06/08/2013

A REGATA DO CARME, TROFEO DORNA DE PRATA SERÁ O 17 DE AGOSTO


Ola a todos, logo de idas e voltas coa data, o sábado 17 de agosto organizamos a nosa regata principal do verán, a Regata do Carme, Trofeo dorna de prata. A saída está prevista para as 16:00, momento a partir do cal se dará a primeira pitada.
Dende o Lajareu invitamos a todos os clubs a que veñan a pasar o día a Ribeira e a participar nesta regata, na que coma todos os anos, ademais da clasificación individual, ponse en xogo a Dorna de Prata na clasificación por clubs.
Esta é unha regata por equipos na que se pon en xogo o trofeo "Dorna de Prata" que o equipo vencedor deposita na sede do seu Concello durante un ano, ata que se dispute de novo. 
Por cada club puntúan as tres primeiras dornas de cada un e o que teña menor puntuación é o vencedor. O ano pasado a Zoa de Charli e Xosé gañaron a regata e axudaron a que a "Dorna de Prata" quedase en Ribeira. Sempre está complicado facer que as tres dornas que puntúan estean preto da cabeza porque a competitividade é moi alta e cada ano os regatistas afinan mais, calquera despiste ou fallo faite baixar na clasificación.


Outra cita próxima é este sábado 10 na Illa de Arousa, onde se disputa a Regata do Bao 2013, que se caracteriza porque a saída é dende a praia, coas dornas varadas.
Como xa comentou Xosé nalgunha entrada, o importante é navegar, desfrutar con todos do mar e que haxa dornas a bolinar na ría.

Como facemos ultimamente, publicamos o Anuncio de Regata co que intentamos informar das condicións de participación e espallar o máximo posible o evento



Ningún comentario:

Publicar un comentario