02/05/2013

Iniciamos a XVII Regata de primavera de dornas a vela no Lajareu

A LUSIÑA GAÑA A 1ª PROBA DESTA REGATA DE PRIMAVERA 2013 LOGO DUNS BORDOS DE BOLINA MOI BOS NOS QUE PASOU ÁS DORNAS DE CABEZA


A Lusiña pasa por barlovento da Carabeliña
O pasado sábado 20 de abril disputamos a 1ª proba da regata de primavera 2013, na que participaron as dornas do Lajareu A Fiuza, Cachi, Lusiña, Papoula, Praia de Bandourrío, Rabuda II, Sandra, Volandeira, Xaimiña e Xarda.

A tarde presentábase moi fermosa, co ceo azul e limpo, con vento moi frouxo do oeste pero con previsións de que forse a máis segundo pasase a tarde. O percorrido da regata foi saída de Coroso cara ao faro de Lajareu por babor (través), para despois seguir cara ao sinal do Caamouco por babor, a Illa de Rúa por babor (empopada) e chegada en Coroso (bolina).


A praia de Coroso foi testemuña da axustada saída sobre a pitada das primeiras dornas

A saída foi sobre as 16:30, cun vento fresco do noroeste cara ao Lajareu, que fixo andar lixeiras as dornas. Volandeira alcanzou o Lajareu no primeiro posto, mais seguida de preto pola Lusiña, Sandra, Xaimiña e o resto da flota e no que houbo que facer unha trasluchada para coller rumbo ao Caamouco e Rúa . A Xaimiña, que fixo unha manobra perfecta, saíu 1ª nada máis pasar o faro e as dornas foron empopadas ata Rúa. Neste treito, a Xaimiña, Lusiña e Volandeira loitaron por coller o barlovento mentras Sandra se afastaba desa loita. Volanderia pasaría 1ª o Falante de Rúa, pero coas outras tres pegadas á súa popa.

A saída de Rúa fíxose por esta orde: Volandeira, Sandra, Xaimiña e Lusiña. Aquí compre salientar a grande manobra da Lusiña, que navegou arrimada a Rúa e sorteando as pedras foi quen de saír pola Carabeliña. Isto fíxolle gañar un barlovento que na bolina a Coroso tería un valor de grande interese.



As dez dornas que participaron nesta proba logo de pasar Rúa. Hai que fixarse na terceira de babor para ver que son dúas



Unha tarde estupenda na Arousa. As dornas bolinan dende Rúa proa ás Airoas con Aguiño ao fondo

Ao saíren de Rúa toda a frota foi cara ás Airoas, xa con vento máis fresco do NO, e como acontece neste tipo de rumbos algunhas decidiron coller o rumbo de terra (Rabuda, Xaimiña .......) e as demais achegarse ás Airoas. Volandeira gaña o barlovento á Sandra pero non pode con Lusiña que favorecida por este vento máis forte navegaba moi veloz e rompendo moi ben as ondas.
Sandra e Volandeira viran para Coroso mentras Lusiña aproveita para achegarse ás Airoas todo o posible.
Indo xa para Coroso, Volandeira tenta rectificar facendo outro bordo, pero as súas bolinas non evitaron que Lusiña, imparable, cruzase a meta con tranquilidade. Sandra aproveitou moi ben o seu bordo e conseguíu pasar por diante da proa da Volandeira a poucos metros da meta. Xaimiña tivo que loitar e seu 4º posto coa Papoula tamén a pouco da liña de chegada.

Estas son todas as fotos. José María as fixo ben de preto, incluso dende o Caamouco.

A clasificación desta proba foi a seguinte:
1º Lusiña (Antonio e Ron)
2º Sandra (Jose Antonio e Marcos)
3º Volandeira (Víctor e José)
4º Xaimiña (Xaime e Xaime)
5º Papoula (Carlos e Manolo)
6º Rabuda II (Xose e Santi)
7º A Fiuza(Severino e Nacho)
8º Cachi (Juan e Jesús)
9º Praia de Bandourrio (Fran e Emilio)
10º Xarda (Carlos e Carmen)

A segunda proba é este sábado 4 así que vos esperamos coma sempre sobre as 16:00 para velear de novo.

Hai que facer unha mención especial aos novos regatistas do Lajareu que xa completan unha regata e cada día o fan mellor, todos pasamos polo último posto da clasificación e dende aí unicamente se pode ir para arriba. (Pode que algo de culpa a tivese o teléfono, que despista e perdes o rumbo)


Carmen e Carlos na Xarda

2 comentarios:

  1. Gracias polos ánimos

    ResponderEliminar
  2. Magnífica crónica e estupendas e refrescantes fotos. E case como estar ahí. Parabéns a todos

    ResponderEliminar