14 de maio de 2012

A terceira proba rematou en encalmada

A terceira proba da regata de primavera 2012 comezou preciosa, coa saída en Coroso e unha boia de desmarque nas Miñoteiras. Como viña un lestiño-nordés había que bolinar para chegar ao desmarque: uns fomos para Coroso apurando o bordo ate a mesma area e outros sairon para fora, o encontro das duas frotiñas cruzándose na mesma boia de desmarque foi un espectáculo. Dalí había que navegar de aleta proa ás Eiroas, pero nesas empezou a caer o vento e caeu e caeu... Quedamos alí andando uns centímetros por minuto a tarde toda. Había nubes altas no ceo, pero quentaba... Victor e Santi aproveitaron para darse un baño, incluso. Xa un non sabía de onde viña o vento. Veña cambiar vela, veña quitar e poñer vara... Ata que a cousa non se tivo en pe e o xuiz pitou a fin da proba.
A partir de ahí: unha festa, uns volveron remolcados e outros fomos a bogar.


A Praia das Carolinas a bogar logo dunha regata deste de inverno.

8 de maio de 2012

2ª MANGA DO XVI CAMPEONATO DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA


A Xaimiña, da Pobra, dominou case toda a regata. A Áncora, xusta vencedora.

Às 16,30 horas do pasado sábado 28 de abril dábase a saída desta nova manga, na que teríamos uns protagonistas moi especiais Xaime, pai e fillo, este último como novo patrón desta dorna lendaria, e que desde que comezou  no pasado campionato de este ano, está a facer un papel  digno de salientar,e co que haberá que contar para as próximas edicións, xa que está a demostrar unha regularidade sobresaínte.

Aparellando as dornas antes da regata
Nesta ocasión o vento, de entre 10 e 14 nós, sopraría de forma regular durante toda a xornada, tarde esta moi agradable se non fose polo fortísimo chubasco que entraría a última hora, ao que acompañaban refachos de máis de trinta nós, e obrigaría, por precaución, a abandonar e ser remolcadas pola lancha de salvamento marítimo aquelas dornas que aínda non chegaran a meta.

Na saída, do medio da rada, as embarcacións debían deixar por estribor a boia de desmarque, situada preto da praia.  Neste primeiro treito sería a Xaimiña a que pasaría de primeira, e seguida moi de perto pola Lusiña, e pola Rabuda.
Ata o seguinte paso, Illa de Rúa, e despois dunha empopada moi pechada, non habería mudanzas na clasificación dos primeiros postos.
De aquí sería a Áncora a tomar a posición de cabeza, debido en parte á saída do temón que sufriu a Xaimiña despois de tocar nunha pedra, aínda que este percance non seria suficiente para facerlle perder os postos de cabeza facendo unha excelente segunda posición.
Os veteranos mariñeiros, Adelino e Agustín da Ancora, serían os que  acabarían primeiros, despois de facer unha navegación perfecta, sen abrirse moito cara a praia da Corna como farían a Fiuza ou a Cachi, nin tampouco irían cara as Airoas como farían a Tixosa, Rabuda, Praia das Carolinas ou a Volandeira. Esta decisión de ir polo medio sen alargar moito os bordos, demostraría ao final ser o acertado, xa que o vento estaba xusto de proa, dende Rúa ata a liña de meta.
A Vikinga, gañadora da última proba da regata de inverno, con Fernando á caña e os novos navegantes do Lajareu, Carmen e Carlos. Non hai como empezar gañando para collerlle o gusto.

Destacar o traballo feito polos tripulantes da Tixosa, os únicos que elixiron o bordo ata as Airoas, acadando ao final a terceira posición. A Fiuza tivo que sufrir no seu último treito, os fortes refachos de mais de trinta nós. Severino e Carlos farían, do porto da Insuela ata a meta, unha empopada vertixinosa. Esta dorna sería a última en poder chegar a meta polos seus propios medios.

A clasificación desta manga:
1-Áncora
2-Xaimiña
3-Tixosa
4-Sandra
5-Cachi
6-Rabuda II
7-Lusiña
8-A Fiuza
Dornas que non finalizaron:
-Vikinga
-Praia da Carolinas
-Ardentía
-Volandeira



21 de abr. de 2012

Comezou a regata de primavera 2012


Ventos moi fortes e moito frío durante toda a xornada. 

A Sandra, de Palmeira, xusta vencedora.

O pasado sábado 14 dábase a saída a un novo campionato dende a praia de Coroso.
So facía 15 días que a “Sandra”, de Antonio e Ignacio, remataban unha sensacional segunda posición no campionato de inverno, pero a estes dous veteranos regatistas parece que lles está gustando estar nos postos de cabeza. Aquí están as fotos.


