22/09/2008

Xuntanza de Bloggers en San Vicente do Mar.

Ola outra vez:

O próximo sábado 4 de outubro de 2008 está prevista a celebración, no Clube Náutico de San vicente do Mar, dunha Xuntanza de bloggers de temas mariñeiros.

A inicativa parte dunha rapaza de Vigo que leva un excelente blog de temas náuticos en xeral e que últimamente se está volcando no ámbito das embarcacións tradicionáis, como podemos comprobar no amplo reportaxe fotográfico do recente encontro de Bouzas. Ao encontro podemos asistir os que dedicamos unha pequena parte do noso tempo a compartir na rede as experiencias e novas relativas ao mar e a navegación e todos os que as seguides e contribuides con algunha participación; con parellas, fillos e demáis. Eu non vou poder estar, que me toca viaxar este dia; así que se algún queredes e podedes, seguro que a ocasión o merece. Se por min fora iría na dorna, veleando, e quedaría a durmir por alá para volver domingo.
O acto insírese no programa da Festa do Marisco do Grove, e constará dun xantar social, sobremesa e mesa redonda. Toda a información en
Animádevos.

09/09/2008

PARROCHEIRA 2008


Ola de novo!
E por primeira vez (que se saiba) unha representación do Lajareu, integrada por este reporteiro e familia, acodiu á xuntanza de embarcacións tradicionáis da Parrocheira (para nos Xoubeira) en Ferrol.

Hai diversas cualidades particulares que caracterizan aos ferrolanos. Unha é a sua capacidade organizativa e inclinación asociativa (seguramente relacionadas co movemento obreiro). Outra é o seu sentido do humor, directamente conectada con outras duas: a sua excelente afinación vocal e natural predisposición ao canto; e a sua inesgotable capacidade inventiva e rosolutiva en todo o que ten que ver coas habilidades técnicas e manuais, específicamente as relacionadas coa construcción naval (evidentemente relacionada coa sua tradición industial).

Este conxunto de virtudes fan especialmente recomendable acodir ás citas mariñeiras de Ferrol e bisbarra (Ferrolterra). De seguro se encontrará unha boa organización do evento, ou no seu defecto, capacidade para improvisala; daranlle a un de comer ben e abondo; e regalaranlle a orella con ben entonadas cancións mariñeiras, como solistas espontáneos ou en coro (manifestación esta do sentido social e organizativo do que antes falaba).


E xa no que atinxe específicamente á navegación tradicional, terá un a ocasión de admirar a enorme diversidade de embarcacións e aparellos que a tradición nuns casos e a inventiva e espíritu creativo noutros, (ou a perfecta combinación de ambas) fixeron proliferar por aqueles mares ártabros.

Aquí vai unha pequena escolma do que poidemos disfrutar no Encontro:

En primeiro plano temos un bote de adestramento de mariñeiría da armada. Recentemente recuperado pola sección de embarcacións tradicionáis Clube do Mar, aparella duas velas de martelo ao terzo ao estilo cantábrico.

Na sua proa navegan dous botes das Rías Altas con vela latina, e, no medio deles unha curiosa embarcación de calime (alomenos a tabla superior ou "de cubrir") e coa proa recta e moi lanzada. Arbola aparello de cangrexa e foque de traza singular. Non souben do nome preciso desta tipoloxía, inda que por alí me dixeron que era(ou viña sendo) unha dorna!
Bolinando polo bordo de terra temos o o característico bote de Ferrol con vela de pico (latina). Este concretamente cun mínimo martelo na proa que conforma a característica vela "mística". Por certo: o nome da vela "mística" ven do áraba "mistha", que que designa un tipo de embarcación antiga que usaba este tipo de velas. Nada que ver co misticismo.

A meirande parte das velas latinas en Galiza son místicas, xa que este pequeno martelo facilita a manobra da vela e resulta especialmente axeitado en embarcacións de pouca eslora. Tamén en Cataluña os botes máis pequenos ("bots" ou "bussis") acostubaban arbolar velas místicas, quedando os aparellos de latina pura para os llauts de máis tamaño.
Como exemplo da capacidade inventiva e resolutiva dos ferrolanos temos esta preciosa dorna na que tiven ocasión de dar uns bordo pola Ría e tirar desde ela as fotos que vedes. O seu patrón, Jóse (que non é este), recibiuna nun estado lamentable, pero recuperouna con mestría, dotándoa de elentos personáis que, a meu xuizo, non a desvirtúan. Meteulle a cuberta de teka, que lle axuda a resistir as inclemencias do tempo no seu pantalán da Graña. A popa ten un realce para soportar o motor que recorda moito ás fasquías da mariña inglesa do XIX (ao parecer de quen vos fala); e a proa está realzada para afrontar a dureza do mar de fora que gastan por alá.
A dorna arbola unha vela de relinga radial que Jose tamén recibiu en estado lamentable, pero, facendo da necesidade virtude, soubo aproveitar a base de recursos eficientes, como este sistema "cunningam" (xogo de poleas) que lle axuda a trimar a relinga e planchar a veliña que da gusto. Aos ortodoxos e gardiáns das esencias (que non son poucos) pareceralles unha desnaturalización, pero eu, qué queredes que vos diga, admiro a Jose pola sua iniciativa e polo resultado, e prefiro gozar da navegación desta dorna singular, pero mariñeira e súa, que vela apodrecer nun lameiro ou abrir co sol nunha rampa; e felicito desde aquí Jose pola sua labor. De sobra hai quen ande en lanchas de plástico!. Un saudo tamén a Dani que mantén dorna no peirao das Couruxeiras agarrando o cabo de amarre co xeito que dan os anos de mar.
E por úlimo; inda que non sexa unha embarcación tradicional, deixádeme unha vez máis poñer a foto desta marabilla. É un cutter inglés de máis de 95 anos. Un auténtico clásico. Mirade qué roda curva, e o lanzamento da popa... ¿non vos recorda a algo? Pertence a un irlandés que vive na Coruña e ten o seu porto base en Redes: alí fondeado como o barco mariñeiro que é. Acode a todas as citas da navegación tradicional e nos regala a vista coa sua estampa. Tédelo que ver navegar! Ainda pode arbolar unha escandalosa. E leva unha gavia en cruz para armar unha vela cadrada nos ventos de popa!.

Velahí o tedes: Non hai un cabo moderno nen unha polea que non sexa de madeira ou de baquelita. Ata disque non leva motor!


E nos, que vamos de tradicionáis...!


Felicidades irlandés!

04/09/2008

Regata a remos em Siljarnäs


Ola outra vez mariñeiros:

Aquí tedes esta magnífica colaboración ao blog de José e Silvia que nos envían estas fotos e texto:

Se lembrades, fai dous anos apareciam no blogue umhas fotos da nossa viagem à Suécia, da "lancha para ir à misa", esse era o seu nome. O amigo que nos acompanhou entom, conseguiu estar mais umha vez no lago Siljan justo o dia da regata. Aqui tendes duas equipas dirigindo-se à linha de saída. Se fai dous anos viamos esta "traineira a calime" como esses barcos que colocam nas rotundas, aquí podede-lo ver no seu meio e em acçom.
José e Silvia da Rabuda