agás A Fiuza que seguiu no rumbo algo máis de tempo. Das dornas que ían a Coroso, Ardentía virou a medio camiño para Palmeira, mentres Vikinga seguiu cara a Coroso, decisión que resultou a mellor de todas, pois alcanzou os Ratos en primeiro lugar, pasando a poucos metros e da proa da Volandeira. Sandra, Ardentía e Lusiña sairían detrás delas cara á chegada.

Na empopada ao Lajareu a Volandeira non foi quen de dar alcance á Vikinga cruzando esta a chegada na primeira posición.

A clasificación desta proba foi a seguinte:

1º Vikinga (Fernando e Carla)
2º Volandeira (Víctor e Ana)
3º Sandra (José Antonio e Carlos)
4º Ardentía (José María e ...)
5º Lusiña (Antonio e Ron)
6º A Fiuza(Severino e Nacho)
7º Papoula (Carlos e Ramón)
8º Xaimiña (Xaime e Xaime)
9º Rabuda II (Xosé e Marcos)
10º Praia de Bandourrio (Fran e Emilio)
11º Xarda (Carlos e Carmen)

Os da cola tivemos sorte e o xuíz de regata se entretivo connosco e tirounos máis fotos que ao resto, ai van algunhas.

Podedes ver todas as fotos deste sábado nos albumes do Lajareu Fotos da 1ª proba Regata de Inverno 2013

A Rabuda II con Xosé á caña e Marcos de proel.



A noviña Praia de Bandourrio con Fran de patrón e Emilio na proa
Carme e Carlos traballaron todo o outono para poñer a Xarda en perfecto estado, un tempiño en alquitrán e logo a pintar, que a cinta bótaselle en falta. Ánimo!


 

2 comentarios:

  1. Duas mulheres em primeiríssimos postos! e nem mais nem menos que numhas regatas de dorna em inverno.
    Parabéns, Especialmente para as marinheiras!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Carlos Ruano23:55, 05/03/13

      Un cabaleiro é un cabaleiro...
      Santi for ever

      Eliminar