Un pouquiño de bo humor, que falta fai...
Esta é a bitácora da A. C. Lajareu por Barlovento. Lajareu por Barlovento é unha asociación cultural e deportiva que se dedica á promoción da navegación tradicional en dorna. Ten a súa actividade en Galicia, principalmente en Ribeira, na ría de Arousa.
28 de maio de 2012
14 de maio de 2012
A terceira proba rematou en encalmada
A
terceira proba da regata de primavera 2012 comezou preciosa, coa saída en Coroso e unha boia de desmarque
nas Miñoteiras. Como viña un lestiño-nordés había que bolinar para
chegar ao desmarque: uns fomos para Coroso apurando o bordo ate a mesma
area e outros sairon para fora, o encontro das duas frotiñas cruzándose
na mesma boia de desmarque foi un espectáculo. Dalí había que navegar de
aleta proa ás Eiroas, pero nesas empezou a caer o vento e caeu e
caeu... Quedamos alí andando uns centímetros por minuto a tarde toda.
Había nubes altas no ceo, pero quentaba... Victor e Santi aproveitaron
para darse un baño, incluso. Xa un non sabía de onde viña o vento. Veña cambiar vela, veña quitar e
poñer vara... Ata que a cousa non se tivo en pe e o xuiz pitou a fin da
proba.
A partir de ahí: unha festa, uns volveron remolcados e outros fomos a bogar.
A Praia das Carolinas a bogar logo dunha regata deste de inverno. |
8 de maio de 2012
2ª MANGA DO XVI CAMPEONATO DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA
A Xaimiña, da Pobra, dominou case toda a regata. A Áncora, xusta vencedora.
Às 16,30 horas do pasado sábado 28 de abril dábase a saída desta nova manga, na
que teríamos uns protagonistas moi especiais Xaime, pai e fillo, este último
como novo patrón desta dorna lendaria, e que desde que comezou no pasado campionato de este ano, está a facer
un papel digno de salientar,e co que
haberá que contar para as próximas edicións, xa que está a demostrar unha
regularidade sobresaínte.
Nesta ocasión o vento, de entre 10 e
14 nós, sopraría de forma regular durante toda a xornada, tarde esta moi agradable
se non fose polo fortísimo chubasco que entraría a última hora, ao que
acompañaban refachos de máis de trinta nós, e obrigaría, por precaución, a abandonar e ser remolcadas pola lancha de
salvamento marítimo aquelas dornas que aínda non chegaran a meta.
Na saída, do medio da rada, as embarcacións debían deixar por estribor a
boia de desmarque, situada preto da praia.
Neste primeiro treito sería a Xaimiña a que pasaría de primeira, e
seguida moi de perto pola Lusiña, e pola Rabuda.
Ata o seguinte paso, Illa de Rúa, e despois dunha empopada moi
pechada, non habería mudanzas na
clasificación dos primeiros postos.
De aquí sería a Áncora a tomar a posición de cabeza, debido en parte á
saída do temón que sufriu a Xaimiña despois de tocar nunha pedra, aínda que
este percance non seria suficiente para facerlle perder os postos de cabeza
facendo unha excelente segunda posición.
Os veteranos mariñeiros, Adelino e Agustín da Ancora, serían os que acabarían primeiros, despois de facer unha
navegación perfecta, sen abrirse moito cara a praia da Corna como farían a
Fiuza ou a Cachi, nin tampouco irían cara as Airoas como farían a Tixosa,
Rabuda, Praia das Carolinas ou a Volandeira. Esta decisión de ir polo medio sen alargar moito os bordos, demostraría
ao final ser o acertado, xa que o vento estaba xusto de proa, dende Rúa ata a liña
de meta.
A Vikinga, gañadora da última proba da regata de inverno, con Fernando á caña e os novos navegantes do Lajareu, Carmen e Carlos. Non hai como empezar gañando para collerlle o gusto. |
Destacar o traballo feito polos tripulantes da Tixosa, os únicos que elixiron o bordo ata as Airoas, acadando ao final a terceira posición. A Fiuza tivo que sufrir no seu último treito, os fortes refachos de mais de trinta nós. Severino e Carlos farían, do porto da Insuela ata a meta, unha empopada vertixinosa. Esta dorna sería a última en poder chegar a meta polos seus propios medios.
A clasificación desta manga:
1-Áncora
2-Xaimiña
3-Tixosa
4-Sandra
5-Cachi
6-Rabuda II
7-Lusiña
8-A Fiuza
Dornas que non finalizaron:
-Vikinga
-Praia da Carolinas
-Ardentía
-Volandeira