29/03/2010

FINALIZOU EN RIBEIRA O CAMPIONATO DE INVERNO DE DORNAS A VELA. 2010


Sen dúbida, esta última regata foi a mais aberta e disputada de todas as celebradas este ano e, con diferenza, a mais longa , cunhas condicions envidiabeis para calquer amante de este deporte.
Cun ceo completamente encapotado e amenazando chuvia. Cunha temperatura ambiente que rondaba os 15 graos, e un vento moi estable de compoñente suroeste, que durante toda a tarde sopraría con unha forza de entre 15 é 18 nós, celebrouse, nas inmediacions de Ribeira, a última e definitiva manga das catro de que consta este campeonato.
A proba tivo un percorrido moi novedoso, partindo perto da Illa dos Ratos proa ao interior do porto de Ribeira, onde se situaba o primeiro paso obrigado.
Esta saida obrigou as embarcacions a percorrer en paralelo toda a praia de Coroso, ofrecendo un espectáculo realmente admirable. Na virada desta primeira boia, a Lusiña pasaría no primeiro lugar, sacando unha pequena diferenza á Ardentía, ambas de Palmeira, e seguidas a pouca distancia pola Áncora (de Ribeira). Estas tres primeiras dornas mantiveron os primeiros postos deica o final da proba. O resto das embarcacions seguíronas moi perto e agrupadas proa ao sinal do “Camouco”. Era este o segundo paso obligado, e a tal altura, a orde das embarcacións mantíñase igual que na primeira boia.
O terceiro e último paso a virar serían as Illas Airoas . O tramo até elas resultou ser o mais longo e dificultoso, co vento e o mar sempre pola proa . Esto obrigou todas as dornas a bolinar o máximo, alternando bordos a terra e ao meio da Ría , onde o mar de fondo se deixou sentir notablemente.
O mais destacable deste percorrido foi a vantaxe que a Ardentía, de Xosé María e Gondomar, logrou quitar a todas as demais embarcacións . Esta dorna foi a única en escoller un só bordo até o meio da Ria, chegando de primeira ás Airoas. En segundo lugar pasaría a Áncora, e a pouca distancia, a Vikinga. En cuarto e quinto posto respectivamente pasarían a Lusiña e a Sandra .
Deste punto até a chegada, as embarcacions menteríanse na mesma orde, pois o vento de popa reinante neste último tramo non permitiu mudanzas na clasificación até a entrada na meta.
É de salientar o limitado número de embarcacións que tomaron a saida nesta última proba, unicamente dez, o que fixo desta regata a menos participativa deste ano. Esto puido ser debido a que, desde a madrugada do xoves e até bén entrada a mañá do mesmo sábado, as costas galegas estiveron baixo alerta laranxa por fortes ventos , que chegarían a superar os 80 km/hora, obrigando a maioria da flota pesqueira das Rías Baixas a permanecer amarrada durante eses días.
Esta situación determinou que a organización dilatase até a última hora a decisión de realizar ou suspender a proba, e influiu nalgúns regatistas non residentes na contorna, que optaron por non comparecer ante a incerteza respeito da celebración xerada pola alerta meteorolóxica.

A clasificación da 4ª regata ficaria da seguinte forma.:
1-Ardentía, 2-Áncora, 3-Vikinga, 4-Lusiña, 5-Sandra, 6-Xaimiña, 7-Tixosa, 8-Moura 9-Jolfiña, 10-Rabuda
A clasificación xeral fica da seguinte maneira.:
1-Áncora, 2-Lusiña, 3-Vikinga, 4-Ardentía, 5-Sandra, 6-Tixosa ( empatada a puntos coa Sandra), 7-Rabuda, 8-Moura, 9-Xaimiña, 10-Jolfiña, 11-Volandeira, 12-Praia das Carolinas, 13-Zoa, 14-Puñetera, 15-Maristela, 16-Papoula
O próximo sábado día 10 de Abril ás 16,30 horas comezará, na praia de Coroso en Ribeira, a primeira das catro regatas de que consta o Trofeo de Primavera, que se celebarará durante os meses de Abril e Maio

