4 de mar. de 2008

Port de la Selva

Ola de novo mariñeiros. Vámoslle dar unha pouca "vidilla" ao noso blog con outra pequena reportaxe; esta vez na miña segunda terra, ou mellor dito, no meu segundo mar: o Mediterráneo bravo da Costa Brava catalana, donde boto algunhas semanas ao ano polo feliz motivo que todos coñecedes. Concretamente o meu destino é o Port de la Selva.
La "Selva" (A Fraga) é unha viliña agochada atras dun monte un par de kilómetros terra adentro. Aquí estiveron aturando os ataques dos piratas berberiscos unha chea de anos. As vilas estaban apartadas do mar e tiñan torres de defensa. No porto, no "Port", os da Selva non tiñan máis que as barcas e catro barracas para os aparellos. Cos tempos e co expolio dos tesouros das américas, os piratas marcharon para o Caribe e para os mares de Cádiz e Sevilla, e a Costa Brava quedou en paz. Daquela moitos da Selva instalárose no Porto, que chegou a ser unha preciosa vila mariñeira.
Pola sua situación afastada (case chegando a Francia), as dificuldades de acceso, e a falta de grandes areales - como os das praias veciñas do Golfo de Rosas- o Port de la Selva tivo un crecemento urbanístico razoable e un turismo contido e reservado a unhas cantas familias ben ou veraneantes "de toda a vida". Este feito, sumado ao de lindar có parque natural de Cap de Creus, fixo que, nestes tempos de aberracións urbanísticas e degradación das costas, o Port de la Selva inda conserve un aspecto xeitoso e auténtico. Aquí vemos o Port de la Selva dende o mosteiro románico de Sant Pere de Rodes, que domina a badía e dominou noutro tempo aquelas terras. Xa eles navegaban este mar e outros antes...

A Costa Brava é brava nas pedras e cantiles duros da costa, case sen abrigos, e brava no mar da Tramontana que sopla, cada cando en cando, cinco ou dez días seguidos a cen kilómetros por hora constantes; vento duro de Centro-Europa que se acanala entre os Alpes e os Pirineos e sale por aquí con toda a furia levantando un mar que hai que velo.

E para eses mares eses barcos: os Llauts: a tipoloxía tradicional do Mediterraneo: barcos fortes, poderosos, duas proas, francobordo bo e o aparello de latina, que alí dominaron ao máximo, chegando a velear con manobras e posicións imposibles e cheas de plasticidade; pero que tamén perderon axiña, pola ceda industrialización daquel país.

Pero pese a todo aquí están, recuperados por eses tolos lúcidos, coma nos, namorados do seu mar, das suas embarcacións tradicionáis, e do seu velear. Cada vez se ven máis barcas aparelladas a vela latina, mesmo recuperaron máis dun barco sardiñeiro, "llauts quillats" de vinte metros, co seu esforzo colectivo.

Pero o que máis me chama atención do Port de la Selva, e é o que vos quero amosar, non son as suas iniciativas a prol da recuperación das embarcacións tradicionáis, senón o pantalán do Náutico.
Velahí o tedes: cheo de embarcacións modernas de fibra (algunhas tamén de madeira) perfectamente adaptadas ao seu uso de lecer actual, pero que recrean no seu tipo e fasquía os tradicionáis llauts cataláns. Ocupan máis de dous terzos dos amarres do Clube Náutico e a escena repítese en cada Náutico e cada Mariña da costa catalana. ¿Non vos acae unha fonda reflexión? Coa nosa inmensa riqueza en tipoloxías de embarcacións tradicionáis, coa singularidade e excepcionáis cualidades mariñeiras da nosa dorna, ¿cómo é que nos clubes náuticos de Galicia hai o que hai, e nada do outro? A resposta está, como todo, na xente, na mentalidade, na sociedade, na cultura.
Porque as clases medias e altas de alá queren un barco de recreo propiamente catalán, con todas as comodidades modernas, pero cunha fasquía e unhas liñas nas que se podan identificar: "a identidade", da que fala o noso ben querido Stafan Mörling. Esta xente identifícase nas súas propias manifestacións culturales, como tamén o é a lingua, porque os socios do Náutico de Port de la Selva falan maioritariamente catalán. ¿E nos? ¿Qué se ve nos clubes náuticos da nosa costa? ¿E qué se fala?. Igual por eso a eles lles vai así e a nos... así nos vai!. Pero non desesperar, que ao fin e ao cabo é unha cuestión de atraso socioeconómico e cultural e, ha de custar, pero habemos chegar... ou non...