23/06/2014

A REGATA DE PRIMAVERA 2014 CUMPRIU AS ESPECTATIVAS DE PARTICIPACIÓN E COMPETICIÓN

A ÁNCORA GAÑOU ESTA EDICIÓN 2014 DA REGATA DE PRIMAVERA

Cada vez son mais as dornas que participan nesta regata que se fai anualmente cunha combatividade cada vez maior e sempre aparece xente nova que se interesa pola navegación tradicional. Logo do aprazamento da última proba que estaba prevista para o día 7 e se disputou o día 21, aquí vos deixamos as fotos e a clasificación da regata de primavera deste ano.
.

.
A clasificación final:



07/06/2014

SE SUSPENDE TEMPORALMENTE A DERRADEIRA PROBA DA REGATA DE PRIMAVERA E SE TRASLADA AO SÁBADO 21

As condicións climatolóxicas non permiten disputar a regata que estaba prevista.


O tempo de hoxe coincide coa predición que daban estes días pasados, hai ventos de forza cinco do sur con refachos de forza sete. Este é o motivo polo que se suspende a regata que tiñamos prevista para hoxe no Lajareu de Ribeira e tamén vemos que se suspendeu a regata dos Amigos da Dorna de Portonovo.



As regatas de primavera que fai todos os anos o Lajareu a estas alturas xa están rematadas pero este ano non coincidiu ben e andamos metidos en xuño, combinando para non pisar as regatas doutros clubs aínda que non sempre se consegue.

A semana que ven, o sábado 14 é a Regata dos Faros do Grove á que nos gusta ir e na que teremos representación, por iso pospoñemos para o día 21 a cuarta proba da regata de primavera. Aquí vos deixamos a clasificación provisional.




26/05/2014

A Deputación da Coruña concede unha subvención ao Lajareu

Subvención da Deputación da Coruña para o ano 2014.

A Deputación da Coruña ven de conceder á Asociación Cultural Lajareu por Barlovento unha subvención o pasado 25 de maio de 2014.
Esta subvención está dirixida a investimentos durante o ano 2014 e nesta ocasión o obxecto en concreto é a adquisición dun motor foraborda para a dorna xeiteira Insuabela. O importe concedido é de 2.398,32 €, que supón unha porcentaxe de financiamento do 70 %.



13/05/2014

A SANDRA VENCE A PRIMEIRA PROBA DE PRIMAVERA NUNHA CHEGADA MOI AXUSTADA


A chegada desta primeira proba resultou apretadisima pero a Sandra sóubolle sacar dúas esloras á Xaimiña e algo máis a Áncora.


A Sandra con José Antonio e Panarro a punto de atravesar a chegada.

No Lajareu iniciamos o pasado 3 de maio as regatas de Trofeo de primavera e resultou unha tarde tranquila con pouco vento e sen mar. Foi moi agradable a saída en dorna polas augas de Ribeira.
Aquí tedes todas as fotos no álbum da regata.
Saímos 11 dornas e fixemos un percorrido non moi largo por se caía o vento; saída proa á baliza de desmarque na praia de Coroso, ás Airoas por babor, volta ao Lajareu para deixalo por estribor, Camouco por babor e unha bolina ata a liña de chegada na mesma baliza na praia de Coroso.
A clasificación desta proba foi:

Sandra, 
Xaimiña, 
Áncora, 
Ardentía, 
Volandeira, 
Vikinga, 
Rabuda II, 
Papoula, 
Praia das Carolinas, 
Moura, 
Praia de Bandaurrío
.

.

03/05/2014

FINALIZOU O CAMPIONATO DE INVERNO DE DORNAS A VELA 2014 E INICIA A REGATA DE PRIMAVERA 2014


BOA TARDE DE SOL CUN VENTO DE ENTRE 12 E 15 NÓS NA 4ª E ÚLTIMA PROBA DA REGATA DE INVERNO.


Este sábado 26 de abril doce dornas tomaron a saída dende Ribeira para completar a última das catro mangas das que constaba este campionato. O vento, moi estable e ben definido do oeste, andaría entre os 12 e os 16 nós, con algún refacho de algo máis de intensidade.
Aquí tedes o álbum de fotos da regata.
Unha tarde axeitada para levar toda a vela, aínda que algúns participantes atrasarían o centro vélico, deixando caer o mastro para andar algo máis seguros. Non foi isto unha imposición da comisión de regata, pero  si algo importante para conseguir un mellor equilibrio na dorna.
.