22/03/2010

3ª PROBA DA REGATA DE INVERNO DE DORNAS A VELA


A falta dunha manga para a finalización deste campionato, celebrouse este sábado día 20 de Marzo unha nova proba. Aínda co tempo medio revolto, e sen garantías de poder acabar a proba, xa que os ventos o día anterior pola tarde e durante toda a madrugada do sábado soprarían con moitísima forza ,chegando a rebasar mesmo os 30 nós ( forza 7). Tampouco deu tregua a auga, que non cesaría ata minutos antes de comenar a proba.A cuarta e última proba deste campionato de inverno, celebrarase o próximo sábado día 27 de marzo no lugar habitual da praia de Coroso ás 4 da tarde. Ó finalizar farase cómputo das mangas celebradas ata agora e procederase a entrega de premios deste novo campionato.
Nesta ocasión serían trece as embarcacións que tomarían a saída. Con un vento bastante aceptable que rondaba os 10 nós, e con un ceo que ameazaba auga constantemente, pero que ata o final respetaría os participantes chegando a ser a temperatura ambiente mesmo moi agradable.
Desde a saída , que tivo lugar moi perto do Clube Náutico, as embarcacións chegarían ata a “Illa de Rúa” (primeiro paso obrigado) moi agrupadas, sempre con un vento de popa, só quedaría descolgada a “Praia das Carolinas” de Frank e Agustín Ribeira), xa que chegaron ao lugar da saída con uns minutos de retraso, e iso impediríalles remontar nen tan sequer unha posición ata o final da proba.
Xa virando esta “ Illa” , as dornas comezarían a tomar cada unha un rumbo diferente cara a meta. Sempre con un vento de proa que as obrigaba a zizaguear, facendo desta regata a mais aberta de todas as celebradas ata agora, e ao tempo a mais disputada ata o final.
No momento de virar “Rúa “ cara terra , máis dunha embarcación veuse involucrada en colisións, sobre todo á hora de facer os cambios de rumbo, como foi o caso da “Ardentía” (de Palmeira) e a “ vikinga” (de Ribeira) para as que a abordaxe acabaría sen máis consecuencias que a penalización dunha viraxe de 360 graos que o xuíz Xosé María obrigaría a facer aos de Palmeira.
O máis destacado deste bordo a bolina, da viraxe de “Rúa“ ata a chegada, foi o primeiro posto conseguido pola “Áncora “, que novamente sorprendería todos, e de esta forma deixa case sentenciada a clasificación xeral ao seu favor a falta dunha manga.
Seguiria-a moi de perto, e durante todo o percorrido, a dorna dos vigueses Ramón e Luisa, sendo esta última quem patroneaba a embarcación a “Puñetera” , demostrando con a súa habilidade que este deporte non só é de homes. Seguiria-a, na 3ª posición a “Sandra” (Palmeira) de Xose Antonio e Ignacio. Os seguintes entrarían neste orden: Rabuda, Lusiña, Vikinga, Tixosa, Jolfiña, Moura, Xaimiña, Ardentía, Volandeira, e Praia das Carolinas.
Así, a clasificación provisional é a seguinte:


17/03/2010

BONITA, BONITA


Aquí a tedes: a "Rabuda" no cartaz da Regata do Marisco 2009. ¿A que non a virades? tan chula ela!. Igual non queda de primeira na regata (todo se andará, que este ano vai que mete medo), pero a bonita non hai quen lle gane; e José tan ben sentado na regala e tan mariñeiro él coa sua gorra de patrón (eses aires son de familia)... e o Santi, como se levara toda a vida soleándose enriba da tilla!
Hai que pintar unha estampa así para sair nos cartazes!
Un saudo aos Amigos da Dorna Meca e parabéns polo bo gusto.

10/03/2010

REGATA DE INVERNO. SEGUNDA MANGA

Aquí está a crónica da segunda regata do Trofeo de Inverno elaborada unha vez máis por Fernando, da "Vikinga".

O sábado pasado día 6 de Marzo as catro da tarde douse a saída á
segunda regata nas inmediacións da Praia de Coroso, en Ribeira.

Dos 17 inscritos, so trece tomaron a saída. Cunha leve brisa do
nordeste, partiron as embarcacións cara ao primeiro paso, as Illas
Airoas, onde cabe resaltar a gran remontada que fixo a dorna
“Sandra” do palmeirán Xosé Antonio, e o asturiano Ignacio, que
despois de saír no o último posto chegou entre os primeiros a altura
das Airoas, xunto ca “Tixosa” (de Ribeira), e a “Rabuda” dos
santiagueses Xosé e Santi. Dende aí ata o seguinte paso, a Áncora (de
Ribeira) situaríase no primeiro posto sen abandonalo ata o sinal do
Camouco, seguida moi preto pola Rabuda e a Tixosa. E co resto das
embarcacións a pouca distancia.

Dende aí e ata a chegada, na Badía de Coroso, a falta de vento sería
a protagonista da proba, xa que unha grande encalmada situada en case
toda a zona, ía obrigar ao xuíz a suspender a proba.

