O clube Lajareu por Barlovento, xunto a R.e I. Cofradía da Dorna, organizamos para este sábado día 3 de setembro unha xuntanza de embarcacións e travesía na que faremos unha homenaxe ao carpinteiro de ribeira, mestre dorneiro, Domingos Ayaso Oujo, co gallo da sua xubiliación, e pola súa traxectoria e selo na construción destas senlleiras embarcacións.
Así mesmo, tamén teremos unha lembranza para o noso querido compañeiro e amigo recentemente falecido, Alberto Romero Bermo; e para Xosé Bermo, "o Americano", membro destacado do clube e mestre de mestres na navegación e cultura da dorna, que também nos deixou hai escasos anos.
Gostariamos de contar coa participación de todas as asociacións, clubes, e persoas interesadas, sendo o programa o seguinte:
Ás 11:00 da mañá reuniranse todas as embarcacións na zona do náutico de Ribeira, a carón do galpón do Lajareu para pormos proa a Palmeira e desembarcar no histórico porto para tomar um refresco.
Ás 14.30 horas, de volta no galpón do Lajareu, rendiranse as homenaxes programadas, e faremos un xantar para pasar unha tarde de convivio mariñeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario