30 de xuño de 2009

A RUTA DAS DORNAS


Este sábado, dia 4 de Xuño, o Lajareu proponse recuperar e poñer en valor un elemento fundamental do patrimonio mariñeiro inmaterial de Riveira: a ruta de verán das dornas.
Como moitos saberedes, antes da chegada dos motores foraborda nos anos sesenta, o traballo no mar planificábase en función do vento. No verán, na nosa área, os ventos reinantes son o Nordestiño pola mañá, que cae cara o medio dia; e o Noroeste pola tarde, que empeza entrar na Ria ás tres e media ou catro, e que aquí chamamos de San Alberte porque ven xusto desta ermida.

Con este réxime, aos mariñeiros de Riveira, no verán, quedáballes mallado sair cara a Louro e Fisterra. Sair moi de mañanciña que sempre hai unha veliña de vento para sacarche da Ria, inda que logo se quede calmo. E aproveitar que por fora, na costa, sempre hai algo de vento para chegar a Corrubedo, e logo coller o Noroeste, que entra ás tres, para poñer proa a Monte Louro ou a Fisterra, donde sempre houbo peixe.
Esta era a ruta de verán das dornas de Riveira: as grandes xeiteiras, as do palangre, as pescadoras e as trasmalleiras, porque en Riveira se traballaba nas dornas a todos os oficios. Quedaban na Ria as pequenas polveiras de sete cuartas que neste entorno, e ata Aguiño e Sálvora xa había polbos.

E así ían todos, a velear, debuxando unha estampa preciosa na Ría e na costa que xa so lembran os vellos. Botaban máis ou menos dias fora en función do oficio e da pesca. Para volver había que aproveitar o San Alberte da tarde. Se che collía Nordeste víñache de proa e había que bolinar duro, e, segundo a marea, remontar a enxurrada que che bota para fora. Por eso as dornas e Riveira bolinaban tanto e "de Riveira sairon os mellores mariñeiros", que ata o orgullo local está cheo de nostalxia...
Chegaron os motores e todo esto desapareceu. A recuperación da vela tradicional para lecer ten a Ria toda para sí (esto é literal, e moitos sábados e domingos preciosos, salvo os do verán, non hai na Ria máis velas que as das dornas) e non precisou de grandes aventuras fora da Ría, exceptuando memorables escapadas a Ons ou mesmo a Corrubedo. Pero, como di o noso querido Stafän Morling, aquí ainda estamos a tempo de manter viva a nosa cultura e o noso patrimonio, porque mentres que estean vivos os seus protagonistas e haia quen teña a vontade de escoitalos, aprender deles, e poñer en práctica o seu inxente acerbo, o patrimonio non morre nen queda para os museos.

Esta de ir Muros seguindo a ruta de verán é unha idea que vimos roendo de longo no Lajareu. Cando empecei eu nisto hai oito anos, xa a escoitei dos compañeiros nas veladas despois dos dias mar e sol: "Había que ir a Muros,! como facían os mariñeros de aquí: No veran saían cara a Muros e Fisterra cos ventos dominantes... e eso é o tiñamos que facer nos". Porque as dornas son algo máis que un motón de taboas ben armadas (preciosamente, marabillosamente armadas...) e son máis que a técnica de navegar nelas. Son todo un mundo que vivía e ainda vive en torno da embarcación, do traballo nela, do xeito de vida a través dela, que se identifica con ela. E como parte dese mundo están as rutas construidas ao longo de séculos de experiencia coñecemento e vida no mar.

O Encontro de Muros foi para ns como un caldeiro de auga fresca (salada) que che desperta do sopor ou da resaca. Nos TEMOS que ir a Muros por mar, seguindo a ruta das dornas. ¿Cómo se non? ¿Cando se non?.

Así que xa o sabedes, sábado á mañanciña, co nordestiño do lusco, saimos de Riveira, para estar fora da Ria antes das once. Así, ainda que caia o vento, na costa sempre queda algo para chegar á punta de Corrubedo, e logo co Noroeste PROA A MUROS. As velas das dornas de Riveira vólvense a recortar no perfil mítico do Monte Louro...

13 comentarios:

  1. Unha iniciativa, mariñeirisima e maravillosisima, vos ventos para as rutas das dornas, era moi interesante facerllo chegar aos xornalistas para que se enteren, seria estupendo toparnos no mar nesa navegación, falaremos.

    ResponderEliminar
  2. Gracias Braulio: moitísimas gracias polas tuas verbas de apoio e ánimo. De verdade que as valoramos moito. Moi boa idea a de enviar o tema á prensa. A ver se o damos feito. Nos tamén esperamos toparvos no mar. ¡Qué boa pinta me ten todo!
    Unha aperta mariñeira.