A saída  co vento na proa, fíxose dende preto da Illa do Ratos para ir proa a boia de desmarque, moi preto da entrada do club náutico. Neste primeiro tramo, sería  a Áncora,  Xaimiña, Sandra, Volandeira, Ardentía e Vikinga  as que foron deixando a boia de  desmarque, por babor, formando un primeiro grupo bastante apretado. Dende aquí e co vento polo través, habería que deixar  o faro do  Lajareu,  tamén por babor, no que non habería cambios significativos no orden de paso,  soamente resaltar un pequeno golpe xusto ao virar a boia de desmarque  entre a Volandeira e a Sandra que non tería máis  consecuencias.
Xa no terceiro  tramo, ata  a Illa de Rúa, e co vento pola aleta de estribor, destacaría a Sandra facendo unha moi boa remontada e rebasando ao segundo posto que nese intre era da Áncora. A Xaimiña foi a primeira dorna en rebasar a Illa. A esta altura, destacar o percance que sufriu a Sandra partindo o mastro pola parte superior, xusto no momento de facer a virada por popa, e aínda que perdeu moito tempo reparando a desfeita, chegaría polos seus propios medios, máis  xa perdera toda opción a loitar por unha praza no podio.
Ata o seguinte paso, o sinal do Camouco, e co vento de proa, abriríase moito o campo da regata, onde algúns decidiron ir cara terra e outros cara fora, máis a clasificación non sufriría cambios significativos, virando este paso a Xaimiña, a Áncora e a Vikinga nos primeiros postos.
Na chegada a meta sería a Áncora a que alcanzaría a Xaimiña, entrando esta na segunda posición, e Vikinga e a Ardentía no terceiro e cuarto posto a moi pouca distancia das primeiras.
O resto do grupo entrou así: Volandeira, Moura, Rabuda II, Cachi, Sandra, Praia das Carolinas, Xarda e Beliña.
Logo de publicar a clasificación houbo unha reclamación dunha dorna por considerar que a puntuación final era incorrecta. O comité de regatas logo de estudar as motivacións e comprobar os resultados acordou estimar a reclamación, polo que a clasificación final do campionato de inverno foi a seguinte:



E unha tras doutra, iniciamos xa a Regata de primavera 2014 aproveitando os sábados con marea alta na tardiña. 
 

 

08/04/2014

BO VENTIÑO NA TERCEIRA DE INVERNO

O passado sábado dia 29 de março realizámos a terceira prova da regata de Inverno. Após umha semana de previssons pesimistas que ameaçavam com o mesmo panorama que na segunda prova, finalmente gozámos dum vento magnífico superior aos 10 nós. À saída em Coroso seguia um desmarque entre a entrada do porto e o sinal do Lajareu. Entre as duas opçons possíveis, a de sair cara Rua e nom cara Ribeira resultou a mais favorável por ser o vento mais constante em intensidade e direcçom. A partir deste desmarque já se forom configurando as diferenças entre as embarcaçons. Na longa empopada até a primeira batea de Palmeira formou-se um grupo de cabeça: Sandra, Vikinga, Áncora, Volandeira e Rabuda aumentarom a vantagem com o resto das dornas. Passada a betea vinha umha outra escolha para chegar ao Camouco. As dornas que continuárom cara o suroeste navegavam contra o mar que entrava na ria de este rumbo, as que virárom e pugérom proa à ilha dos ratos tomárom vantagem. Após virar cara o Camouco, Sandra e Vikinga passárom primeiras, muito a barlovento deste sinal. A Áncora apurou ao máximo e assim recuperou o terceiro posto que cedera à Rabuda por tomar rumbo suroeste. A Rabuda asegurou em excesso a virada para passar o Camouco, e a Volandeira sufriu o desprendemento da pletina para o gancho da driça, que a deixou num quinto posto. A última baliça, o passo do Lajareu, nom produziu mudanças no grupo de cabeça. A ordem de chegada e a detalhada abaixo.

Sandra, Vikinga, Áncora, Rabuda, Volandeira, Cachi, Praia das Carolinas, Moura, Xaimiña, Xarda, Beliña.

O vindeiro 12 de abril teremos a última prova da regata de Inverno, com a entrega de trofeos, e presentes para todas as tripulaçons.




25/03/2014

19 de xullo e 6 de setembro en Ribeira


Boas a todos, xa temos as datas para as nosas actividades de verán. Habitualmente viñamos facendo dúas regatas no verán pero este ano temos algúns cambios.

O Trofeo Dorna de Prata na tradicional Regata do Carme que sairá como sempre das inmediacións da praia de Coroso será o 19 de xullo.

Con respecto á nosa segunda cita habitual de primeiros de setembro este ano temos novidades: non imos facer regata. No seu lugar celebraremos unha Xuntanza en Palmeira, excluíndo o elemento competitivo, para lembrar e homenaxear ao noso amigo que tanto nos aprendeu, José Bermo, "o Americano", que como sabedes era de Palmeira e que nos deixou hai un ano. Reservamos o 6 de setembro para velear ata alí.

José Bermo, navegando na Papoula con Carlos, na regata de primavera de 2010.
Aínda non temos definido o programa nin o horario concreto desta Xuntanza, que iremos precisando segundo se achegue a data, pero queremos recordar a José facendo o que fixemos con el tantas veces: navegar nas nosas dornas e falando e confraternizando despois diante dunhas cervexas e uns petiscos.
Estades todos convidados.

Carlos e o Americano levaron premio naquela regata de primavera 2010



22/03/2014

Pouco vento na primeira e segunda proba deste inverno

A próxima regata esperanos o sábado 29

Encalmada na abra de Ribeira durante a regata de dornas

O passado sábado dia 8 de Março começámos as provas da regata de Inverno do Lajareu. Às quatro da tarde, a hora marcada para a saída, semelhava que após umha manhá sem vento, teriamos algo para fazer a regata. Deu-se a saída na praia de Coroso, proa à praia para tomar a boia de desmarque frente ao límite da praia cara a Ribeira. A Moura tomou a saída de primeira e também alcançou o desmarque em primeira possiçom, mas a partir deste momento o vento caeu ao mínimo e começou umha interminável empopada cara ao ilhéu de Rua que demorou duas horas. Quase todas as dornas levavam a vela por babor, excepto a Volandeira e a Cachi, que tomarom um rumbo mais cara ao leste que as demais com a vela por estribor para aproveitar deste curiosa maneira o vento de noroeste. Mas a escolha resultou acertada e acabárom por alcançar Rua antes que o resto da flota, seguidas pola Xaimiña e a Sandra, Vikinga, Moura e Áncora, Praia das Carolinas e Papoula , e a Beliña. A continuaçom refrescou um pouco o vento e a maioria das dornas virárom cara a Palmeira para aproveitar o vento de terra e reduzir o número de bordos. E esta foi também a melhor escolha, as dornas que buscárom vento mais cara ao oeste perdêrom postos na prova.

E por último dar as boas vindas à tripulaçom da Beliña, Alicia e Xoan, que se incorpora as regatas do Lajareu com esta prova.

A ordem de chegada foi como a continuaçom se relata:

1  Volandeira
2  Cachi
3  Xaimiña
4  Sandra
5  Áncora
6  Vikinga
7  Moura
8  Praia das Carolinas
9  Papoula
10 Beliña

Todas as fotos están colgadas neste álbum.
.

.
A segunda proba foi o sábado 15 e resultou peor que a primeira porque ningunha das dornas foi quen de finalizar. O vento prometía do nordés pero non chegou a entablar e quedamos todas as dornas no Camouco, así que a clasificación segue coma na anterior regata, engadindo a Xarda, con Carlos e Carmen, que xa se uniron á frota.

O noso agradecemento a Sabela polas fotos. Vémonos para a vindeira.






26/02/2014

Iniciamos a temporada de regatas de dornas en Ribeira.


Regata de inverno 2014.

Xa era tempo de empezar a mover as dornas e nada mellor que botalas á auga e facer algunha regata. 
O Lajareu  programou a habitual Regata de Inverno con catro probas durante os meses de marzo e abril, concretamente as datas son o 1 de marzo, o 15, o 29 e o 12 de abril. Dependemos sempre das condicións meteorolóxicas así que esperemos que se poidan manter neses días.
Nestas datas adoitan ser regatas cortas porque cae pronto o sol, papamos algún chuvasco e anda o frío ao redor pero esa é a gracia que ten; xuntarnos as tardiñas dos sábados, falar da brea e do saín, e que uns coseron un rizo e outros non.

Aquí vos deixo o Anuncio de regata que facemos habitualmente. Bo vento.