18/10/2007

Por eses mares de Dios

Vista das Illas Alicudi e Filicudi dende a Illa de Salina (Illas Eolias, Sicilia)


Ola de novo mariñeiros.
Por se non vo-lo dixen, Ingrid e eu acabamos de volver das nosas vacacións, dunha preciosa viaxe a Sicilia, a Illa mais grande e central do mar Mediterraneo que foi noutro tempo centro do mundo. Na sua costa xónica, na cidade de Siracusa, a cultura grega clásica acadou o seu maior esplendor, e hoxe podemos admirar os seus marabillosos templos dóricos, teatros, urbes e castelos nun excelente estado de conservación.
Templo grego clásico da Concordia, Agrigento (Sicilia)

Romanos, bizantinos, árabes e normandos deixaron alí magníficas mostras do seu paso sobrevivindo a terremotos e volcáns ainda hoxe fumeantes. E, como non podia ser doutro xeito, andando por eses mares de Dios, tamén poidemos achegarnos ao seu patrimonio cultural marítimo, do que vos traemos esta pequena mostra:
Porto Mariñeiro de Ognina (Catania, Sicilia)


Aquí tedes unha vista da porto de Ognina, nunha esquiniña da grande urbe de Catania, cheo de embarcacións tradicionais de diversa tipoloxía. Sorprendente o enorme pichón da embarcación de cuberta vermella (no centro, ao fondo).

Porto mariñeiro de Acicastello (Sicilia)

Neste porto de Acicastello, moi cerca de Catania, o reporteiro exhibe fachendoso o emblema do Lajareu na sua camiseta mentres posa ao lado da "Pietro", magníficamente decorada ao estilo tradicional. Ao fondo os "Faralloni" (non deixei de sorprenderme das coincidencias lingüísticas co galego).
Porto mariñeiro de Acicastello (Sicilia)

E aquí temos esta preciosa embarcación do mesmo tipo esquisitamente decorada no estilo tradicional e aparellada coa sua vela latina. Felicidades a quen teña levado a cabo esta labor de conservación do patrimonio mariñeiro siciliano.

Porto mariñeiro de Acicastello (Sicilia)

Estas embarcacións reciben o nome xenérico de "gozzo" (plural "gozzi") e polo que vin gardan un enorme parecido coas nosas bucetas e os llaguts cataláns.Velaquí o detalle da "Acitrezza". Vese na proa o ollo do deus exipcio "Ra", que extenderon os fenicios por todo o Mediterraneo. Nos nosos Encontros de Embarcacións Tradicionáis puidémolo ver na barca de xábega magaleña.
Peirao na boca do canal de Siracusa (Sicilia)

En Siracusa quiteille esta foto aos equivalentes sicilianos dun bote polveiro e unha buceta de pouca manga, das que chamaban no Freixo "canoas". Observade os corredores so de meo a proa.



Porto de Lingua, Illa de Salina (Illas Eolias, Sicilia)

Na Illa de Salina, nas Eolias, perto da cinematográfica Stromboli co seu volcán activo, puiden ver esta variedade de menor manga. Fixádevos na varada. Como se nota que alí non hai mareas...

Varadeiro en Pollara, Illa de Salina (Illas Eolias, Sicilia)

E xa para rematar, unha foto en detalle destes curiosos imbornais triangulares.
Hai moito mais pero non me colle. Unha aperta a todos. Vémonos na próxima regata!