    ResponderEliminar
  3. Alguén chuzou esta nova, e agora todo o mundo vai estar pendente da vosa travesía. Agrado que non defraudedes.

    Os da Arousa tamén parece que van intentar a travesía tamén esta sexta.

    ResponderEliminar
  4. E logo xa que estades, por que non vides ata Abelleira? Este sábado botamos a buceta, ás 15:30, e mais temos festa. Xa han de andar tamén por alí a xente da Illa

    ResponderEliminar
  5. Fantástico! A ver se o grupo de Suecia co que estamos a facer un intercambio pasamos polo porto de Muros á tardiña e temos a sorte de poder ver a entrada -van ver estes viquingos como velean as dornas-!

    ResponderEliminar
  6. Ola amigos. Puiden disfrutar nas DORNAS no encontro na Bretaña o ano pasado e resultou máxico e maravilloso. Gustaría de contactar con alguén da Asociación. Son video xornalista e procuraria facer algo para difundir o voso amor polo mar, pola navegación tradicional.
    Unha aperta
    xosebocixa@anosaterra.com

    ResponderEliminar
  7. Ola amigos. Puiden disfrutar nas DORNAS no encontro na Bretaña o ano pasado e resultou máxico e maravilloso. Gustaría de contactar con alguén da Asociación. Son video xornalista e procuraria facer algo para difundir o voso amor polo mar, pola navegación tradicional.
    Unha aperta
    xosebocixa@anosaterra.com

    ResponderEliminar
  8. Que envidia me dades. Quen poidera estar por esos lares nestas datas. A verdade e que non sei si podería chegar hasta Muros ca miña dorna. Hay moitas millas e vai moito mar. Ide a modiño e á volta a ver si contades a experiencia con fotos e relatos. Pasadeo ben.
    Juan M. Santos

    ResponderEliminar
  9. Hola Nacho. Pois sí, Xocas meteu unha entrada na web da Federación e esto sube como a escuma. Pois estupendo. Traballándo polo mantemento do patrimonio cultural mariñeiro e dándolle difusión. Ahí nos quero ver.
    Vai ser unha xornada ben bonita. Xa me canta no papo.

    ResponderEliminar
  10. Ola Sicalíptico:
    Pois xa falamos de achegarnos ata Abelleira. Témolo en conta. Non quixemos comprometernos por causa do tempo: non sabemos cando chegaremos a Abra, e non vos queríamos condicionar. A ver se damos chegado a tempo que a vosa festiña de botadura pinta moi pero que moi ben.
    Unha aperta. Xa nos coñeceremos ahí o sábado e senón en Muros. E, en todo caso, como lle dixo Bedoya á miña muller cando ia dar a luz, "Boa botadura!"

    ResponderEliminar
  11. Ola Hugo.
    Pois claro que sí. As dornas poderanse ver entrado pola Ría desde o monte Louro, San Francisco e Muros. Non sabemos a qué hora chegaremos. De feito igual nos pasamos por Abelleira, onde os veciños bota ás 15:30 unha buseta que construiron e fan unha festa ben chula con churrascada incluida, ataviados como mariñeiros do seculo XIX. Os teu suecos van flipar. Por alí teñen varias embarcacións moi directamente emparentadas coa dorna, que é precisamente de orixe nórdica. A ver se nos vemos, e, en todo caso, boa ruta.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  12. Ola Bocixa!
    Outra vez nos econtramos na ruta. Se miras ben nas fotos do blog igual me recoñeces. Son Xesús, amigo de Xose de Cerceda. Coñecémos no antroido de Laza hai unha chea de anos e xa nos temos topado por ahí unhas cantas veces, nesto da cultura galega. A última vez, xa como video xornalista, entrevistáchesme na Alameda de Santiago como secretario desta Asociación Cultural na exposición de embarcacións tradicionáids preparatoria de Brest 2008. Non puiden estar alá porque fun papá dunha mariñeiriña o mesmo dia do Carme. Pois estaríamos encantados de terte con nos o sábado. Envíoche un e.mail para contactar.
    Unha aperta, e vémonos logo.

    ResponderEliminar
  13. Ola Juan:
    Gracias polas tuas verbas de ánimo.
    Pois a verdade é que xa o estamos pasando ben só de pensalo. Onde quera que estéas, unha aperta mariñeira e que podas vir axiña que tes a tua dorna agardando.

    ResponderEliminar