Ás 16:30 horas daríase a saída entre a illa dos Ratos e o sinal do Camouco en dirección a praia de Coroso, onde estaba situada a boia de desmarque, primeiro paso obrigado.
Dende a pitada da saída o protagonista de toda a xornada sería sen ningunha dúbida o forte vento, que sopraría con moita intensidade e obrigaría a comisión de regata a impoñer para todos os participantes un rizo.


Nos instantes previos da saída, e sentindo como o vento ia a máis por momentos, todas as embarcacións decidirían poñer dous rizos, por precaución, todas menos a “Sandra” e a “Lusiña,” que decidirían saír soamente cun rizo, decisión esta que lles valería, xunto co bo facer destes experimentados mariñeiros, rematar a regata en primeira e segunda posición respectivamente.


A primeira en pasar pola boia da praia sería a “Lusiña”, aínda que despois de avisarlles que a viraran no sentido contrario, e tendo que rectificar a manobra, pasaría a Sandra de primeira, seguida de cerca pola Volandeira e un pouquiño máis retrasada a Vikinga e a Lusiña. 




Dende aquí as embarcacións deberían de continuar paralelos a praia e co vento pola aleta de babor ata a Illa dos Ratos, onde se manterían as mesmas posicións que no paso pola primeira boia.


O seguinte tramo sería ata a boia situada preto do Camouco. Neste treito os regatistas tiveron que empregarse a fondo. Unha bolina moi bonita e disputada, debido a que as catro primeiras dornas ían aliñadas e algunha a menos de cinco metros da outra.

 

Dende este último paso, só quedaría remontar a boia onde estaba situada a meta, moi preto da praia, e como o vento cadraba xusto na proa, dúas dornas, a Lusiña e a Volandeira decidiron o bordo proa o porto e a Sandra e Vikinga virarían proa á praia. Un pouquiño máis atrás viñan a Cachi e a Rabuda, tratando de acercarse ao grupo de cabeza.


Debido a un forte chuvasco que entraba polo norte da ría, sairía beneficiada a Sandra, que entraría no primeiro posto e seguida a moi pouquiña distancia a Lusiña e a Volandeira.

A Xaimiña e a Moura decidiron abandonar logo da saída por diferentes problemas causados polas fortes rachas de vento así que a clasificación quedou da seguinte maneira:

1- Sandra
2- Lusiña
3- Volandeira
4- Vikinga
5- Cachi
6- Rabuda II
Non remataron: Xaimiña e Moura


E non esquecemos aos nosos acompañantes, que sempre están aí, pasan frio coma nós e case nunca saen nas fotos.

Jose María, o noso xuiz de regata habitual


Os rapaces da Cruz Vermella

José no seu barco, acompañado de Charly. E como non, o autor das fotos, Juan, que como é habitual cos reporteiros, non hai unha foto súa. 


Graciñas a todos.

10 de abr. de 2012

Remata a Regata de Inverno e comeza a Regata de Primavera 2012

Finalizou a Regata de inverno 2012 cun total de 15 dornas participantes. Na última proba tivemos un vento moi cambiante, empezou cuns 15 nus na saida da praia de Coroso e acabamos con momentos de calma chicha ao caer a tardiña. Aínda así estivo emocionante a liña de chegada porque se decidiron todos os postos, ninguen tiña asegurado o trofeo. Aquí vos deixo a clasificación da regata de inverno 2012 e as fotos da entrega de premios.





Adelino e Agustín da Áncora.















José Antonio e Nacho da Sandra.

















Antonio e Ron da Lusiña













Xaime e Xaime, García e García da Xaimiña. Vaia patrón que apareceu nesta dorna.









Severino e Nacho da Fiuza




















Para o sabado próximo, 14 de abril, comeza a Regata de Primavera polo que publicamos o Anuncio de Regata habitual.



Un saúdo
Marcos

25 de mar. de 2012

A piques de rematar a Regata de Inverno 2012

No Lajareu levamos disputadas tres probas da Regata de Inverno 2012. Podedes ver as fotos destes dias no sitio habitual, 1ª proba e 2ª proba. Soamente falta a derradeira proba das catro que a compoñen polo que esperamos que o sabado 31 faga un ventiño bo para disfrutala.

A clasificación está ainda no aire e o resultado desta proba será decisivo, polo primeiro posto pelexan a Áncora e a Lusiña e para os seguintes postos hay moitos candidatos.


Tamén se achegaron os amigos do Grove coa Faisca e A Rona a navegar con nos.


Parece que lles gusta afinar para deixar o Lajareu por babor.

 

Esperamos vervos este sábado tamén para ver como remata todo isto.