21/04/2012

Comezou a regata de primavera 2012


Ventos moi fortes e moito frío durante toda a xornada. 

A Sandra, de Palmeira, xusta vencedora.

O pasado sábado 14 dábase a saída a un novo campionato dende a praia de Coroso.
So facía 15 días que a “Sandra”, de Antonio e Ignacio, remataban unha sensacional segunda posición no campionato de inverno, pero a estes dous veteranos regatistas parece que lles está gustando estar nos postos de cabeza. Aquí están as fotos.


Ás 16:30 horas daríase a saída entre a illa dos Ratos e o sinal do Camouco en dirección a praia de Coroso, onde estaba situada a boia de desmarque, primeiro paso obrigado.
Dende a pitada da saída o protagonista de toda a xornada sería sen ningunha dúbida o forte vento, que sopraría con moita intensidade e obrigaría a comisión de regata a impoñer para todos os participantes un rizo.


Nos instantes previos da saída, e sentindo como o vento ia a máis por momentos, todas as embarcacións decidirían poñer dous rizos, por precaución, todas menos a “Sandra” e a “Lusiña,” que decidirían saír soamente cun rizo, decisión esta que lles valería, xunto co bo facer destes experimentados mariñeiros, rematar a regata en primeira e segunda posición respectivamente.


A primeira en pasar pola boia da praia sería a “Lusiña”, aínda que despois de avisarlles que a viraran no sentido contrario, e tendo que rectificar a manobra, pasaría a Sandra de primeira, seguida de cerca pola Volandeira e un pouquiño máis retrasada a Vikinga e a Lusiña. 




Dende aquí as embarcacións deberían de continuar paralelos a praia e co vento pola aleta de babor ata a Illa dos Ratos, onde se manterían as mesmas posicións que no paso pola primeira boia.


O seguinte tramo sería ata a boia situada preto do Camouco. Neste treito os regatistas tiveron que empregarse a fondo. Unha bolina moi bonita e disputada, debido a que as catro primeiras dornas ían aliñadas e algunha a menos de cinco metros da outra.

 

Dende este último paso, só quedaría remontar a boia onde estaba situada a meta, moi preto da praia, e como o vento cadraba xusto na proa, dúas dornas, a Lusiña e a Volandeira decidiron o bordo proa o porto e a Sandra e Vikinga virarían proa á praia. Un pouquiño máis atrás viñan a Cachi e a Rabuda, tratando de acercarse ao grupo de cabeza.


Debido a un forte chuvasco que entraba polo norte da ría, sairía beneficiada a Sandra, que entraría no primeiro posto e seguida a moi pouquiña distancia a Lusiña e a Volandeira.

A Xaimiña e a Moura decidiron abandonar logo da saída por diferentes problemas causados polas fortes rachas de vento así que a clasificación quedou da seguinte maneira:

1- Sandra
2- Lusiña
3- Volandeira
4- Vikinga
5- Cachi
6- Rabuda II
Non remataron: Xaimiña e Moura


E non esquecemos aos nosos acompañantes, que sempre están aí, pasan frio coma nós e case nunca saen nas fotos.

Jose María, o noso xuiz de regata habitual


Os rapaces da Cruz Vermella

José no seu barco, acompañado de Charly. E como non, o autor das fotos, Juan, que como é habitual cos reporteiros, non hai unha foto súa. 


Graciñas a todos.

1 comentario:

  1. Como as condições desta regata interessarom bastante, achego os dados para esse horário do vento registrado na "Boia de Ribeira" de MeteoGalicia, que pode ser ser um referente.

    Lembrade que esta boia está perto da Ilha de Rua, e a regata fixo-se esse dia em Coroso, mais ao abrigo.

    DATA (UTC)      V(Nó)  R(Nó)   D(º)
    14/04/12 14:00     16     23   106
    14/04/12 14:10     20     28   105
    14/04/12 14:20     21     26   102
    14/04/12 14:30     22     27   101
    14/04/12 14:40     20     25   101
    14/04/12 14:50     20     26   103
    14/04/12 15:00     20     26   105
    14/04/12 15:10     22     28   105
    14/04/12 15:20     19     24   102
    14/04/12 15:30     19     25   105
    14/04/12 15:40     21     28   104
    14/04/12 15:50     22     27   103
    14/04/12 16:00     23     31    97
    14/04/12 16:10     18     26    91
    14/04/12 16:20     14     18    87
    14/04/12 16:30     12     16    89
    14/04/12 16:40     14     19    82
    14/04/12 16:50     18     23    84

    ResponderEliminar