19 de maio de 2011

X Encontro de Embarcacións Tradicionáis de Galicia.








Ola a todos. Como xa sabedes moitos, e para os que non o saibades, este ano toca Encontro de Embarcacións Tradicionáis http://www.carril2011.es/X-Encontro-de-Embarcacions-Tradicionais-de-Galicia/gal/

A festa por excelencia da Cultura Mariñeira, onde nos reunimos todos os que andamos (ou navegamos) nisto en Galicia e parte do extranxeiro, para celebrar a nosa afición, disfrutar xuntos dela, dar a coñecer ao público en xeral a inmensa riqueza cultural e patrimonial que conservamos recuperamos, e promover o interese e coñecemento das embarcacións tradicionáis na sociedade.

Este ano o Encontro celébrase en Carril, ainda que hai actos previstos en Vilaxoán para extender a festa tamén a este porto.

O pasado sábado houbo unha reunión informativa en Cambados onde os representantes da asociación convocante Rompetimóns (Carlos e Petín), e Víctor de Bouzas, presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, informaron a representantes das asociacións das diversas cuestións de interese. Alí acudiu noso José, da Rabuda, que tomou boa nota do que se dixo; información que completamos co publicado noutros blogues:

ACTIVIDADES:

O Encontro comezará o fin de semana anterior á cita principal, con dúas xornadas previas, os dias 25 e 26 de xuño, en Vilaxoán, para que os que queiramos achegarnos teñamos festa e actividades, e os que queiramos levar as dornas esa fin de semana teñamos onde amarralas.

Os amarres das xornadas previas están previstos na zona dos bateeiros do porto de Vilaxoán, e poderán quedar alí, en principio ata o xoves día 30, data prevista para a travesía a Carril; ainda que tamén poderán deixarse ata o venres ou o sábado coordinándose cos membros da organización.

O sábado 25 de xuño en Vilaxoán poderá visitarse a exposición fotográfica "Memoria do mar", e unha exposciión de maquetas das primeiras bateas; haberá unha mostra de “encascado” de velas e redes, e se proxectarán os documentais "Memorias do salazón" e "Bueu, unha bota de altura". O conxunto musical Combo Mariñeiro amenizará a cita.

O luns 27, xa desde Carril comezan as visitas guiadas á Illa de Cortegada, que se prolongarán durante todo o Encontro

O xoves 30 de xuño está prevista a saida das embarcación desde Vilaxoán contando chegar á rada de Carril sobre as 15:00 horas.

Esa mesma tarde ás 19:00 horas inauguraráse o Encontro co xa tradicional izado de velas ao son das buguinas e campás.

É MOI IMPORTANTE que inscribades canto antes dornas e tripulacións para facilita-la organización dos amarres e a mellor ubicacións das embarcacións.

Sendo o Encontro na Ría de Arousa contamos con que haia dornas “como area” (“a punta pala”, para os de terra); así que está previsto que, alomenos as da Cultural Dorna (Ill de Arousa), queden varadas na praia de Carril, constituindo xa de por sí un espectáculo admirable.

O venres 1 de xullo (en Carril) terá lugar unha das actividades máis importantes: a Xornada Técnica sobre recoñecemento das embarcacións tradicionais como barcos senlleiros e reivindicación dunha lexislación propia. Además do seu interese intrínseco para todos nos, a xornada contará coa presencia de representantes da Xunta e a Mariña civil, e polo tanto debemos contribuir, coa nosa presencia masiva, a demostrarlles o moitos que somos e a importancia do que representamos, especialmente nestes tempos de crises e retalladas do gasto público que xa estamos padecendo.

Igualmente está prevista para ese dia a proxección do video "Galeóns na Arousa" e un concerto de música xoven (coma nos).

O sábado 2 de Xullo (en Carril) poderá verse la película "20 anos recuperando o patrimonio", que recolle a recuperación da lancha xeiteira Marina e a construcción da sua réplica, Nova Mariña.

Tamén haberá danzas, regatas e, á noitiña, concertos musicais.

O domingo 3 de Xullo (en Carril) haberá visitas guiadas do público ás embarcacións amarradas, actuacións e animación para os máis pequenos.

Durante os Encontros as ruas de Carril terán ambientación mariñeira, escenificacións, mostras de oficios tradicionais, e venda de libros.

NAVEGACIÓN:
O campo de regata e zona de navegación libre estará delimitado por boias.

E da máxima importancia respectar esta delimitación para non prexudicar o marisqueo da ameixa, principal fonte económica da vila.

Os horarios das regatas e actividades de navegación veñen condicionados polas mareas.


LOXÍSTICA:

Haberá aloxamento para as tripulacións en colchonetas no pavillón de Carril.

Aparcadoiro de remolques (no patio do colexio público).

As comidas serán, como ven sendo habitual, nunha carpa instalada no entorno do porto, e, como en anos anteriores, distribuiránse mediante bonos cun prezo total de 25 € para tódolos xantares e ceas, ainda que tamén se poderán adquirir bonos para un xantar ou cea concretos ao prezo de 5 euros.

É nada máis me queda que animarvos a todos a participar no Encontro, con dorna ou sen ela, por mar o por terra, os dias que cada un poida. E tratar de colabourar coa organización o máis posible. Este é un ano de grandes retalladas tamén nos oramentos do Encontro. As administracións tardaron moito en concretar e a organización, consecuentemente, moito en programar e organizar, así que correspóndenos a nos poñer todo o que podamos da nosa parte para que o Encontro volva ser un éxito e demostre á sociedade a importancia de apoiar as embarcacións tradicionais e a cultura mariñeira.

E para colabourar, o primeiro e inscribirse canto antes, neste vínculo: http://www.carril2011.es/X-Encontro-de-Embarcacions-Tradicionais-de-Galicia/gal/inscripcion.php

1 comentario:

  1. Aúpa a Rabuda II e a Moura! Tremenda navegación nos Encontros! Parabéns para toda a parroquia de Lajareu por Barlovento.

    ResponderEliminar