08/05/2012

2ª MANGA DO XVI CAMPEONATO DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA


A Xaimiña, da Pobra, dominou case toda a regata. A Áncora, xusta vencedora.

Às 16,30 horas do pasado sábado 28 de abril dábase a saída desta nova manga, na que teríamos uns protagonistas moi especiais Xaime, pai e fillo, este último como novo patrón desta dorna lendaria, e que desde que comezou  no pasado campionato de este ano, está a facer un papel  digno de salientar,e co que haberá que contar para as próximas edicións, xa que está a demostrar unha regularidade sobresaínte.

Aparellando as dornas antes da regata
Nesta ocasión o vento, de entre 10 e 14 nós, sopraría de forma regular durante toda a xornada, tarde esta moi agradable se non fose polo fortísimo chubasco que entraría a última hora, ao que acompañaban refachos de máis de trinta nós, e obrigaría, por precaución, a abandonar e ser remolcadas pola lancha de salvamento marítimo aquelas dornas que aínda non chegaran a meta.

Na saída, do medio da rada, as embarcacións debían deixar por estribor a boia de desmarque, situada preto da praia.  Neste primeiro treito sería a Xaimiña a que pasaría de primeira, e seguida moi de perto pola Lusiña, e pola Rabuda.
Ata o seguinte paso, Illa de Rúa, e despois dunha empopada moi pechada, non habería mudanzas na clasificación dos primeiros postos.
De aquí sería a Áncora a tomar a posición de cabeza, debido en parte á saída do temón que sufriu a Xaimiña despois de tocar nunha pedra, aínda que este percance non seria suficiente para facerlle perder os postos de cabeza facendo unha excelente segunda posición.
Os veteranos mariñeiros, Adelino e Agustín da Ancora, serían os que  acabarían primeiros, despois de facer unha navegación perfecta, sen abrirse moito cara a praia da Corna como farían a Fiuza ou a Cachi, nin tampouco irían cara as Airoas como farían a Tixosa, Rabuda, Praia das Carolinas ou a Volandeira. Esta decisión de ir polo medio sen alargar moito os bordos, demostraría ao final ser o acertado, xa que o vento estaba xusto de proa, dende Rúa ata a liña de meta.
A Vikinga, gañadora da última proba da regata de inverno, con Fernando á caña e os novos navegantes do Lajareu, Carmen e Carlos. Non hai como empezar gañando para collerlle o gusto.

Destacar o traballo feito polos tripulantes da Tixosa, os únicos que elixiron o bordo ata as Airoas, acadando ao final a terceira posición. A Fiuza tivo que sufrir no seu último treito, os fortes refachos de mais de trinta nós. Severino e Carlos farían, do porto da Insuela ata a meta, unha empopada vertixinosa. Esta dorna sería a última en poder chegar a meta polos seus propios medios.

A clasificación desta manga:
1-Áncora
2-Xaimiña
3-Tixosa
4-Sandra
5-Cachi
6-Rabuda II
7-Lusiña
8-A Fiuza
Dornas que non finalizaron:
-Vikinga
-Praia da Carolinas
-Ardentía
-Volandeira



Ningún comentario:

Publicar un comentario