As únicas embarcacións que entraron na meta foron --despois de pasar
de últimas o sinal do Camouco-- a “Moura” e a “Vikinga”, aínda que xa
coa regata suspendida.

O Regulamento establece que, pasadas tres horas desde que se da a
saída, se ningunha embarcación, entrase na meta, o xuíz de regata
suspenderá a proba; como así sucedeu.

A clasificación séguese mantendo igual que a primeira manga, agás no
que se refire as embarcacións que non tomaron a saída na primeira ou
segunda proba:
1- Áncora
2- Ardentía
3- Lusiña
4- Vikinga
5- Tixosa
6- Volandeira
7- Rabuda
8- Puñetera
9- Moura
10- Sandra
11- Xaimiña
12- Zoa
13- Praia das Carolinas
14- Papoula
15- Maristela
16- Jolfiña

A terceira proba das catro que integran este Campionato de Inverno,
celebrárase o próximo sábado día 20 de Marzo ás catro da tarde, tendo
lugar a saída nas inmediacións da Praia de Coroso. O Comité de
Regatas decidirá o percorrido nesa mesma data en función condicións
climatolóxicas.

05/03/2010

14ª REGATA DE INVERNO

Fernado Redondo, patrón da "Vikinga", envíanos esta crónica da primeira proba da Regata de Inverno. As fotos son de José Manuel, de Vigo.














O pasado sábado día 20 comezou unha nova edición do Trofeo de Inverno de dornas a vela, embarcacions emblemáticas e con gran arraigo na Ria de Arousa.

Organizado un ano máis polo Clube Lajareu por Barlovento de Ribeira, celebrouse a primeira das catro regatas de que consta o campeonato que, como xa e habitual, iníciase na segunda quincena de febreiro .

A saida tivo lugar ás catro da tarde nas inmediacions da praia de Coroso baixo condicions metereolóxicas duras, tanto de vento -de compoñente Sur e con rachas que chegaron a rebasar os 20 nós- como de mar de fondo, chegando as ondas a alcanzar o metro e medio de altura.


A organización veuse obrigada a impoñer, como medidas de seguridade extraordinarias, un rizo na vela e o pau retrasado (na pica do medio), o que non evitou que varias dornas pasaran apuros na altura da Illa dos Ratos, por mor das ondas de considerable altura que rompían na aleta esixindo unha elevada concentración ás tripulacións.







Foi nese punto onde a dorna “Papoula” deu quilla arriba tras unha grande escorada, despois de rompérselle a vara de portar e quedar atravesada ao mar, tendo que ser auxiliada por unha das embarcacións da organización sen mais consecuencias.



Dende a saida, e sempre co vento de proa ata o o faro “Lajareu” -primeiro paso obrigado- , a “ Lusiña” impuxo un forte ritmo na bolina, chegando a pasar o sinal en primeiro lugar, seguida moi de perto pola “Áncora” e a “Ardentía”.


Mantivéronse estas posicións ata o seguinte paso, a Illa dos Ratos, onde a “Ardentía”, conseguiría situarse de primeira tras rebasar a Áncora.
A partir deste segundo e derradeiro paso obrigado, e ata a liña de chegada -nas inmediacións do porto deportivo- o vento seguiría acaparando gran parte do protagonismo pola sua forza crecente.




Sería neste último bordo onde a ribeirana “Áncora”, de Adelino e Agustín , tomaría a dianteira ata a meta, ainda que seguida a distancia moi curta pola “Ardentia” e a “Luisiña”( ambas de Palmeira).


Por detrás e a certa distancia, disputandose a cuarta e quinta posición, entraron a “Vikinga” e a Tixosa, seguidas pola “Volandeira”, a “Zoa” e a “Rabuda”..

Cabe destacar a participación de dous novos regatistas chegados dende Caldas de Reis , Tito e Oscar, que se suman aos integrantes doutras embarcacions que ano tras ano se achegan dende Vigo, Santiago ou Pontevedra.




A clasificación final quedou da seguinte maneira:
1 Áncora
2 Ardentia
3 Luisiña
4 Vikinga
5 Tixosa
6 Volandeira
7 Zoa
8 Rabuda
9 Puñetera
10 Moura
11 Praia das carolinas
12 Sandra
13 Xaimiña
14 Papuola (que non clasificou )
Podedes ver óutra versión desta crónica en La Voz de Galicia: http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2010/03/02/0003_8327484.htm
A próxima regata será ó día 6 de Marzo as 4 da tarde no mesmo lugar, sempre que as condicións do tempo e o mar o permitan.